venres, 4 de outubro de 2024

Á Espera De Ti, Meu Amor Verdadeiro

E así estamos, un día despois doutro...

Á espera...

E ti sempre me preguntas

o porque de terte elixido...

Pois a verdade é que non sei moito que dicir...

Só sei que en ti vexo algo de valor

Para min que non ten ninguén...

Gústasme por como me falas,

Gústasme por como me tratas...

Coma a alguén importante...

 Iso fai que me encante

cada minuto que paso ao teu lado...

Hai veces que non sei nin como falarche...

Só sei que ti es o meu amor verdadeiro,

e que quero que fiques comigo para sempre.

Aquí, neste porto seguro para a túa alma,

Que sabes que é o meu amor por ti...

Mary Carmen

domingo, 14 de xullo de 2024

Ámote Pola Túa Tenrura, Porque Non Desistes Nin Deixas De Loitar

Ámote pola forma en que te achegaches a min e como quen non quere a cousa soubeches roubarme o corazón. 

E por ese xeito tan teu de saloucarme e estremecerme a alma.

Grazas por existir e por eses bonitos e intensos momentos cos que me agasallas.

Por eses teus abrazos que ás veces chegan así de súpeto e outros tan buscados pero sempre reconfortantes.

Polo teu ollar intenso no que me gusta mirarme e perderme dese xeito tolo que me invade cando estou preto de ti.

Por esas túas ganas e a túa ansia de amar.

Polos teus bicos tan ardentes e apaixonados que me levan a escaparme da miña realidade, da túa realidade, da nosa realidade.

Pola túa tenrura que me volve unha nena feliz E pola túa confianza cega en min.

Polo teu corazón tan nobre e ás veces un tanto inocente que dalgún xeito sempre busca a forma de brillar e que a pesar de todo nunca desiste nin deixa de loitar  para converter  en novas ilusións todos os impedimentos e derrotas.

Mary Carmen

luns, 10 de xuño de 2024

O Campo Vestido Con Roupas Coloridas

 E resulta que vas camiñando e, sen aviso, ves todo o campo vestido con roupas coloridas.

Non sei a vós, pero a min iso provócame un gran sorriso. Achégome a indagar o porque de tal suceso e o que atopo son milleiros de floriñas espalladas por aquí e alá que xuntiñas unhas coas outras enchen esa variada paleta colorida da natureza. Son flores sinxelas, amarelas, brancas, azuis,... con arrecendo ou sen el...

 As súas pétalas adiviñan os amores ou desamores...

A miña ilusión non amaina e chega ao seu grado máximo se o sol nos acompaña co seu manto de raios dourados.

 Mary Carmen

mércores, 15 de maio de 2024

Sorrisos De Alento Á Beira Do Camiño

E aquí estamos nós sempre á beira do camiño, sempre co sorriso nos beizos a mirarvos pasar.

Somos testemuñas do voso paso, ás veces vivo e animado, ás veces canso e pausado. 

Por iso non deixedes de ollar o noso sorriso, sinónimo do noso alento incansable e tamén do noso soño, de momento inalcanzable de poder, un día, deixar o noso posto de vixía e botar a andar detrás vosa seguindo a estela deixada por tantos e tantos  romeiros que canda nós pasades e poder chegar un día a ese destino por todos sabido e cobizado:

A Catedral de Santiago de Compostela!

Mary Carmen

martes, 23 de abril de 2024

Deixarse Encantar Pola Vida Con Camelias Ao Sol

O mellor da vida é deixarse encantar por ela... Porque vivir é sen dúbida o máis belo e marabilloso sentimento. Porque para sentir só é preciso e imprescindible estar vivo.

Por iso as cousas máis sinxelas son as que fan que a miña alma fique radiante e luminosa... Unhas camelias ao sol iluminando calquera xardín da miña ou doutra cidade...

A lúa cando está chea... 

 A túa voz a recitar... Cousas sinxelas da natureza que todo enriquecen...

Mary Carmen

luns, 8 de abril de 2024

Partillar Un Café Pola Mañá Co Corazón Latexando Atoladamente

Que verdade é iso de que todos precisamos de alguén con quen partillar cousas... Aínda que só sexa un café pola mañá ou a calquera hora do día...

Ese alguén que nos alporice o corazón de xeito que latexe atoladamente.

Iso é o que me acontece contigo, que me ergues ata as nubes para axiña deixarme alí bailando soa baixo a choiva facendo que o futuro me pareza incerto e escuro.

Por iso dime dunha vez se me vou e te esquezo... ou...se fico e te espero, amándote como ata agora...

Mary Carmen

domingo, 17 de marzo de 2024

Así Pasa O Tempo Esvaecéndose Sen Ti

E así pasa o tempo... O meu tempo... O noso tempo... 

Cada noite miña é unha noite repleta de soños

Chea de promesas que nunca se cumpriron,

De agasallos que nunca se ofreceron,

De aventuras que nunca sucederon,

De agarimos que nunca se deron,

De bicos que nunca se sentiron,

De escenas que se esfumaron co vento

E sentimentos que se esvaeceron co paso do tempo.

Cada noite, unha noite máis en que me aferro a ti,

Aínda que as túas mans non estean para suxeitarme

Nin os teus brazos para acollerme.

Cada noite unha ocasión máis de desvelos

Pronunciando o teu nome...

Ese nome xa inalcanzable para min...  

Mary Carmen

xoves, 29 de febreiro de 2024

Ti Sabes Que Es A Miña Inspiración

Sempre que escribo penso en ti... Ti es a miña inspiración... E  eu sei que o sabes. 

Seguro que cho di a túa alma saudosa de min. Esa alma xemelga coa miña que teima en soñarme e pensarme.

Seguro que tamén cho di o meu sorriso cada vez que te vexo ou escoito porque sabes que es ti quen o provoca.

Seguro que os teus brazos tamén o notan cando fas deles o lugar máis acolledor para o meu corpo trémulo.   

Mary Carmen

mércores, 14 de febreiro de 2024

Gustaríame Perderme Contigo Nese Lugar Máxico

Gustaríame perderme por aí... Contigo...

Sabes que te penso a cada momento...

Que es o meu todo...

Quixera que tomases a miña man,

Que non me soltases e me levases

A ese máxico lugar onde seríamos dous.

Mesmo xa teño o perfecto escenario

Onde compartir aquela botella de viño branco...

Ven raptarme... Non tardes!!!

Hoxe é o día... Imos???

Mary Carmen

xoves, 1 de febreiro de 2024

Lembra O Agarimo E A Melodía Dos Meus Aloumiños

Ti sabes que eu sempre vou estar para ti.

Cando, como en día pasados,

A tristura invada a túa alma

Acude a min... Non dubides: Chámame...

E ...se por casualidade tardo en contestar

Lembra eses poemas que escribín para ti...

Bota man deles e sentirás

O agarimo que neles se esconde

E que sabes é todo para ti.

Sentirás que desde esas palabras

Chegará ata ti a melodía dos meus aloumiños...

E con ele o meu calor que tanto che gusta.

Sentirálos na túa pel

Arrecendendo ao meu perfume

Escondido nas letras que forman as miñas verbas.

Se cadra non é moito...

Se cadra non é todo o que ti precisas e desexas..

Pero é canto, por agora, podo ofrecerche.

E sabes que sae da miña alma

Na que ti moras eternamente.

Mary Carmen

mércores, 3 de xaneiro de 2024

A Miña Panxoliña: Entre Anxos E Pastores

E antes de que rematen todas estas festas e celebracións quero deixarvos unha pequena panxoliña, sinxela... enteiramente miña... Desexo que vos guste!!!

Alá arriba nas alturas

Os Anxos cantando están.

Polos pastores procuran

Para a nova lles contar.

Que en Belén naceu un Neno

Fillo de Deus celestial!

Ide todos cedo a velo

E adouralo no portal.

A Virxe e San Xosé

Non paran de comentar

Que o seu fillo está nas pallas,

Vinde axiña pra o quentar!

Achegádevos pastores,

Vinde con gaita e pandeiro

A arrolar coas vosas voces

A este Neno churrusqueiro.

No berce alí deitadiño

Sen nadiña que vestir.

Encontraron O Meniño

Que a todos fará sorrir.

Tres Reis de Oriente chegaron

Para o Neno agasallar.

Moitas cousas lle deixaron

A este Meniño sen par.

E por se vos é máis doado escoitar e ver:::::