sábado, 8 de marzo de 2014

8 De Marzo Día Da Muller

E un ano máis no 8 de marzo celebramos o día da muller.
Un día que conmemora a loita da muller por atinxir todos os dereitos, en todas as actividades da vida, en igualdade co home. 
Xa vos contei aquí no blogue, que foi elixida esta data, en homenaxe a aquelas operarias dunha fábrica, en folga, para reivindicar mellores condicións de traballo, alá polo século XIX, en Nova Iorque, e que foron encerradas e queimadas na fábrica por atreverse a tal.
Desde aquela, moito tempo ten pasado, moitas máis mulleres continuaron a loita e moito se ten conseguido.
Pero non podemos parar e pensar que xa está todo feito. Non podemos sentarnos a ver a vida pasar.
Aínda hai moito por facer. E sobre todo teríamos que evitar os retrocesos naquilo que xa temos conquerido. 
Por iso, a loita continúa!

martes, 4 de marzo de 2014

Sensibilidade E Beleza Detrás Da Máscara

Xa falei aquí no blog de que hai persoas que pasan a vida levando unha máscara. Esa máscara é a que mostran cando están diante de quen lles interesa. Esa máscara axúdaos a triunfar, a ser alguén na sociedade na que viven. Pero cando quitan a máscara son persoas completamente diferentes e mostran a ruindade que está no seu interior.
Hoxe quero volver a falar de máscaras pero doutras totalmente diferentes.
Pois tamén penso que hai caretas que serven de escudo e protección a persoas sensibles, que non amosan a súa boa realidade porque queren afastarse de si mesmas e dos demais. Están con medo de ficar magoadas e actúan con temor de non poder recuperarse das feridas.
E eu quixera hoxe animar a esas  persoas a que solten a goma da carauta, que se liberen do seu anteface, que deixen a coraza na casa e que sexan capaces de deixarnos descubrir a súa sensibilidade e a beleza que, de seguro, hai no seu interior. 
Nós ensinarémoslles que non hai nada mellor que mostrarnos tal e como somos. Así é como realmente vamos estar en paz con nós mesmos e vamos conquistar aquilo que nos importa de verdade... Porque non hai cousa más bonita que a verdade!!!

martes, 25 de febreiro de 2014

Ti Es Inspiración E Segredo

E ti sabes que ti es quen me pon a funcionar.Ti sabes que todo o que eu fago, fágoo por ti. Ti es a fonte da miña inspiración. Por ti fago todo o que eu fago. Por ti é que eu quero brillar, destacar... E parece que iso funciona. A túa presenza na miña vida faime ser o que hoxe son... E ti sabes que todo iso é por ti... Ti es a miña inspiración e o meu segredo...Por ti eu, aínda hoxe, son Camelia Branca Do Ar...

martes, 18 de febreiro de 2014

Un Forte No Océano Do Esquecemento

Xa lles pasou estar nun lugar en compañía de algunhas persoas e sentiron que estaban de máis?  Que sensación tan rara esa de saber que se está presente pero que somos como seres invisibles a quen os demais nin ven, nin oen, nin teñen en conta, verdade?
E neses momentos un pregúntase que debe facer...
E nun primeiro momento decidimos ficar e ver se as cousas mudan, se os ventos cambian e sopran favorables para nós... Pero iso non acontece, mais aínda así, resistímonos a abandonar e non tiramos a toalla. Continuamos a loita para mostrar que estamos alí, que tamén sabemos, que tamén queremos opinar...
Mas é batalla perdida, cando os outros non queren é un loitar imposible contra os elementos... Somos como un forte abandonado no mar, rodeado pola infinidade da ignorancia...
Así que tomamos a decisión de recuar, de tirar todo pola borda e abandonamos o barco...  Que outro colla o temón... Nós simplemente mergullamos nas ondas do océano do esquecemento...

venres, 14 de febreiro de 2014

Amor Todos Os Días

E disque hoxe é o día dos namorados...
Pero eu, como moita máis xente, non acredito que haxa só unha data na que celebrar o amor...
O amor celébrase todos os días, nese constante apoio mutuo...
Porque eu creo que
Hai amor nos bos días de cada mañán,
Hai amor no bico de boa noite,
Hai amor nas palabras de ánimo 
Cando as nubes da tristura        
Ocultan o sol do noso ceo.
Hai amor tamén no silencio comprensivo,
Hai amor no esquecemento dos erros,
Hai amor na complicidade,
Nese entendemento sen palabras.
Hai amor na compañía do día a día
Hai amor... No amor...

sábado, 8 de febreiro de 2014

Vivir O Regalo Da Vida

Quixera poder ser como algunha desas persoas que nin senten nin padecen, que dá igual o que aconteza ao seu redor, nunca se alteran, todo lles esvara...
Eu non podo ser así... Teño dentro tanto sentimento que necesito expresar o que me vai por dentro en calquera das situacións que me toca vivir.
Botar para fóra, os bos sentimentos, iso é fácil. Mesmo parece que a todo o mundo lle gusta ver á xente feliz, desfrutando da vida...
Mas... E a rabia contida que nos corre polas veas cando nos sentimos desilusionados? E a dor de sentirse traizoado??? E a tristura que se marca na nosa cara e que quita brillo ao noso ollar cando un amigo nos deixa de lado???
Pois tamén terei que aprender a lidar con iso... Terei que pasar a folla dese capítulo do libro da miña vida!!!
O que non penso facer é deixar de vivir a vida... Porque a vida é o noso mellor regalo!!! Claro que sí!!! E a pesar de todas as zancadiñas e as trampas que nos queiran poñer ao noso paso, a vida é fermosa, hai que vivila e saborear todos e cada un dos moitos motivos que temos para ser felices!!! ¡Tantos!!!!!

sábado, 1 de febreiro de 2014

Fuxir, Escapar Do Noso Destino

E hai días en que só queremos saír
Sen un destino fixo...
Só queremos iso, fuxir,
Escapar á nosa rutina.
E alá marchamos,
Sen rumbo,
Pensando evadirnos 
daquilo que nos oprime.
Pensando Esquecer                                         
E deixar atrás aquilo
Que nos pesa na alma...
Pero, ás veces,
O camiño non nos deixa continuar.
Impídenos seguir...
E será que non era por aí?
Ou será que non
Podemos escapar
Ó noso Destino???

martes, 28 de xaneiro de 2014

A Fortuna De Ser Feliz

Hai quen di que para ser feliz basta con querer ser feliz.
Non vou ser eu quen diga que isto non é verdade… Antes de nada está a vontade de cada un, e despois todo o demais...
Pero ás veces non somos nós sós a decidir a nosa vida.
Non somos nós sós a levar as rendas do noso destino.
Si, ti fas todo o posible para ser feliz, pero chega a deusa fortuna e decide o contrario… Ás veces disfrazada de falsos amigos que din que queren axudar, que por diante ofrécenche a súa axuda,  pero que á  mínima déixante na estacada e incluso veñen e por detrás danche a puñalada… 
E sintes pena... Pena desas personas que non saben valorar unha amizade verdadeira e que estragan anos de partillar confidencias e ledicias, así, polas boas... 
Entón a túa decisión de ser feliz fica aprazada … 
Xa serás feliz outro día …

xoves, 23 de xaneiro de 2014

Melancolía E Soidade


E hai días así...  
Días tristes, aburridos
en que non nos apetece facer nada...
Días en que só lembramos cousas 
Que non nos fan ben...
Nada nos alegra,                 
Nada nos levanta o ánimo...
Só nos queda esperar
A que todo pase
E esta melancolía desapareza...
E con seguridade
Que días mellores virán... 
Días en que unha palabra amable,
Un xesto, 
Tal vez un sorriso,
Leven con eles as teas de araña
Da nosa soidade...

sábado, 18 de xaneiro de 2014

O Bico Da Chuva

E, xa sabedes,
Nestes días só temos
Chuva, chuva
E máis chuva...
A miña alma, saudosa
Dos paseos pola beira do río,
Non quere ficar                  
Máis tempo encerrada...                  
Loita titanicamente
Contra a miña razón...
E, vitoriosa,
Faime saír,
Lonxe do abrigo
Destas catro paredes
En que me atopo.
E así, nada máis pisar a rúa, 
Sinto o bico húmido e frío
Desta compañeira,
Que así me recibe,
E que continúa,
Imperturbable, 
Sempre ao meu carón.

martes, 14 de xaneiro de 2014

Pingar De Chuva No Inverno

Inverno.
Auga a caír do ceo.
Chuva con arte 
Para pintar marabillas na nosa paisaxe.
Eu, solitaria detrás do cristal da miña ventá,
Lembro o son das follas molladas,
O seu ruxerruxe,
compañeiro do meu camiñar.
Ollo para a rúa.
Miro a xente correr 
Debaixo dos paraugas,
As nubes empurradas polo vento...
Sinto o pingar incesante da auga,
Que así, moi devagar,
Vai formando as pozas
Que fan as ledicias dos rapaces.
Ai, quen aínda puidera 
Coma eles alegremente brincar...!

xoves, 9 de xaneiro de 2014

Los Suspiros Son Aire Y Van Al Aire

E así, pouquiño a pouquiño, chegamos ás 35.000 visitas!
Los suspiros son aire y van al aire.
Las lágrimas son agua y van al mar.
Dime, mujer: cuando el amor se olvida,
¿sabes tú adónde va?
Gustavo Adolfo Bécquer

domingo, 5 de xaneiro de 2014

Noite Máxica, Noite De Ilusión!

E din por aí que hoxe é a noite da ilusión... A noite da maxia... A noite na que Os Reis Magos De Oriente visitan os fogares... Mais iso só sucede se durante todo o ano fixeches os méritos para que iso poida acontecer! 
Eu, polo si ou polo non, creo que xa vou  durmir, para que as Súas Maxestades, Os Reis Magos me deixen algún agasallo no zapato! ¡Porque si, amigos e lectores de Camelia Branca do Ar! Na miña casa, continuamos con esa tradición que aprendín cando era pequena na casa de miña avoa, e todos deixamos o noso zapato debaixo da árbore de Natal... 
E sabedes unha cousa??? Parece que iso da maxia funciona... Si!!! No dia 6 de xaneiro os zapatos, polo menos ate o de agora, aparecen acugulados de regalos! Cheos a rebentar...
O dito... Xa vos deixo... Vou durmir!!! Me parece que os camelos xa andan aquí pola miña rúa...
 
Ah! Non! Aínda non podo!
Primeiro teño que deixar as galletas... Ben, non, mellor rosca e... un bo viño, para os Reis, e auga para os camelos!!! Despois de traballar arreo penso que ben o merecen!
Ah! Non me esquezo! Moitos agasallos para todos!!!Mañá xa me contaredes!!!

luns, 30 de decembro de 2013

Feliz 2014: Mellores Días Virán!!!

E o ano, pouco a pouco, vaise despedindo, levando todo o que nos aconteceu: momentos felices, alegrías e tristuras, pensamentos e desexos, historias de chegadas, encontros, e tamén de despedidas... De todo un pouco... Un ano en que fixemos plans, soñamos e continuamos este noso camiño na vida... Triunfamos ou ficamos derrotados, mais non podemos reclamar de perdas, obstáculos e pedras no camiño, de chuvas e desafíos, porque iso é a vida...

E así, aos poucos, o ano vaise despedindo, pero coa seguridade de que aquí estaremos e seguiremos a andar polos carreiros da vida, confiando en que neste novo ano que está aquí xa ás portas, neste 2014 mellores días virán!!!
Este é o meu desexo para todos vós, amigos e lectores de Camelia Branca Do Ar: Que 2014 veña cargado de novas metas, novos soños, novas enerxías para realizar esas conquistas, de vitorias e alegrías, de sabedoría e de moita PAZ! ¡Feliz 2014!!!

luns, 23 de decembro de 2013

¡Si, É Nadal! ¡Feliz Nadal De Paz!

¡É Nadal! ¡Feliz Nadal!!!
Si, é Nadal, esa época en que O Mundo enteiro fai votos para unha vida mellor.
Si, é Nadal, pero eu quería que non fose só  hoxe.  
Nadal, por que non pode ser sempre?
Porque Nadal é moito máis que árbores, grilandas, agasallos e luces...
Hai quen di que somos feitos para a felicidade, para a paz e para a bondade... E é nestes tempos que estamos a vivir cando nos decatamos realmente de que así é.
Nadal tamén é o espírito de amizade e de compartir que debe brillar o ano enteiro. É o dar e tamén o recibir, é bondade e tamén respecto, é a esperanza nun mundo mellor.
Eu penso que é sempre Nadal onde haxa esperanza de paz e a ledicia de simplemente ser e vivir. Porque a Vida, aínda que non veña envolta en papel de regalo, non cabe dúbida de que é un agasallo.
É Nadal cada vez que aquecemos con tenrura os corazóns daqueles que nos acompañan na nosa camiñada pola vida. É Nadal cada vez que sorrimos e descubrimos con alegría aquelas luces que levamos gardadas dentro de nós e sacámolas fóra para iluminar o noso camiño e o daqueles que connosco van.
Por iso é o desexo de Camelia Branca Do Ar que todos manteñamos brillante o espírito do Nadal, agora e sempre e que cada paso no camiño nos leve ata a PAZ!
CLICAR NA FOTO PARA VER UNHA PRESENTACIÓN DE NADAL
https://2dd17efb-a-62cb3a1a-s-sites.googlegroups.com/site/mcmoledogz/Feliz%20Nadalcame13.swf?attachauth=ANoY7coylekdm1s1RDwEpGr3s7jMrfL72BA32Le9HAdF1awKIJUO0TXH6SODNs27rpEpIJcSKylWOwRKrDItxtft_ZSyLytUWUNdUmrV148KGbrbUWPQZyhIAV4KGDpJZ6HVt_R7DfXxL0PifAVLpdgj50n5Ol65HDRIOXN869fz_Hux9VTPyquNiwC5JFgX6_c7A1rAzdtqeG6336NDiZ3novPHip_eOQ%3D%3D&attredirects=0
 ¡Si, é Nadal! ¡Feliz Nadal!

venres, 20 de decembro de 2013

A Ledicia Da Túa Presencia, Laura!

E parecía que hoxe era un día máis. Un día como outro calquera, de levantarse e ir traballar. Un día máis.
Pero resulta que era o último día do trimestre. Eu non quería pensar, estaba calma, tranquila...
Pero comezaron as celebracións, as músicas...
E vós non estabades alí...
E comezaron a chegar os antigos alumnos, todos feitos un sorriso, a falar coas súas profes... E vós, os meus, hoxe, non estabades alí, na miña nova escola...
E eu que quería non pensar... Que quería facerme a dura... Comecei a recordar aqueles días xuntos... Aquela última nosa chocolatada na escola, o voso benfacer, o voso entusiasmo... Comecei a ver as vosas caras, os vosos sorrisos... E, claro, a emoción loitaba por manifestarse... Mas vós non estabades alí...
E cando a melancolía xa parecía terse apoderado da miña persoa, entón apareciches ti, coa túa espigada apariencia, cada día máis preto do ceo... Apareciches ti, Laura, toda sorrisos alí a mirar para min!
E entón, sí, coa túa presencia e co teu abrazo desapareceron a nubes da tristura e contigo chegou a sol da ledicia a iluminar o meu día!

domingo, 15 de decembro de 2013

Sol Na Cidade, Alfombra Nos Pés

E hoxe está un día espléndido na cidade.
Un ceo sen nubes, tranquilo, deixa lucir o sol en todo o seu esplendor.
Así a súa capa de raios de luz esténdese sobre os edificios, sobre o río, sobre os parques...
Un día así fai moito ben! Á nosa saúde e tamén ó noso espírito! 
Precisamos sentir calor... O calor do sol, o calor da amizade, o calor dun bico, o calor dun abrazo...Precisamos sacudir de enriba nosa o frío destes días, o frío das ausencias, o frío das envexas, antes de que nos chegue máis dentro, antes de que nos chegue á alma.
Mentres, alí, nos parques e xardíns, as árbores continúan a cubrir o chan con esa alfombra chea das variadas colores con que o Outono nos agasalla, e que, eu, camiñante persistente, piso unha e outra vez para sentir o seu ruxerruxe musical, baixo os meus pés.

luns, 9 de decembro de 2013

Bonita Viaxe En Compañía

Que bonita foi esa viaxe!
Unha viaxe moi sinxela, dirás ti...
Si, unha viaxe moi sinxela,
E aínda así, marabillosa!
Adorei coñecer eses teus lugares
Onde a túa alma saudosa
Busca refuxio e sosego
Neses momentos tan duros
Que ás veces che toca pasar.

A serra onde ti, 
Alma de gustos sinxelos,
Atopas a felicidade
Cun libro nas mans,
Música no ar a sonar
E os raios do sol por compañía.
Por iso só podo dicir:
Bonita a paisaxe,
A confianza
E a compañía!

venres, 6 de decembro de 2013

Nelson Mandela In Memoriam

O meu cariño, admiración e respecto ao Líder Nelson Mandela!
Morreu Nelson Rolihlahla Mandela  e o mundo ficou máis pobre. Pero como el dicía:
«Debemos promover valor onde hai medo, promover a paz onde hai conflito e a esperanza onde hai desespero.» 
Por iso eu teño a esperanza de que as súas palabras continuarán vivas e aínda que unha grande persoa partiu, a súa luz continuará a iluminar por sempre o noso planeta.
Un planeta que está cheo de vida, con momentos e persoas que nos fascinan e nos marcan para sempre. E sen dúbida, Madiba é un deses seres humanos especiais. Un home que loitou pola liberdade dos seus e de todos. Un home que sufriu penalidades e castigos, pero que nunca tirou a toalla, nunca desistiu. E, sobre todo, un home que soubo perdoar.
Símbolo da loita contra o Apartheid e merecido Premio Nobel da Paz, levou esperanza a milleiros de persoas, non só no seu país senón tamén no mundo enteiro, sempre facendo o ben.
Como xa dixen, a súa persoa xa non está no medio de nós, pero si as súas palabras: 
“A morte é inevitable. Cando un home fixo o que considera o seu deber para o seu pobo e o seu país, pode descansar en paz. Creo que eu teño feito ese esforzo, e é por iso, entón, que durmirei pola eternidade,"
"Non hai nada como a liberdade."
... Ata sempre Madiba! Descansa xa en paz!

mércores, 4 de decembro de 2013

Estar En Posesión Da Verdade?

Algunha vez xa lles aconteceu coñecer
persoas que parece que están sempre
en posesión da verdade?
Refírome a esa xente que, se fale do que se fale, elas teñen que levar sempre a voz cantante. Elas parece que coñecen e dominan todos os temas, non importa cales eles sexan. Sempre son as primeiras a falar e tamén son as que teñen a última palabra. Aínda que, na maioría dos casos, despois,  revélanse incompetentes e erradas nas súas opinións, o cal parece non incomodalas en absoluto pois continúan sempre a comportarse da mesma maneira antisocial sen emendarse nin mudar a súa forma de ser.
Fago esta pregunta porque é que ultimamente parece que este tipo de persoas son as que están a chegar, de unha forma ou de outra á miña vida... Claro que non depende de min que continúen a estar presentes nas miñas actividades, pois de ser así, xa tería tomado medidas para non contar con a compañía desta clase de seres humanos.
Falo destas persoas que, cheguen a onde cheguen, queren ser as raíñas da festa e non se importan dos que xa lá estaban cando elas chegan. Así, arramplan con todo o que se lles poña por diante, con tal de facer a súa santa vontade. E, o que é peor aínda, ás veces actúan así co beneplácito de algúns, seres mediocres, que non miran máis alá do seu nariz e que necesitan estar ao pairo desta calaña.
Quen me coñece sabe que, debido ao meu carácter tímido, eu non son así en absoluto e que non me gusta nada esta clase de individuos. Mais, como digo, infelizmente, ás veces, temos que convivir con eles aínda que non queiramos... 
Que saiban que, tanto os que así se comportan, como os que os aplauden e rin as súas grazas, teñen o meu total rexeitamento.
Penso que cando chegamos de novos a un lugar, primeiro temos que observar o que sucede, e sobre todo respectar os usos e costumes e non pasar por riba de calquera a calquera prezo con tal de ter o protagonismo.
Mais tal parece que nesta nosa sociedade actual os valores de sempre xa non se estilan... 
Unha pena que así sexa! Non pensan?

mércores, 27 de novembro de 2013

Momentos Secretos, Insustituíbles, Inesquecibles

E hoxe para min é un dia de lembranzas. De volver a vista atrás e ollar aqueles instantes únicos, de sentimentos intensos que acontecen só unha vez na vida.
Si, porque ás veces, así, sen telo pensado, aparecen feitos, que descobren dentro de nós facetas que non sabiamos, que nos revolucionan o sentido e fan que novas formas de ollar a vida se mostren ante nós.
Son instantes máxicos, claro que si! Eles lanzan o noso corazón a bater dunha forma apresada e tola, sen control.
Momentos que queremos sentir unha e outra vez e que cando desaparecen, nubes caprichosas, viaxeiras no ceo azul, pesan dolorosamente na distancia... 
Mas a lembranza, caracola de son de mar interior, está aí, infíltrase, descarada no pensamento e fai que saibamos que serán inesquecibles e insustituíbles. 
E sempre serán o noso segredo. 
Aninha-me a sorrir junto ao teu peito,
Arranca-me dos pântanos da vida.

luns, 25 de novembro de 2013

Eliminación da Violencia Contra As mulleres

O 25 de novembro está considerado O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A esta data engadíuselle o chamado Día Laranxa, o 25 de cada mes, a fin de destacar todas as actividades levadas a cabo en relación coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres non só unha vez ao ano.
 
Pois de todos é sabido que a violencia, os malos tratos e o abuso afectan a todas horas as mulleres de todos os lugares e dos máis variados orixes. Hai veces en que o ataque provén de persoas descoñecidas, pero tamén hai mulleres que sofren abusos por parte de persoas próximas a elas.
Esta violencia é frecuentemente física pero non debemos esquecer o maltrato psicolóxico coa terrible carga de dor emocional que iso provoca.

Debemos polo tanto estar atentos aos signos de violencia física, con secuelas máis ou menos visibles, e, sobre todo, vixiar a queixa silenciosa da vítima do acoso moral que vai minando as forzas, poucas o moitas, de quen o sofre.

E actualmente, a pesar das medidas que se toman, e de toda a información que existe ao respecto, parece que en vez de ser menos os casos, o número de vítimas vai en aumento. E o que é paradóxico, ou polo menos a min, así mo parece, é que se producen moitos abusos entre parellas xóvenes onde o mozo crese amo da súa noiva e chega a impoñer unha serie de condicións totalmente autoritarias e desmedidas, que en caso de seren incumpridas, terminan moitas veces en maltrato físico.
E o que a min me parece incrible, é que unha rapaza de hoxe en día acepte unha relación con alguén que impón a súa lei, e que lle di como ha de comportarse, con quen pode ou non saír, a onde pode ir ou non, como debe vestir, etc. E o que aínda é peor, é que a maioría destas mozas consideran que ese comportamento por parte das súas parellas é debido ao amor que senten por elas, e non atenden a razóns cando se lles advirte do que en realidade está a pasar…
E eu pregúntome entón: ¿Será por iso que din que o amor é cego???

xoves, 21 de novembro de 2013

Sorpresa E Paixón Dun Bico

O día era lindo e o sol raiaba no alto do ceo.
A túa presenza enchía a miña alma
E eu xa estaba feliz e non esperaba nada máis...
Pero así, sen pensar,
Nun repente dun instante
Chegou o teu bico.
Un bico de sorpresa,                                      
Un bico apresado,                                                       
Un bico desesperado
Que fixo descompasar o meu corazón.
E eu respondín                               
Un bico nervioso
Mas tamén un bico decidido.
Un bico que fixo desequilibrar 
A túa cautela...
E adorei o gusto dos teus beizos.
E adorei a túa lingua na miña.
E adorei...
E adorei...
E adorei... A túa paixón!

xoves, 14 de novembro de 2013

Na Memoria Para Sempre

Hai momentos na nosa vida que quedan gravados na memoria para sempre.
Hai veces, non sabemos por que, non podemos esquecer datas, feitos, paisaxes, persoas... 
Un instante, unha fervenza, unha música, un sorriso, unha palabra, un ollar, un arrecendo, unha flor...
Que fican aí connosco para sempre!

xoves, 7 de novembro de 2013

Música, Un Bico De Saudade

É Outono.
Leva días a chover e chover.
Ríos de auga sen fin.
Hoxe, a tarde está morriñenta
E eu morriñosa.
Lentamente, a escuridade
Vai tomando conta da cidade.
E eu, na miña xanela,
Ollo a xente correr
Tapada, agochada,
Ao abrigo dos paraugas.
De lonxe chega unha música
Aos meus oídos.
E con ela, un bico de saudade,
Que moi de vagar,
Na miña meixela vense pousar.

sábado, 2 de novembro de 2013

Unha Amizade Fiel Dura Por Sempre

Dicía Antonio Machado:
"A flor máis fermosa perde un día a súa beleza. Pero unha amizade fiel dura por sempre."
Eu tamén penso o mesmo que o noso grande poeta... Pero tamén se me dá por cavilar que amizades así hai moi poucas... 
Infelizmente no mundo materialista de hoxe co que máis nos encontramos é con persoas que o que persiguen é simplemente o propio beneficio. 
Entón búscante, fanse “amigos” teus porque precisan de algo que ti tes, para eles medraren de algunha maneira... Mas cando xa conseguiron o pouco, ou o moito que ti podías ofrecer, ou cando aparece no horizonte outro “amigo” que lles proporciona outras ou mellores posibilidades que contigo non atopan, alá que marchan coa nova adquisición deixándote a ti atrás, tirado coma un trapo que xa non serve para nada. 
E o peor non é ese “abandono”. O peor é a sensación de desprezo que che queda de ter sido “usado” sen ti darte conta. Porque ti por ese amigo dabas todo... Porque ti pensabas que a amizade era de verdade... Pero resulta que non o era...    
E así é a vida...

xoves, 31 de outubro de 2013

Samaín: Unha Noite Máxica

Hai quen di que hoxe é o día, ou mellor a noite das bruxas, e tamén a noite dos mortos.
Eu prefiro pensar que todas as noites na Terra son máxicas... Prefiro imaxinar a Terra como un lugar máxico, iso si! Cheo de sementes máxicas, de palabras enlazadas que bailan unhas coas outras e que nos falan de Vida!!!

xoves, 24 de outubro de 2013

Lendo "O Andamento Dos Dias"

Tony, gústame moito o teu libro “O Andamento dos Dias”.
Gústame o seu contido e gústame esa túa maneira de escribir. Unha maneira sinxela que pode parecer fácil a quen está a ler, pero que eu sei como é de difícil expresar así todos os sentimentos que viven dentro de nós e que loitan por saír. E ti fas iso: deixar que os sentimentos voen libres, ou tal vez non tan libres, xa que eles foron pousarse nas follas do teu libro... E no teu libro achamos moitas das cousas que nos preocupan: a sociedade, a xuventude, a saúde, a dor, a doenza... Tantas...
     E moitas outras que nos gustan: o Amor, a Familia, a Amizade..., e, claro, a Música...     E os que estamos a ler, sabemos moi ben que son as túas vivencias, mais tal parece que tamén son as nosas, ata o punto de identificármonos coas túas palabras que nos fan moitas veces exclamar: Ah... pero se iso tamén me pasa a min!
Por iso, aconsello vivamente a lectura de “O Andamento dos Dias” a todas as persoas!!!
E a ti, Tony, muitos parabéns!! E também muito obrigada por partilhares assim os teus estados de espírito...
E já sabes: ficamos a aguardar o próximo!

xoves, 17 de outubro de 2013

Música No Chan A Cada Pisada

É outono. As árbores comezan a deixar marchar as follas que as cobren. Elas déixanse levar collidas da man polo vento. Algunhas voan lonxe, moi lonxe... Outras teñen unha viaxe máis curta e póusanse ao pé do mesmo tronco que ata aí as sustentaba... Non queren fuxir, esa é a súa casa... E xuntas unhas coas outras van formando esa sonora alfombra de tantas tonalidades... Ai, como me gusta perder os meus pés na suavidade dese tapete colorido mentres resoa nos meus oídos esa música que vai xurdindo do chan a cada pasada e a cada pisada...

xoves, 10 de outubro de 2013

Amizade Despois Do Neboeiro

Hai veces en que así, sen pensar, chegan á nosa vida cousas boas. Feitos, encontros que non tiñamos pensado e que, por esas pasadas que nos xoga o destino, márcannos para sempre.
Amizades que xorden tras a sinuosa capa do neboeiro que cubre unha cidade, nun día que non tiñamos que estar alí...
Lazos de cariño que continuarán aí con nós e que nos fan lucir o sorriso que levamos sempre no rostro.  

sábado, 5 de outubro de 2013

sábado, 28 de setembro de 2013

Tarde De Chuva, Tarde Musical



E hoxe choveu a tarde toda.
Mais as tardes de chuva tamén son interesantes.
Ás veces non teñen nada de aburridas.
Quedar na casa sen nada facer, ollar pola xanela e ver a xente a correr debaixo dos seus paraugas, ollar as pingas de auga cair devagar, escoitar o repiqueteo da chuva no cristal, mirar as follas das árbores danzar no ar movidas polo vento e escapar coma tolas lonxe do seu tronco... 
E logo, claro... Está a música... Esa música que me gusta tanto... A miña música de sempre... Ou as novas músicas, esas músicas que agora coñezo e que adoro desde xa.
E hoxe, pois si, foi unha tarde moi musical... 
Todo un concerto no último sábado de setembro que ficará por sempre na miña memoria.

venres, 20 de setembro de 2013

O Andamento Dos Días, Jorge Madureira

Mañá 21 de setembro, na cidade portuguesa de Marco de Canaveses o meu amigo Tony Madureira, do que xa teño falado algunha vez no blogue, vai facer a presentación do seu primeiro libro: “O Andamento Dos Días”.

É este un título moi suxerente na miña opinión. Gustoume moito xa desde o primeiro minuto que souben que ese ía ser o nome da primeira obra do meu amigo Portugués.
E nel, Jorge Madureira, o verdadeiro nome do autor, expresa o que el chama “a vivencia das emocións”... Esas emocións que sentimos no decorrer dos días, na nosa vida cotidiana...
E desde o blogue Camelia Branca Do Ar queremos unirnos a todos os amigos de Tony, e a todos os amantes dos libros e desexarlle o maior dos éxitos nesta súa primeira andadura polo mundo da publicación literaria. 
MUITO BOA SORTE TONY! LÁ ESTAREMOS!

sábado, 7 de setembro de 2013

Unha Axudiña Ilumina A Nosa Viaxe

E si, é certo que, como dixen no post anterior, ás veces temos que enfrontar a vida pola nosa conta... Pero seguro que todos concordan comigo en que é mellor ter unha axudiña, unha man  amiga que comparta connosco o peso da maleta que cargamos nesta viaxe que é a vida.
Alguén que camiñe á nosa beira e axude a non ver tan escura a nosa senda, alguén que coa su presenza ilumine o roteiro por onde imos pisar.

domingo, 1 de setembro de 2013

Enfrontar Desafíos E Lutar sen Axuda

Hai veces que nos toca estar sos, aceptar os desafíos e enfrontar o que nos veña por diante sen axuda de ninguén... E velaí o tedes: aí está el, consigo mesmo, a loitar contra o vento, a loitar contra as ondas do mar...

Pero non teñades medo, el non desiste, non se rende... El xa é todo un vencedor!