sábado, 29 de xaneiro de 2022

Pantasmas: Fieis Vixías, Gardiáns Dos Nosos Montes

 Tantas veces camiñas entre nós... 

Nesas paraxes que tanto che gustan de muros antergos, pedras tapizadas de musgo e chans alfombrados de follas... Seguro que cando pasas nin sequera te das conta da nosa fantasmal presenza...

Pero alí estamos nós, fieis vixías, espíritos gardiáns dos tesouros dos nosos montes, da beleza de pontes e muíños, do ruxerruxe das fervenzas, do rechouchío dos paxaros,...

As nosas formas son variadas, pero hai un patrón que se repite: as nosas roupas desfianchadas, vístennos coas cores que nos rodean, mimetizámonos coa contorna, retorcendo no ar os nosos brazos incansables, semellando esgazadas pólas movidas só polo vento que zoa.

 Mary Carmen

sábado, 22 de xaneiro de 2022

Fantasía E Beleza En Dragóns De Papel

 Lembras aquela época en que eramos os reis do ceo?

Eran tempos de escuridade e fantasía.

Magos, meigas e druidas coidaban de nós

En medio de episodios nebulosos

Onde os máis vellos contaban as nosas fabulosas fazañas.

Agora, enmeigados, co noso corpo feito papel,

Velaquí estamos

A mirar uns para os outros

Sen o noso lume,  

Mais non sen o noso poder.

Seres reais pasan á nosa beira

E cos ollos ben abertos

contémplannos pasmados e abraiados!

A nosa beleza é a nosa forza,

Ela impídenos desaparecer! 

 Mary Carmen

venres, 7 de xaneiro de 2022

Río Douro, Pasas Levando Palabras De Amor

 Río Douro, río Douro,

ninguén a acompañarte baixa;

ninguén se detén a oír

a túa eterna estrofa de auga.

Ti, vello Douro, sorrís

entre as túas barbas de prata,

moendo cos teus romances

as colleitas mal logradas.

 E entre os santos de pedra

e os álamos de maxia

pasas levando nas túas ondas

palabras de amor, palabras.

Gerardo Diego