sábado, 29 de marzo de 2014

Sigue A Túa Estrela Ata Onde O Teu Sono Te Leva


E aquí estou eu de novo a agradecer a todos os lectores e amigos de Camelia Branca Do Ar. Grazas a vós xa estamos nas 40.000 visitas!!!!
Tamén para desexar para vós todo o mellor!
E como di a canción de Celine Dion:

“Sigue a túa estrela,
Vai ata onde o teu sono te leva.
Un día chegarás a tocalo...
Eu creo en ti!!!!!”

sábado, 22 de marzo de 2014

Suavidade No Manto Agarimoso De Un Abrazo

Ás veces atópome a pensar nas diversas situacións da vida. E véñenme á cabeza eses momentos en que nos toca ser fortes e non podemos amosar os nosos sentimentos... 
Temos que simular unha forza que, non sei de onde a quitamos, pero sí, ela aparece, guardiana permanente do noso existir. 
E son eses momentos os que fan que os demais pensen que podemos con todo o que nos boten...
Pero a mim gústanme máis os instantes de suavidade, de xeitos fráxiles, en que nos despimos da coraza de dureza e podemos amosarnos tal e como somos. E deixamos soltos os cabalos dos nosos sentimentos a galopar pola realidade e chegando nun trote suave ata os que temos ao noso carón. Entón, eles decátanse tamén da nosa fraxilidade e envólvennos no manto sempre agarimoso dun abrazo... 
E senta tan ben!!!!

sábado, 15 de marzo de 2014

Cos Ollos Fechados: Soñar Sen Medo

Hai veces que nos sentimos invadidos por unha sensación de medo... Medos absurdos, sí, pero que nos impiden realizar cousas que noutros momentos, sen eles, os medos, sí que nos atreveriamos a facer.
E eses medos déixannos inmóbiles, córtannos as ás e impídennos voar.
Pero nós temos que continuar a vivir a vida! Por medo, non podemos ficar rodeados de muros e paredes. Por medo, non podemos ir sempre vestidos coa coraza protectora como escudo contra o mal. Temos que continuar e superar o medo, a cada momento e así vivir realmente e experimentar novas emocións.
Por veces un bo truco é coller e fechar os ollos. Así, con eles cerrados, non existe o medo. Cos ollos fechados podemos soñar mellor e máis alto... E iso é moi bo! Porque todos sabemos que “O soño comanda a vida”!!!!!!

sábado, 8 de marzo de 2014

8 De Marzo Día Da Muller

E un ano máis no 8 de marzo celebramos o día da muller.
Un día que conmemora a loita da muller por atinxir todos os dereitos, en todas as actividades da vida, en igualdade co home. 
Xa vos contei aquí no blogue, que foi elixida esta data, en homenaxe a aquelas operarias dunha fábrica, en folga, para reivindicar mellores condicións de traballo, alá polo século XIX, en Nova Iorque, e que foron encerradas e queimadas na fábrica por atreverse a tal.
Desde aquela, moito tempo ten pasado, moitas máis mulleres continuaron a loita e moito se ten conseguido.
Pero non podemos parar e pensar que xa está todo feito. Non podemos sentarnos a ver a vida pasar.
Aínda hai moito por facer. E sobre todo teríamos que evitar os retrocesos naquilo que xa temos conquerido. 
Por iso, a loita continúa!

martes, 4 de marzo de 2014

Sensibilidade E Beleza Detrás Da Máscara

Xa falei aquí no blog de que hai persoas que pasan a vida levando unha máscara. Esa máscara é a que mostran cando están diante de quen lles interesa. Esa máscara axúdaos a triunfar, a ser alguén na sociedade na que viven. Pero cando quitan a máscara son persoas completamente diferentes e mostran a ruindade que está no seu interior.
Hoxe quero volver a falar de máscaras pero doutras totalmente diferentes.
Pois tamén penso que hai caretas que serven de escudo e protección a persoas sensibles, que non amosan a súa boa realidade porque queren afastarse de si mesmas e dos demais. Están con medo de ficar magoadas e actúan con temor de non poder recuperarse das feridas.
E eu quixera hoxe animar a esas  persoas a que solten a goma da carauta, que se liberen do seu anteface, que deixen a coraza na casa e que sexan capaces de deixarnos descubrir a súa sensibilidade e a beleza que, de seguro, hai no seu interior. 
Nós ensinarémoslles que non hai nada mellor que mostrarnos tal e como somos. Así é como realmente vamos estar en paz con nós mesmos e vamos conquistar aquilo que nos importa de verdade... Porque non hai cousa más bonita que a verdade!!!