sábado, 31 de xullo de 2021

O Pingar Da Auga Evoca Poema Da Fonte E A Quimera

 Nas tardes quentes do verán, algures, cando o calor apreta, bótase en falta unha boa fonte de pedra manando a súa auga fresquiña! Aínda que sexa pinga a pinga...

Unha fecha do seu líquido elemento refréscanos por dentro e por fóra e a mente evoca os versos daquel poema de Antonio Machado dedicado A Juán Ramón Jiménez:

“«O xardín ten unha fonte
e a fonte unha quimera...»
Cantaba unha voz doente,
alma da primavera.
Calou a voz e o violín
apagou a súa melodía.
Quedou a melancolía
vagando polo xardín.
Só a fonte se oía.”


martes, 27 de xullo de 2021

Fráxil Escaleira Convida A Un Mergullo

 E alí estaba ela, a fráxil escaleira que nos invitaba a dar un mergullo naquelas augas tan frías e claras.

Eu aceptei o convite e afincando ben os pés na madeira, xa vetusta polo pasar do tempo, alá baixei, chanzo a chanzo cara ao líquido elemento que estaba á miña espera.

luns, 19 de xullo de 2021

Sucar O Mar Salgado E Doce

Hoxe saín ao mar!

Gustoume sobre el sucar!

 Que doce a brisa que sobe do mar!

Tan fresco, salgado e doce!

O seu azul infinito

Chega ata o ceo

E torna ata min!

Sabe tan ben

O seu sabor a sal,

Que devezo por mil e unha vez

Alá, á súa frescura tornar!

domingo, 11 de xullo de 2021

Gústanme As Cores Dos Montes De Galicia!

 Gústame a cor que collen os montes en certas épocas do ano!

 Sobre todo nesta nosa Galicia onde as abondosas choivas e logo a luz do sol e a bonanza da temperatura permiten que todo floreza con intensidade abraiante ofrecéndonos multitude de contrastes! 
E que dicir do arrecendo que por alí se sente! Multitude de aromas nos son ofrecidos, así, de balde, como quen non quere a cousa! Nós limitámonos a cheiralos e levalos con nós durante un bo tempiño... Ummm!... Sabe tan ben estar alí!

mércores, 7 de xullo de 2021

As Flores, Estrelas Na Terra, Deixan 180.000 Visitas

 As estrelas non están só no ceo! Tamén están entre nós!

Son as flores! Se nos fixamos ben, ao velas de cerca, algunhas delas, sobre todo estas da foto, teñen a forma típica que lle asinamos a eses astros que aparecen no ceo pola noite e que inspiraron a tantos poetas!

Elas sobreviven moi preto do mar e, se as ollamos en conxunto, podemos verlle moita semellanza cos corais, sobre todo pola súa cor avermellada.

Eu non as coñecía, e, cando as vin, a verdade é que me fascinaron!

E non me esquezo: A todos Moitas Grazas por continuar aí e  levarnos ata máis de 180.000 Visitas!

domingo, 4 de xullo de 2021

Estalotes A Enfeitar Os Carreiros

 Cando camiño por aí gústame encontrar os estalotes a enfeitar os carreiros, penedos e terrapléns. Adoro o aire esvelto das súas varas, silvestres, ventureiras e coloridas. 

A súa forma semella un dedal por iso tamén se lle chama dedaleira. Aínda que tamén se pode ver unha certa forma de campá que nos atrae e fainos querer facer música coas súas flores. Por iso, cando as atopo, achégome a elas e non dubido en facer estalar unhas cantas lembrándome de cando era rapaza e sempre, na primavera e no verán, aledábame co seu explotar. Tempos aqueles!!