luns, 20 de abril de 2020

O Espírito Do Bosque Chegou E Faloume

Esta noite cando durmía o espírito do bosque chegou onda min...
Faloume das corredoiras preocupadas porque hai moito que non escoitan o petar dos meus pasos sobre as súas pedras musgosas...
Contoume da tristura dos vellos muíños agora aínda máis silenciosos pois non hai quen se achegue ata eles a espertalos do seu longo sono...
De que as rústicas pontellas teñen saudades de verme remonta-los bulideiros regueiros...
De que as fervenzas e ríos están a perder a súa voz cantariña pois xa non teñen quen cante con eles...
E as árbores, tecedoras de coloridos tapices, ansían o musical ruxerruxe que as miñas botas sabían arrancarlles...
Mesmo as papoulas, margaridas, prímulas, xestas, fiúnchos, fentos e toxos devecen pola miña presenza...
Todos preguntan e queren saber o porqué deste longo afastamento...
Será que xa non queres nada con nós?
Eu sentinme abraiada e non quixen falar dos longos días de dor, agora amainados, mais sempre aí ao axexo, das noites sen durmir, dos momentos de debilidade e fraqueza...
Só puiden prometer que axiña todo pasará e que calquera día destes, co bastón e coas botas, alá me terán de novo a sentir o brío e afouteza que de todos eles emana...
Mary Carmen