mércores, 26 de maio de 2021

160.000 Visitas Como 160.000 Soles! Grazas!

Acadadas 160.000 Visitas! Como 160.000 Soles! Moitas Grazas!

 Hai persoas que transforman o sol nunha simple mancha amarela, pero hai tamén aquelas que fan dunha simple mancha amarela o proprio SOL.   Pablo Picasso

sábado, 22 de maio de 2021

Gústanme As Cereixas

 De pequena gustábanme moito as cereixas…

E aínda agora me gustan e cando comezan a aparecer nas árbores veñen á miña memoria aquelas corredoiras que eu percorría co meu irmán aló polo mes de maio para chegar até a casa da miña avoa paterna. 

Polo camiño iamos enchendo a boca de frescos amorodos ventureiros que colliamos aquí e alí sen buscar demasiado.

Chegados á casa da avoa o primeiro que faciamos era gabear polas cerdeiras e chegar ata as pólas máis altas para coller as cereixas máis vermellas e redondas.

Con elas iamos enchendo os cestos que levabamos e tamén, claro, engulindo algunhas de vez en cando ata que a nosa cobiza quedaba satisfeita.

Logo voltabamos para a nosa casa co prezado froito e eu con bonitos pendentes nas orellas. A última moda naqueles días de vermello colorido nas cerdeiras do país. Tempos aqueles...!

sábado, 15 de maio de 2021

Xela Arias No Día Das Letras Galegas 2021

 Este ano O Día Das Letras Galegas conmemora a obra da Poetisa Xela Arias da que vos deixo estas faragullas:

.......................................................

eran cabalos desbocados pola praia

cabalos

desbocados

polas praias

da cidade

sábado, 8 de maio de 2021

Unha Fervenza, Un Banco E Palabras Galegas

Ultimamente nalgúns dos lugares máis bonitos de Galicia aparecen bancos espallados para poder contemplar comodamente a paisaxe.

Este que vos deixo está frente á Fervenza de Budián onde O Rego da Fervenza cai cun desnivel de máis de 40 m formando varias caídas de auga.

Pero este banco é, por así dicilo un chisquiño especial para nós, os galegos, E por que será? Pois polas palabras que nel están escritas:   

 Aperta, Enxebre, Orballo, Bico, Quérote ...

____Galiza Fascina, o Galego Namora___