martes, 25 de xullo de 2023

No Día De Galicia, A Nosa Patria Galega!

 HIMNO GALEGO

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?

Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Eduardo Pondal


sábado, 1 de xullo de 2023

Ti A Pasear Polo Areal Buscando O Meu Aroma

Escríbesme e disme que estás a pasear polo meu areal favorito, buscando o meu aroma, nese lugar emblemático para min, e do que tantas e tantas veces che falei...

E eu, que por alí estaba, de súpeto tropezo contigo, así, sen avisar... 

E é que o meu corpo, ti xa o sabes, anda sempre á busca das túas moléculas e soubo dirixirme onda ti.

Dende aquela primeira vez, uns anos atrás en que me impregnaron, naquela praia da túa nenez, a miña alma saudosa só procurou pola túa... 

Atopámonos... As nosas almas recoñecéronse doutra vida pasada... E... aquí estamos...

O agasallo do teu sorriso, ao verme, todo un tesouriño para min, foi a mellor cousa do día enteiro!