luns, 31 de decembro de 2012

Paz E Esperanza En Un Feliz 2013!

O tempo pasa, e xa temos aí o ano novo 2013  a petar na nosa porta. O tempo pasa e nós imos camiñando con el. E ao tempo que camiñamos, os nosos pasos van quedando atrás. Van ficando aí, no chan e van deixando as nosas pegadas ao pisar. Pegadas de todo aquilo que xa se foi, e que xa nunca máis volta...
Anonovo-camelia
Por iso, eu, Camelia Branca Do Ar, quero vos animar a mirar cara a diante, o futuro está á nosa espera: soños do que un día será realidade con cada día que nace.
Que en 2013 os nosos pasos nos acheguen e nos leven, con unha camelia no pelo ou na solapa, por camiños de paz e de esperanza.
CLICAR NA FRECHA NEGRA PARA ESCOITAR A MÚSICA DE ABBA: HAPPY NEW YEAR!

venres, 28 de decembro de 2012

A Alegría Reinou Por Uns Días

E xa había un tempo
en que a casa estaba practicamente solitaria...

E de repente e, pola Maxia do Nadal, voltou a estar chea de falas, de risos e gargalladas, de contos e anécdotas lembrando aqueles tempos en que vós, os catro fantásticos, erades aínda nenos...
E A alegría reinou de novo por uns días!!! 
Cris: Só nos faltaches ti!!!!!!!!!!!!!!!!!

luns, 24 de decembro de 2012

¡Xa É Nadal! ¡Feliz Nadal!

E xa está aquí de novo O Nadal, un momento doce e cheo de significado na vida de moita xente. En todo o universo, nacen, tamén unha vez máis, a esperanza de paz  e o soño da prosperidade.
CLICAR NA FOTO PARA VER UNHA PRESENTACIÓN DO NADAL
 
E eu, querería, que este día, en que parece que todos nos amamos, non fose somentes no 25 de Decembro. Eu querería que Nadal fose todos os días do ano. Días de axudar aos máis débiles, de estar cos pequenos, de mirar polos máis necesitados. E que todos os días do ano pudésemos ter un momento para ir plantando a semente da comprensión e  da tolerancia para así ir construíndo realmente unha terra en donde non existisen diferenzas e en que se puidesen salvar todos os obstáculos que separan as persoas, os pobos. Só así poderíamos entoar conxuntamente unha Panxoliña de PAZ. E xa nada máis, seguramente cada un de vós, amigos e lectores de  Camelia Branca Do Ar, teredes a vosa propia mensaxe, porque a verdadeira mensaxe é a que sae do noso corazón e chega ao corazón de aqueles que nos acompañan neste noso camiñar que é a vida. Nada, que ¡Xa é Nadal!,¡Feliz Nadal!

sábado, 22 de decembro de 2012

Nada É Para Sempre

E aínda que O Mundo tal e como o coñecemos non acabou onte, aínda que continúa aquí, o certo é que nada é para sempre... O mesmo que cando camiñamos na area e vamos deixando atrás as nosas pegadas... Pegadas efímeras, destinadas a durar só uns instantes... 
Outras pegadas de outras persoas farán que as nosas desaparezan, se oculten... Ou un vento, vento, ventiño mareiro, desfigurará o seu trazo... E como non, o mar co seu vai e ven... O mar, as ondas, a auga, nada deixarán do noso pasar, do noso pisar... Nada é para sempre!

sábado, 15 de decembro de 2012

Desexos De Ter Unha Vara Máxica

Ás veces, eu, desexaba poder ter unha variña máxica e poder facer maxia....
E así, doadamente, apenas con un so pase de maxia, poder arrombar as cousas dos meus, familiares e amigos...
E poder facer de unha vez, unha vida máis feliz para todos vós...
Con un truco de maxia, facer desaparecer todos os vosos problemas e disfrutar sabendo que sodes felices...
Poder ver a felicidade entrar de cheo por todos vós a dentro, e instalarse alí para nunca saír...
Mais, infelizmente, non son ningunha fada e non teño variña máxica...
Entón só podo deixar as miñas palabras e desexar todo o mellor para agora e sempre!!!!!!!!

mércores, 12 de decembro de 2012

Días De Ceos Azuis

E parece que o Nadal xa anda por aí...
E é nestas datas que nos decatamos tamén da difícil situación que estamos a pasar.
Miro ao meu redor e persoas que antes eran un axóuxere, agora están a se tornar pesimistas e fican desilusionadas e sen gañas de continuar a loitar no seu día a día...

E eu sempre lles digo que todo o mellor está por vir:
Días mellores que hoxe están aí, á nosa espera.

Días de ceos azuis que levarán para moi lonxe as nubes da tristura ...
Días de augas tranquilas e calmas que lavarán a desconfianza e deixarán apenas sorrisos nos nosos beizos. Sorrisos a aledar as nosas caras e a  iluminar os nosos corazóns!...
 

domingo, 9 de decembro de 2012

Tocar, Amar, Sentir Con Todos Os Sentidos

Cando amamos sentimos necesidade de ter perto de nós á persoa obxecto do noso amor.
Sentimos necesidade de poder abrazar, de poder tocar... Poder demostrar o noso afecto.
E é que a química, din, inflúe nunha relación, pero a física, indudablemente que tamén inflúe, e moito. 
Entón de aí esa nosa necesidade de se abrazar, de poder tocar fisicamente, de poder acariñar o cabelo, de poder facer un aloumiño, de rozar pele con pele... 
E é que é moi bo poder estar, xuntos, moi xuntos, corpo con corpo, notando o latexar do noso corazón ao ritmo do outro corazón... Oír a nosa respiración ao compás da outra respiración... 
En fin... Sentir con todos os sentidos e non só coa alma!!! 

mércores, 5 de decembro de 2012

Unha Luz Ilumina O Camiño

Sempre hai unha luz a iluminar o noso camiñar pola vida... Esa luz pode vir do noso interior . E poida que ás veces, a nosa luz fique sen forza, sen brillo... Mais non debemos desistir de continuar. Algo extraordinario pode acontecer: O bico de un fillo, as palabras de unha persoa amiga, o abrazo de un irmán, o amor de un esposo... Feitos estes marabillosos... E velaí a nosa luz unha vez máis resplandecente e refulxente! 


martes, 4 de decembro de 2012

Pensar, Sentir, Ser


Que o breve sexa de un longo pensar
Que o longo sexa de un curto sentir         
Que todo sexa leve de tal forma
que o tempo nunca leve.
Alice Ruiz

sábado, 1 de decembro de 2012

Saudades De Voar Sen Rumbo

Hoxe espertei ...
E as miñas ás non estaban comigo...

Busquei e busquei e non as atopei...
E o día todo pasei con saudades...
Saudades
daquel tempo en que podía voar
e ceo azul surcar
de un a outro confín, sen parar.

E agora, aquí aínda estou...
Con saudades
de voar e planear
sen rumbo
e xunto a ti chegar...

As miñas ás non aparecen,
entón eu,
cansa,                                    
nesta pedra sentei.
Aquí estou á túa espera, soa...
Será ela longa?
Ou virás axiña onda min?
Se así fora,
as saudades das miñas ás
non serían igual,
serían menos...
Pois ti...Ti xa es todo...
Non preciso de máis... 

martes, 27 de novembro de 2012

A Fenestra Azul Do mar


DESCOBERTA
Quen fechou esta noite
a fenestra azul d' o Mar?
Este Mar fuxitivo
de tódalas ribeiras
            Náufrago d' o neboeiro             
que desviou o rumbo
d' os puntos cardinaes 
Manuel Antonio

domingo, 25 de novembro de 2012

Outono Na Miña Rúa

O outono, na miña rúa,
diante da miña xanela  
ten música de follas caíndo
ao ritmo do vento e da chuva...
E eu, tralos cristais, leda,
miro e escoito sorrindo... 

sábado, 24 de novembro de 2012

Ás Para Voar Lonxe No Ceo

Todos temos ás... 
Que sí, amigos, aínda que hai quen non o cree, todos temos ás para voar polo ceo da vida... O único que temos que facer é aprender como usalas para voar lonxe, moi lonxe. Tamén debemos saber compartir voos cando cumpra... Ás veces estamos tristes ou desalentados e non temos vontade de voar... E partillar axuda a dar impulso ás nosas ás para poder levantar o voo, afastarnos de rente o chan  e poder así continuar esta nosa viaxe un pouquiño máis felices.

xoves, 22 de novembro de 2012

Visitantes Molestos

E eu, estes días estou así: 
E é que ainda ben non chega o virus do resfriado, da gripe, do constipado ou calquera da familia polo Noroeste da Península parece que todos queren vir facerme unha visitiña... Máis tarde ou máis cedo todos aparecen por aquí, por esta humilde morada que é o meu corpo... Por moito que fago... Nada... Que non encontro ningunha maneira de escorrentar estes visitantes, hóspedes tan verdadeiramente molestos... 

martes, 20 de novembro de 2012

sábado, 17 de novembro de 2012

Todos Precisamos De Amor

Todos parecen concordar en que cada persoa é única e como tal tamén temos unha única maneira de amar ... 

Pero todos coincidimos en que sempre necesitamos amar ... Todos precisamos do amor nas nosas vidas, sexa o amor de ou por unha nai ou un pai, de ou por un irmán ou irmá, de ou por un fillo, de ou por os amigos, de ou por a parella... 
Amor, simplemente amor en calquera das súas manifestacións... Ninguén pode dicir que non precisa!

martes, 13 de novembro de 2012

A Vida Está Enrevesada, Difícil E Complicada

E mañá... Un día difícil que se nos presenta...
 Unha situación complicada coa que lidar... E é que a vida parece estar a se enrevesar cada día máis e máis... Pero os noso plans, os nosos soños, están aí... Á nosa espera... E ten que chegar o tempo, un día, para os poder realizar... 

mércores, 7 de novembro de 2012

Valorizar Aos Amigos De Sempre

Hai días en que non temos claras as nosas ideas. Hai días en que os nosos sentimentos están encontrados... E non sabemos se continuar o noso camiñar ou desistir ...

E a cada día que pasa reafírmome mais na idea de aquel antigo dito: mais vale caer en graza que ser gracioso...
Hai persoas que se esforzan, que se preocupan polos demais e que pasan a vida sendo amables, tratando de agradar e facendo cousas polos outros... Ben, esas persoas están aí, e parece que son aceptadas...Mas entón, de repente, chega outra persoa e sen case facer nada consegue ser o centro de atención e levar todos os parabéns, os agradecementos, os bicos, os abrazos...
Aínda que quen os da sabe que é un ave de paso, que é alguén pasaxeiro e que non perdurará na súa vida... E é que ás veces somos inxustos coas persoas que nos mostran o seu cariño día a día e preferimos alguén momentáneo, preferimos a ilusión da novidade e consideramos aburridos aos de sempre, aos que darían todo e farían calquera cousa por nós ...
Pero con esa nosa actitude estamos a magoar eses amigos que ata aí estaban a carón de nós, que camiñaron sempre ombro con ombro ao pé de nós e que se senten feridos nos seus sentimentos e chegan a pensar que simplemente os queriamos ao noso lado mentres non había ninguén máis, pero que son descartados en canto aparece un novo compañeiro de xogos... E con esa forma de actuar pode chegar un momento en que as aves de paso xa non estean porque voaron a outros lares, a outros niños, e nós fiquemos sen a compañía de quen sí sempre estivo aí pero que nós espantamos e deixamos de lado apenas porque queriamos novidades nas nosas vidas...
Por iso temos que valorizar ás persoas do noso día a día e facer que se sintan estimados e apreciados, que non teñan sentimentos encontrados e que non queiran tamén eles escapar de arredor de nós...
Aínda que na verdade ninguén pode mandar nos sentimentos dos demais, cada un é dono de si...
Como ben di Adele: I Can´t Make You Love Me  

xoves, 1 de novembro de 2012

A Vida É Difícil E Complicada

Penso que non estou equivocada ao sinalar que todos nos preguntamos algunha vez: Por que todo é tan complicado?

E é verdade que, agora, todo na vida está a virar cada vez máis difícil... E eu non sei a resposta a esta pregunta, pero tamén opino que se todo nos fose fácil na vida, non saberiamos a diferenza, porque todo sería monótono, sempre igual, sen altos nin baixos... Entón seríamos persoas pasivas, sen iniciativa e sen metas polas que loitar.
O que é certo é que a vida continúa e, a pesar de todas as dificultades, temos que ser fortes e seguir sempre en frente a loitar polos nosos soños. E temos que loitar duro, pois en esta vida, infelizmente, nada é de balde... 

martes, 30 de outubro de 2012

Disfrutar Momentos Únicos


Hai momentos na vida que non nos damos moita conta de que o que estamos a vivir non vai volver a suceder... E, realmente, cada momento é único, non vai acontecer outra vez. 
É como a auga de un río que non pasa dúas veces polo mesmo sitio. Entón, sería bo disfrutar o máximo posible de cada momento. E de cada minuto vivido gardaremos  o mellor para lembrar máis tarde... Ás veces serán momentos para lembrar en compañía...Outras estando sós, en soidade, naqueles instantes que non queremos compartir con ninguén... Apenas connosco...
Mais, todo é lindo: o momento no instante en que se está a vivir e o momento en que lembramos o que xa ten acontecido... O que importa é que estamos vivos e estamos a vivir a vida. 

sábado, 27 de outubro de 2012

A Mirada Confiada Posta No Futuro

Ás veces, na nosa vida, existen momentos en que non temos moito tempo para pensar e asimilar os cambios que están a suceder ao noso redor e incluso no noso interior...

Entón, ficamos inseguros e cheos de dúbidas... Non sabemos o que nos espera, non sabemos o que nos vai saír ao camiño, diante nosa, non sabemos o que está por vir, nin sabemos que vai acontecer connosco...
Pero non debemos de permanecer estáticos. Temos que deixar de pensar no que xa foi, no que xa marchou... Temos que ser fortes e deixar atrás o pasado coas súas lembranzas, moitas delas lindas, e mirar para diante...
Enfrontar a nova situación... Unha nova etapa está  a piques de comezar... Non olles  para trás... Continúa a  camiñar, sempre coa mirada posta no futuro... Sempre en frente... 

mércores, 24 de outubro de 2012

Cando Veñas ó Norte, Amigo


Cando veñas ó norte, vello amigo,
Non preguntes ás brétemas que furtan
Os segredos das cousas;
Non interrogues fondas baixamares
-E menos nun agosto de altas lúas-,
Nin os bosques de antano,
Onde soñan as faias e as carballeiras nobres.


Cando chegues ó norte, non preguntes.
Dirache o teu desexo que eu estaba agardando.
Ramiro Fonte

sábado, 20 de outubro de 2012

O Amor É Lindo!


E neste noso ir e vir pola vida todos nós necesitamos do amor...
O amor... Sempre fai que todo sexa lindo... O amor está mais alá das mágoas... E fai máis leves as penas e a dor... 

O amor non deixa que cheguemos ao fondo do pozo da soidade... Mais se xa estamos alí, no escuro... O amor envíanos un cabo, unha corda que nos leva á luminosidade da compañía... Pois o amor fai que todo sexa mais lindo!!!
 

sábado, 13 de outubro de 2012

Saber Que Non Estamos Sós

Cando estamos tristes ou desanimados... Cando estamos pasando eses momentos duros e difíciles con que a veces a vida nos sorprende...
Fainos moito ben oír unhas palabras de cariño... Fainos moito ben sentir o abrazo de un amigo, de un irmán… Fainos moito ben na alma, e no físico… O noso espírito cálmase, soségase... E na nosa face loce un sorriso... Fainos moito ben saber que alguén está aí connosco... Fainos moito ben saber que non estamos sós...

sábado, 6 de outubro de 2012

Medo de Vogar

Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.
María Mariño

xoves, 27 de setembro de 2012

Detrás Da Porta

A miña vida está no camiño que eu fago cada día. 

E a cada paso que eu vou dando ando encontrando cousas lindas, unha nova alegría, un amigo, unha sorpresa, unha paisaxe aínda non vista...
Ou simplemente unha porta por abrir... 
E que será o que me espera aí... Detrás da porta??? 
Se cadra alí fican os meus soños, as miñas quimeras...
Si... Detrás desa porta un segredo está a me esperar... Un segredo que espera a se revelar para min...
Entón... Xa non vou esperar máis... Agora mesmo vou entrar... 

venres, 21 de setembro de 2012

Vive A Vida Sen Medo

A Vida é linda. A vida é un paseo. A pé, en bici, dacabalo, en coche, en avión, en barco... Por terra, mar e aire...Disfruta da vida, atrévete a vivila a tope, sen medos, sen límites.

luns, 10 de setembro de 2012

Espallar Amor

E neste noso camiñar que é a vida, non podemos gardar os sentimentos para nós...

Non podemos gardar o noso amor, aí ben fechadiño nun frasco e que ninguén poida chegar ata el... Simplemente temos que abrir e deixar que el se espalle, tal que burbullas de xabón polo mundo... E deixalo atinxir o seu blanco na diana... O corazón das pessoas  boas ... O corazón de quen merece... 

sábado, 1 de setembro de 2012

Feira Franca: Pontevedra Medieval

E hoxe Pontevedra non é a Pontevedra de todos os días, non... 

E é que durante a noite Pontevedra viaxou varios séculos no tempo ata o pasado e hoxe atopámonos en plena Idade Media... Sí, sí, concretamente estamos a vivir a nosa Feira Franca:
A Feira Franca, é unha festa que celebramos no primeiro sábado de setembro, e  baséase no  privilexio concedido polo rei Enrique IV alá polo 1.467 autorizando a celebración dun mercado libre de impostos de un mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomé.
E por arte da Feira Franca toda Pontevedra, lucindo as galas propias do Medioevo,  se bota á rúa participando activamente no senfin de actividades organizadas para este evento: recreación do transporte do viño desde o Ribeiro, en carros conducidos por arrieiros e labregos, escoltados por un exército a  cabalo, torneos caballerescos,
exhibicións de cetrería, cantigas, tiro con arco, bufóns, mostra de oficios artesanais, cantos de cego,e sobre todo dando conta dos máis diversos manxares que se cociñan incluso a pé da rúa. 
Pontevedra Medieval: todo un espectáculo de colores e sabores. 

martes, 28 de agosto de 2012

Vivencias Do Camiño

E nesta nosa pasaxe viaxeira pola vida algo de nós queda no camiño e moito do camiño permanece tamén en nós: os sentimentos, as emocións, as vivencias...



sábado, 18 de agosto de 2012

Ofrenda Floral Á Virxe Peregrina 2012

E un ano máis estamos aquí a cumprir a tradición de participar na Ofrenda Floral á Virxe Peregrina
A miña filla Mary Carmen que agora vive en Sevilla debido ao seu traballo, chegou a propósito a Pontevedra, para non faltar a esta nosa cita de tódolos anos...
Xa no venres pola tarde, despois de disfrutar de un día ao sol na praia da Lanzada, comezamos a pasar o ferro e preparar a roupa, os pendentes, zapatos... Só deixamos para o último momento a recollida das flores, pois así teñen unha mellor presenza, recén cortadas.
E menos mal que o sábado presentouse con unha mañá fresquiña que nos deixou participar sen gobios do calor, no desfile ata a Igrexa da Peregrina.
Despois de escoitar o pregón, e coa algarabía das comparsas e agrupacións folklóricas, a comitiva iniciou a súa marcha desde a praza de Mugartegui e pasando lugares tan bonitos como a Praza da Verdura, a Praza da Leña, a Ferrería... Chegamos diante da Igrexa da nosa Virxe peregrina.

Alí, o sol tamén se queixo unir á ofrenda e participou connosco na subida espectacular da carroza ao santuario. 

E unha vez cumprida a nosa misión, unímonos á alegría reinante na cidade do Lérez polo comezo da semana grande das festas. 

E ti, sí, ti que estás a ler... Anímate, ven, e participa ti tamén, non quedes fóra... Pontevedra paga a pena de ser visitada!!!!
 Pontevedra é boa vila Dá de beber a quen pasa!!!!