sábado, 28 de agosto de 2021

Gloria Da Mañá Que No Muro Moras

 Flor de lindas cores,

Gloria da mañá

Que no muro moras,

Por que é que polo día abres a túa casa

E pola noite cerrada ma amosas?

Se cadra, co sol, ledas abellas

chegan ata ti.

 E ti, tan fachendosa, ao velas

Queres a ti atraelas.

Esa túa cor tan azul

Fai que todos os que por aquí pasamos

Fiquemos pola túa beleza cativados.

Moitas Grazas Polas Máis De 210.000 Visitas!

Mary Carmen

domingo, 22 de agosto de 2021

Gabear Por Vieiros No Rebulir Da Montaña

 No noso camiñar polos vieiros do mundo ás veces atopámonos con sendeiros que non son precisamente un paseo. 

Non existe camiño ningún e o camiñante ten que vadear ríos, gabear, rubir e baixar, saltar e ir sorteando o mellor posible o terreo sinuoso polo que se transita.

Experimentando a rudeza dun carreiro que xoga con nós ás escondidas... Por aquí un fito, por alí a intuición,... Axudados polos poucos postes de sinalización, se os hai,... E algunhas moreas de pedras acumuladas polos camiñantes que por alí pasan...

Aínda así, os montañeiros sorrín polo éxito do seu esforzo, polo río que pasa e canta, polo arrecendo das flores, polo perpetuo rebulir interno do val e da montaña...

 Mary Carmen

luns, 16 de agosto de 2021

Decrépita Fábrica De Luz

 O tempo pasa a correr...

Un día es nova e brillante,

Xeras a luz para moitos...

E... nun abrir e pechar de xanela

Estás desfasada e obsoleta...

Ninguén mira por ti

E, devastada polo tempo

E o esquecemento,

Acabas nunha decrépita

Pero elegante ruína.

Mary Carmen

domingo, 8 de agosto de 2021

Branca Magnolia Raíña Das Flores

 Rumor de follas no xardín.

Ergo a mirada e alí está ela,

Altiva, solitaria, brillante e inacadable,

A branca magnolia.

Ela sábese a raíña das flores

Rodeada de mil abellas

Que lle traen os seus amores.

 

A súa beleza enfeita

As terras onde ela mora.

Aínda que ás veces, morriñenta,

Ela quixera ser unha papoula

Coas súas cores vermellas.

Poder viaxar nas alas do vento

E durmir co arrolo

Dos lenes raios de lúa

No seu pensamento.

Mary Carmen

Agradecida pola vosa presenza que nos fai acadar máis de 200.000 Visitas!