sábado, 31 de decembro de 2022

Deséxovos Un Venturoso E Feliz Ano 2.023!

 E xa nestes últimos momentos do ano 2.022 que xa está de retirada, quero desexarvos, amigos cameleiros, que por aquí deslizades o voso ollar, que o ano novo sexa de verdade  un VENTUROSO E FELIZ ANO 2.023!!!

SEDE MOI FELICES!!!

xoves, 22 de decembro de 2022

Xa Está Aquí De Novo O Nadal! Feliz Nadal!

 E xa está aquí de novo O Nadal…  E para todos quero desexar un Nadal Realmente Risoño e Todo Un Ano Feliz cargado de aventuras despampanantes. 

Sigámo-la estrela que no ceo brilla, sen distraernos… Ela levaranos sempre ata o mellor destino, coas mellores paisaxes, con vertixinosas pasaxes, con deslumbrantes fervenzas e na mellor compañía… Certo é que ás veces o chan que pisamos estará repleto de pedriñas,… E que moitas das amizades feitas ao longo do traxecto non serán exactamente o que pensabamos... E moitas delas ficarán atrás... E arquivaranse no caixón do esquecemento... Pero sempre, un paso detrás de outro, levarannos a acadar a meta que é o noso soñado obxectivo… SERMOS FELICES!

E XA VOS DEIXO OS MEUS MELLORES DESEXOS PARA VÓS, AMIGOS CAMELEIROS:

martes, 6 de decembro de 2022

Cando Teñas Tempo Lémbrate De Min

 Se cadra, cando teñas tempo, ao mellor lémbraste de min e pasas a verme.

Se cadra tamén me podes invitar a un daqueles curtos que tanto nos gustaban aos dous... 

 Ao mellor ata finxes un pouco e podes dicirme que me botas de menos…

Ou, a lo menos, podes finxir que tés saudades de min…

E dicir que pensaches un pouco naqueles días, libre ti, nos que eras só para min…

Se cadra, cando teñas tempo, e te liberes un pouco das túas amarras, veñas onda min, platiquemos, e poidamos cantar, camiñar, beber un viño branco ben frío... ou facer algunha cousa divertida… 

 O caso sería saír desta rutina que nos abafa... Prisioneiro ti no teu cárcere...

Se cadra… Cando teñas tempo poderás lembrarte de que estou aquí…

Lémbrate de que eu existo… Non son un espellismo…

E tódolos días da miña vida vou estar á túa espera…

Pero non tardes demasiado… O frío está a chegar…

O inverno é mala compañía…

E a súa friaxe irá entumecendo os meus sentimentos por ti

E xa non serás importante para min… 

 Así que… Cando queiras… Ao teu albedrío… Cando teñas tempo,

Adícame uns minutiños…  Mais non te demores en demasía…

Se cadra… Cando te decates da miña ausencia de ti…

E veñas a min… Serei eu quen non dispoña de tempo para adicarche…

Se cadra a miña alma axiña tome costume de estar sen ti e un día, sen querer…

QUEN FIQUE AUSENTE... PERO ... DE TI … SEREI… EU…

martes, 22 de novembro de 2022

No Día Da Música Foise Pablo Milanés

E parece que o gran cantor Pablo Milanés acaba de deixar a súa vida terreal nesta data tan emblemática para nós, os músicos, O Día Da Música...  É certo... el foise... pero as súas cancións, eternas, sempre estarán connosco, acompañándonos neses momentos tan especiais como a súa música nos suxire... 

 

 POR SEMPRE ETERNAMENTE NOS NOSOS CORAZÓNS E NOS NOSOS BEIZOS AO CANTALA!!!

mércores, 19 de outubro de 2022

Comigo Sigue Sempre O Teu Compás, Ritmo, E Tempo Para Interpretar A Melodía

 Achégate ata min amigo! Non dubides en contar comigo! Cando esteas  na miña presenza quero que sexas ti mesmo...  Quero que actúes ao teu xeito... sen cambiares nadiña, nadiña... 

Sabes que comigo ti levas a iniciativa... Comigo non tés por que finxir nin aparentar... Ti sigue sempre o teu compás, o teu ritmo, o teu tempo... Sabes que comigo ti sempre vas interpretar a melodía...

xoves, 29 de setembro de 2022

Ou Me Queres E Vés Ou Desocupo O Meu Corazón

 E grazas a vós, amigos cameleiros, isto corre que voa e xa acadamos máis de 335.000 Visitas... ¡Moitas Grazas!!!

Ou me queres e vés, ou non me queres e non vés. Mais dimo axiña para que eu poida desocupar o corazón. Caio Fernando Abreu

domingo, 11 de setembro de 2022

Deter O Tempo E Reter A Túa Imaxe Intanxible

 Tantas veces desexo que o tempo se deteña… para así poder manter na retina a túa imaxe intanxible antes de que fuxas lixeiro coma o vento… 

Para reter nas meniñas dos meus ollos a beleza perecedera dun instante… Pero sei que iso é un imposible. Só é iso, un pensamento fugaz que axiña esvaece e desaparece para voltar dalí a poucos días con pertinaz teimosía.

mércores, 31 de agosto de 2022

Deixarte Ir Alma Xemelga, Amor Inacabado

Sabes que te amei no silencio

De moitas tardes neboentas

Onde a luz do teu Sol estaba sempre secuestrada...

Tantos e tantos atrancos, sempre sen ti

Leváronme a ter que

Deixarte ir nunha mañá solleira.

 

Sabes ben que as nosas almas, xemelgas,

Atopáronse cando xa non era tempo...

Cando nada tiña solución...

 

Pasado e presente, xogan na nosa contra...

Polo que estamos condenados a que

O noso futuro xamais existirá...

 

Sabes que te amo

E que sempre estou a pensar en ti,

Xuntando en min toda clase de sentimentos:

 

Añoranzas, soños, fantasías, ilusións...

Pero todos os nosos camiños están tortos

E sempre nos levan a ningures...

 

Así... ao final...

Só imos ser outra historia 

Dun amor inacabado...

O que me leva a preguntar:

 

De verdade amábasme tanto,

Ou era só unha lene ilusión miña?

luns, 15 de agosto de 2022

Camiñar Preto Do Mar Con Arrecendo A Sal

 Nestes días de verán achégome moitas veces preto do mar... 

É calmo e relaxante deixarse levar por estreitos camiños que nos falan de xente doutrora. 

No ar aínda resoan ecos das súas vidas tan distintas ás de agora... ao mesmo tempo que as ondas do mar achéganse ata a costa e bícana sen parar. O seu son é case un arrolo e nos beizos deposítase un suave arrecendo a sal...

domingo, 31 de xullo de 2022

Asomaba Unha Bágoa, Ao Meu Labio Frase De Perdón

 Asomaba aos seus ollos unha bágoa            

          e ao meu labio unha frase de perdón;                      

        falou o orgullo e enxugou o seu choro                    

                       e a frase nos meus labios expirou.               

                        Eu vou por un camiño, ela por outro;                      

            pero ao pensar no noso mutuo amor,           

                       eu digo aínda: «Por que calei aquel día?»                 

E ela dirá: «Por que non chorei eu?»

Gustavo Adolfo Bécquer Rima XXX

venres, 22 de xullo de 2022

Podo Amarte Sempre, Compañeiro!

 Podo amarte sempre

Con milleiros de palabras

Ou mesmo sen pronunciar ningún son.

 Pódote amar ao amencer e ao luar,

Mentres ollo no ceo o fulgor dunha estrela fugaz.

Podo amarte no recendo dunha rosa

E no doce solpor sobre as ondas do mar.

Pódote amar no ruxerruxe de follas no outono.

Podo amarte na brisa suave da primavera.

Pódote amar na cadencia da túa voz

Que resoará por sempre no meu corazón.

Sabes que sempre vou amarte

Con cada poro da miña pel

E dende o profundo do meu ser.

Meu compañeiro da alma,

Compañeiro!

Mary Carmen