mércores, 28 de agosto de 2013

O Meu Cariño: 30.000 Visitas!

E hoxe, este blogue, Camelia Branca Do Ar, un blogue que naceu sen ningunha pretensión, simplemente a de expresar emocións, chegou ás 30.000 visitas. Por iso deixo a todos os que fazedes que día a día este blogue siga vivo todo o meu cariño!Moitas Grazas!

venres, 23 de agosto de 2013

O Sol Ou Mancha Amarela?

Estes días de verán, en que por fin o sol raiou con todo o seu esplendor, foron días de disfrutar da praia pero tamén de relaxados paseos por sendas sombrías, rodeadas de frondosas árbores que refrescaban o noso lento camiñar.
E é unha ledicia contemplar a marabillosa paleta de cores que nos ofrece a natureza nesta estación tan tola que nos tocou en sorte este ano.
E por destacar, vou deixar esta imaxe amarela dos xirasoles, que me fan lembrar aquelas palabras de Pablo Picasso:
“Hai persoas que transforman o sol nunha simple mancha amarela, pero tamén hai aquelas que fan de unha simple mancha amarela o propio sol.”

martes, 13 de agosto de 2013

Ofrenda Floral Peregrina 2013

E como todos os anos no segundo sábado de Agosto dan comezo as festas de verán da cidade de Pontevedra, as Festas Da Peregrina.
E a primeira actividade, despois do pregón é o traslado da carroza da Virxe ata o Santuario da Nosa Señora Do Santo Refuxio, como tamén se coñece a igrexa onde se venera a Virxen Peregrina. E, como non podía ser menos, aquí estamos nós a cumplir a tradición de participar na ofrenda de flores á Virxen Peregrina.
Xa vos contei outros anos que a miña filla máis vella, que por razóns de traballo vive en Sevilla, chega estes días a propósito a Pontevedra para cumprir esta tradición na que leva participando desde os dous anos de idade.
Xa no día anterior toca preparar a roupa, pasar o ferro a enaguas e camisas, dispoñer zapatos, medias e adobíos... Deixando para o mesmo sábado a recollida das flores que imos ofrecer. 
E xa na mañá do sábado, resultou que o sol, que en toda a semana non visitara Pontevedra, pois presentouse en todo o seu explendor, coa súa dourada capa de raios extendida sobre a cidade.
Aínda así o desfile levouse sen moitos agobios de calor e despois de escoitar o pregón, e coa algarabía do público asistente e a música das comparsas e agrupacións folklóricas, a comitiva iniciou a súa marcha desde a Praza de Mugartegui recorrendo lugares tan espectaculares para o visitante como a Praza da Verdura, a Praza da Leña, A Ferrería...
Un dos momentos máis emocionantes é cando chegamos diante do Santuario, coa praza chea de persoas espectantes, e presenciamos con elas, a difícil subida da carroza ao Santuario.
E unha vez cumprida a nosa misión de deixar a nosa ofrenda, aos pés da nosa Padroeira, unímonos á alegría reinante na cidade do Lérez polo comezo da semana grande das festas. 
E, desde o blogue Camelia Branca Do Ar quero invitarvos a que visitedes Pontevedra, sempre paga a pena... E como xa dicía unha antiga cantiga galega:
Eu si vou a Pontevedra,
non vou por ver os soldados,
vou por ver A Peregrina
a dos pendentes dourados

martes, 6 de agosto de 2013

Sentimentos De Ánimo E Conforto

A vida ás veces preséntanos duras probas como son as perdas de seres queridos...Perdas que nos deixan con arrepíos no corazón e que só o calor do amor pode facer aquecer de novo.
E é que a vida é así tan inxusta que nesas situacións eu quixera ter unha variña máxica e poder escorrentar ou desfacer todos os problemas, infelicidades e tristuras das persoas que están a pasar ese amargo trago para así aliviar a súa dor. Pero, infelizmente, non existe o tal artiluxio...
E tamén nesas circunstancias non sei moito o que dicir, non encontro as palabras para expresar o que sinto dentro de min..
E é que, como xa dicía Sigmund Freud "Existen momentos na vida da xente, en que as palabras perden o sentido ou parecen inútiles e, por mais que a xente pense nunha forma de emprega-las, elas parecen non servir. Entón a xente non di nada, apenas sente."
Por iso, eu, deixo agora os meus sentimentos de pesar pero tamén de ánimo e conforto para todas aquelas persoas que están a sentir a perda de un amigo, de un ser querido...

venres, 2 de agosto de 2013

Eu Tiña Unha Vida


Eu tiña unha vida
E ti chegaches a ela...

Ti, sí, ti,
Sorriso de neve cálido no teu rostro...
Ti, sí, ti,
Traendo arrepíos
Salgados de auga
Alá xunta o mar...
                                                             Alá...                                                             
Onde o balbordo das ondas
Contra as rochas ao chocar
Non deixaban oír o meu corazón.
El, do meu peito quería pular
Ao sentir o meu corpo,
Ávido de ti,
Responder ao teu bicar
E desexar a ti
Por enteiro se entregar.