xoves, 24 de febreiro de 2022

Homenaxe Á Nosa Rosalía No Seu Día

 Este é o día da nosa homenaxe á Nosa Gran Rosalía! E facémolo cun poema seu!

 Dende aquí vexo un camiño

que non sei adónde vai;

polo mismo que n'o sei,

quixera o poder andar.

Camiño, camiño branco,

non sei para dónde vas;

mais cada vez que te vexo,

quixera poderte andar.

 E cun resumo de varios poemas dela recitados polos meu alumnos.

CLICADE AQUÍ PARA ESCOITAR OS POEMAS

sábado, 19 de febreiro de 2022

Gato Maxestoso En Praia Infinita

 Paseaba eu pola praia infinita

E alí estaba el!

O maxestoso gato a ollar

Para a inmensidade azulada e salgada

Que se achegaba a bicar a area.

Que bonito e tranquilo estaba!

Só coa súa presenza castaña e suave

Engaiolaba a quen por alí pasaba.

Pero el arrogante, e pousado na varanda,

Nin se decataba do poder que del emanaba!

De súpeto chegaron ata min

Lembranzas dun gato negro da miña nenez

Que, miañando, achegábase ata min,

Nena agarimosa... Arqueaba o lombo

E refregábase nas miñas pernas,

Demandando aloumiños

Coma un meniño rebuldeiro.

Pero… son iso… só saudades

Daquel tempo pasado

E tan intensamente vivido!

Mary Carmen

domingo, 13 de febreiro de 2022

Cadeado Con Corazón, Lembranza De Amor E Soños

 O meu corazón anda perdido

Mentres escoita vagos murmurios

Que veñen coas ráfagas do vento mareiro

Que zoa sen parar.

 E alí, no medio do paseo,

Ao camiñar devagar,

Atópoo sen pensar:

Un corazón musical,

Os seus elementos abaneados polo ar.

Cadeados que son lembranzas,

Agora xa lonxanas,

Daqueles que, en tempos,

Compartiron amores

E soños de esperanza.

A vida pasa

E só fica un longo silencio…

Mary Carmen