sábado, 30 de xaneiro de 2021

Vagar Por Aí E Falar Coas Árbores

 Gústame sair e vagar por aí, sobre todo se é polo monte.... Alí, ás veces acontecen cousas máxicas e penso que todo o que vexo me pertence... 

 Mas iso non é verdade... Non posúo nin unha mísera frangulla do aire que respiro... Pero é tan bo!!!

De súpeto as pólas das árbores chegan ata min e falan comigo... Eu dubido só un anaco de segundo e axiña me poño a conversar con elas...

Así gañamos todas... Elas, que me contan os seus queixumes, e mais eu que lle canto os meus...

Mary Carmen

sábado, 23 de xaneiro de 2021

Canta, Chuvia! Quero Aprender A Túa Sinfonía!

 Ás veces nas miñas correrías por montes e vales a chuvia únese a min…

Gústame cando aparece paseniño… Primeiro unha poalla, como un manto de néboa fina que se vai espallando diante de min e amósame un escenario de peli de misterio ou de terror onde as pantasmas van desfilando coas súas vestimentas esgazadas...

Adoro as diferentes tonalidades de colores que van xurdindo aquí e acolá, ás veces mesturadas para confundir a miña mente e mergullarme na melancolía do pasado, Traendo así ata min lembranzas xa perdidas no esquecemento pero que teiman en rexurdir.

A chuvia trae tamén con ela aloumiños do ar... E ata o arrecendo que se espalla no ambiente é totalmente diferente, a terra mollada e a frescura...

Gústame o seu repenicar nas follas das árbores e nos tellados das casas...

Canta, chuvia! Non pares! Quero aprender a túa sinfonía!

Mary Carmen

domingo, 10 de xaneiro de 2021

Buscar A Raiola Do Sol Acouga A Miña Alma

 Ás veces quería que as palabras fluísen de min coma as augas nun río… Mas é moi difícil que iso aconteza… 

 Entón só me apetece sair por aí, ir buscar a raiola do sol...

Iso soségame e acouga a miña alma...

Ummm! Que bo é sentir o seu aloumiño!

Mary Carmen