luns, 30 de decembro de 2013

Feliz 2014: Mellores Días Virán!!!

E o ano, pouco a pouco, vaise despedindo, levando todo o que nos aconteceu: momentos felices, alegrías e tristuras, pensamentos e desexos, historias de chegadas, encontros, e tamén de despedidas... De todo un pouco... Un ano en que fixemos plans, soñamos e continuamos este noso camiño na vida... Triunfamos ou ficamos derrotados, mais non podemos reclamar de perdas, obstáculos e pedras no camiño, de chuvas e desafíos, porque iso é a vida...

E así, aos poucos, o ano vaise despedindo, pero coa seguridade de que aquí estaremos e seguiremos a andar polos carreiros da vida, confiando en que neste novo ano que está aquí xa ás portas, neste 2014 mellores días virán!!!
Este é o meu desexo para todos vós, amigos e lectores de Camelia Branca Do Ar: Que 2014 veña cargado de novas metas, novos soños, novas enerxías para realizar esas conquistas, de vitorias e alegrías, de sabedoría e de moita PAZ! ¡Feliz 2014!!!

luns, 23 de decembro de 2013

¡Si, É Nadal! ¡Feliz Nadal De Paz!

¡É Nadal! ¡Feliz Nadal!!!
Si, é Nadal, esa época en que O Mundo enteiro fai votos para unha vida mellor.
Si, é Nadal, pero eu quería que non fose só  hoxe.  
Nadal, por que non pode ser sempre?
Porque Nadal é moito máis que árbores, grilandas, agasallos e luces...
Hai quen di que somos feitos para a felicidade, para a paz e para a bondade... E é nestes tempos que estamos a vivir cando nos decatamos realmente de que así é.
Nadal tamén é o espírito de amizade e de compartir que debe brillar o ano enteiro. É o dar e tamén o recibir, é bondade e tamén respecto, é a esperanza nun mundo mellor.
Eu penso que é sempre Nadal onde haxa esperanza de paz e a ledicia de simplemente ser e vivir. Porque a Vida, aínda que non veña envolta en papel de regalo, non cabe dúbida de que é un agasallo.
É Nadal cada vez que aquecemos con tenrura os corazóns daqueles que nos acompañan na nosa camiñada pola vida. É Nadal cada vez que sorrimos e descubrimos con alegría aquelas luces que levamos gardadas dentro de nós e sacámolas fóra para iluminar o noso camiño e o daqueles que connosco van.
Por iso é o desexo de Camelia Branca Do Ar que todos manteñamos brillante o espírito do Nadal, agora e sempre e que cada paso no camiño nos leve ata a PAZ!
CLICAR NA FOTO PARA VER UNHA PRESENTACIÓN DE NADAL
https://2dd17efb-a-62cb3a1a-s-sites.googlegroups.com/site/mcmoledogz/Feliz%20Nadalcame13.swf?attachauth=ANoY7coylekdm1s1RDwEpGr3s7jMrfL72BA32Le9HAdF1awKIJUO0TXH6SODNs27rpEpIJcSKylWOwRKrDItxtft_ZSyLytUWUNdUmrV148KGbrbUWPQZyhIAV4KGDpJZ6HVt_R7DfXxL0PifAVLpdgj50n5Ol65HDRIOXN869fz_Hux9VTPyquNiwC5JFgX6_c7A1rAzdtqeG6336NDiZ3novPHip_eOQ%3D%3D&attredirects=0
 ¡Si, é Nadal! ¡Feliz Nadal!

venres, 20 de decembro de 2013

A Ledicia Da Túa Presencia, Laura!

E parecía que hoxe era un día máis. Un día como outro calquera, de levantarse e ir traballar. Un día máis.
Pero resulta que era o último día do trimestre. Eu non quería pensar, estaba calma, tranquila...
Pero comezaron as celebracións, as músicas...
E vós non estabades alí...
E comezaron a chegar os antigos alumnos, todos feitos un sorriso, a falar coas súas profes... E vós, os meus, hoxe, non estabades alí, na miña nova escola...
E eu que quería non pensar... Que quería facerme a dura... Comecei a recordar aqueles días xuntos... Aquela última nosa chocolatada na escola, o voso benfacer, o voso entusiasmo... Comecei a ver as vosas caras, os vosos sorrisos... E, claro, a emoción loitaba por manifestarse... Mas vós non estabades alí...
E cando a melancolía xa parecía terse apoderado da miña persoa, entón apareciches ti, coa túa espigada apariencia, cada día máis preto do ceo... Apareciches ti, Laura, toda sorrisos alí a mirar para min!
E entón, sí, coa túa presencia e co teu abrazo desapareceron a nubes da tristura e contigo chegou a sol da ledicia a iluminar o meu día!

domingo, 15 de decembro de 2013

Sol Na Cidade, Alfombra Nos Pés

E hoxe está un día espléndido na cidade.
Un ceo sen nubes, tranquilo, deixa lucir o sol en todo o seu esplendor.
Así a súa capa de raios de luz esténdese sobre os edificios, sobre o río, sobre os parques...
Un día así fai moito ben! Á nosa saúde e tamén ó noso espírito! 
Precisamos sentir calor... O calor do sol, o calor da amizade, o calor dun bico, o calor dun abrazo...Precisamos sacudir de enriba nosa o frío destes días, o frío das ausencias, o frío das envexas, antes de que nos chegue máis dentro, antes de que nos chegue á alma.
Mentres, alí, nos parques e xardíns, as árbores continúan a cubrir o chan con esa alfombra chea das variadas colores con que o Outono nos agasalla, e que, eu, camiñante persistente, piso unha e outra vez para sentir o seu ruxerruxe musical, baixo os meus pés.

luns, 9 de decembro de 2013

Bonita Viaxe En Compañía

Que bonita foi esa viaxe!
Unha viaxe moi sinxela, dirás ti...
Si, unha viaxe moi sinxela,
E aínda así, marabillosa!
Adorei coñecer eses teus lugares
Onde a túa alma saudosa
Busca refuxio e sosego
Neses momentos tan duros
Que ás veces che toca pasar.

A serra onde ti, 
Alma de gustos sinxelos,
Atopas a felicidade
Cun libro nas mans,
Música no ar a sonar
E os raios do sol por compañía.
Por iso só podo dicir:
Bonita a paisaxe,
A confianza
E a compañía!

venres, 6 de decembro de 2013

Nelson Mandela In Memoriam

O meu cariño, admiración e respecto ao Líder Nelson Mandela!
Morreu Nelson Rolihlahla Mandela  e o mundo ficou máis pobre. Pero como el dicía:
«Debemos promover valor onde hai medo, promover a paz onde hai conflito e a esperanza onde hai desespero.» 
Por iso eu teño a esperanza de que as súas palabras continuarán vivas e aínda que unha grande persoa partiu, a súa luz continuará a iluminar por sempre o noso planeta.
Un planeta que está cheo de vida, con momentos e persoas que nos fascinan e nos marcan para sempre. E sen dúbida, Madiba é un deses seres humanos especiais. Un home que loitou pola liberdade dos seus e de todos. Un home que sufriu penalidades e castigos, pero que nunca tirou a toalla, nunca desistiu. E, sobre todo, un home que soubo perdoar.
Símbolo da loita contra o Apartheid e merecido Premio Nobel da Paz, levou esperanza a milleiros de persoas, non só no seu país senón tamén no mundo enteiro, sempre facendo o ben.
Como xa dixen, a súa persoa xa non está no medio de nós, pero si as súas palabras: 
“A morte é inevitable. Cando un home fixo o que considera o seu deber para o seu pobo e o seu país, pode descansar en paz. Creo que eu teño feito ese esforzo, e é por iso, entón, que durmirei pola eternidade,"
"Non hai nada como a liberdade."
... Ata sempre Madiba! Descansa xa en paz!

mércores, 4 de decembro de 2013

Estar En Posesión Da Verdade?

Algunha vez xa lles aconteceu coñecer
persoas que parece que están sempre
en posesión da verdade?
Refírome a esa xente que, se fale do que se fale, elas teñen que levar sempre a voz cantante. Elas parece que coñecen e dominan todos os temas, non importa cales eles sexan. Sempre son as primeiras a falar e tamén son as que teñen a última palabra. Aínda que, na maioría dos casos, despois,  revélanse incompetentes e erradas nas súas opinións, o cal parece non incomodalas en absoluto pois continúan sempre a comportarse da mesma maneira antisocial sen emendarse nin mudar a súa forma de ser.
Fago esta pregunta porque é que ultimamente parece que este tipo de persoas son as que están a chegar, de unha forma ou de outra á miña vida... Claro que non depende de min que continúen a estar presentes nas miñas actividades, pois de ser así, xa tería tomado medidas para non contar con a compañía desta clase de seres humanos.
Falo destas persoas que, cheguen a onde cheguen, queren ser as raíñas da festa e non se importan dos que xa lá estaban cando elas chegan. Así, arramplan con todo o que se lles poña por diante, con tal de facer a súa santa vontade. E, o que é peor aínda, ás veces actúan así co beneplácito de algúns, seres mediocres, que non miran máis alá do seu nariz e que necesitan estar ao pairo desta calaña.
Quen me coñece sabe que, debido ao meu carácter tímido, eu non son así en absoluto e que non me gusta nada esta clase de individuos. Mais, como digo, infelizmente, ás veces, temos que convivir con eles aínda que non queiramos... 
Que saiban que, tanto os que así se comportan, como os que os aplauden e rin as súas grazas, teñen o meu total rexeitamento.
Penso que cando chegamos de novos a un lugar, primeiro temos que observar o que sucede, e sobre todo respectar os usos e costumes e non pasar por riba de calquera a calquera prezo con tal de ter o protagonismo.
Mais tal parece que nesta nosa sociedade actual os valores de sempre xa non se estilan... 
Unha pena que así sexa! Non pensan?