mércores, 23 de marzo de 2016

Soño Polo Ceo Poder Voar

Que bo é estar aquí ó fresco,
Deixar a pel respirar sen roupa
E sentir directamente a caricia do aire,
Esa sutil caricia arredor do meu corpo.

Deixo os meus pensamentos vagar
En tanto a miña mente se aclara.

Sinto cóxegas nas costas.
E imaxino que aínda son
Aquela nena chea de soños.

Que non ficaba sentada,
Que insistía e persistía con tesón.
E, aínda que cal estatua, calada
Agarraba con forza a variña da ilusión.

Ás veces desexaba ter ás
E polo ceo poder voar.
E, sabedes unha cousa?

Teño a certeza total
Que foi outro soño
Que logrou acadar.
Por que será?

luns, 14 de marzo de 2016

Cabalos, Raios De Ledicia E Luz


Galopando monte arriba,
cheos de forza e de sol
non sentían ningunha dor.

Os seus corpos galanos
relucían destacados 
contra o arboredo.

O vento, capitán xoguetón,
lanzaba as longas crinas
lonxe dos brillantes lombos.

E eu, alí, estática,
estatua muda e admirada,
simplemente a velos pasar...

Cabalos...
raios de ledicia e luz!