venres, 12 de febreiro de 2021

Nubes Grises En Ceo Azul

 No ceo azul radiante

Algunhas nubes grises

Comezaban a aparecer.

 As casas, só paredes,

Permanecían alí, en ruínas,

Devastadas polo abandono

E a dor do esquecemento.

E os que por alí pasaban, coitadiños,

No medio daquel incómodo silencio,

Semellaban convertirse

En sombras, solitarias pantasmas,

Que por alí vagarán

Arrastrando as súas cadeas

De noite e sen cesar.

Mary Carmen

sábado, 6 de febreiro de 2021

Auga Inerte En Días De Inverno

 Días de inverno na árida Castela... 

Neva todo ao meu redor...

Na fonte a auga, que uns días antes

caía gota a gota, paseniño,

toda ela mansiña,

nunha caída que non tiña fin,

agora fica alí, pendurada,

inmóbil, inerte...

Sen comezo nin retroceso algún...

 E é que na distancia todo arrefría

e, de tanto frío, custa respirar...

E con estes días de tolemia

Ata a alma se conxela...

Xa non hai risas...

O tempo non perdoa,

todo el está roto

nestes días atípicos

de penas sen fin.

Sol, achégate axiña onda min!

Mary Carmen

sábado, 30 de xaneiro de 2021

Vagar Por Aí E Falar Coas Árbores

 Gústame sair e vagar por aí, sobre todo se é polo monte.... Alí, ás veces acontecen cousas máxicas e penso que todo o que vexo me pertence... 

 Mas iso non é verdade... Non posúo nin unha mísera frangulla do aire que respiro... Pero é tan bo!!!

De súpeto as pólas das árbores chegan ata min e falan comigo... Eu dubido só un anaco de segundo e axiña me poño a conversar con elas...

Así gañamos todas... Elas, que me contan os seus queixumes, e mais eu que lle canto os meus...

Mary Carmen

sábado, 23 de xaneiro de 2021

Canta, Chuvia! Quero Aprender A Túa Sinfonía!

 Ás veces nas miñas correrías por montes e vales a chuvia únese a min…

Gústame cando aparece paseniño… Primeiro unha poalla, como un manto de néboa fina que se vai espallando diante de min e amósame un escenario de peli de misterio ou de terror onde as pantasmas van desfilando coas súas vestimentas esgazadas...

Adoro as diferentes tonalidades de colores que van xurdindo aquí e acolá, ás veces mesturadas para confundir a miña mente e mergullarme na melancolía do pasado, Traendo así ata min lembranzas xa perdidas no esquecemento pero que teiman en rexurdir.

A chuvia trae tamén con ela aloumiños do ar... E ata o arrecendo que se espalla no ambiente é totalmente diferente, a terra mollada e a frescura...

Gústame o seu repenicar nas follas das árbores e nos tellados das casas...

Canta, chuvia! Non pares! Quero aprender a túa sinfonía!

Mary Carmen

domingo, 10 de xaneiro de 2021

Buscar A Raiola Do Sol Acouga A Miña Alma

 Ás veces quería que as palabras fluísen de min coma as augas nun río… Mas é moi difícil que iso aconteza… 

 Entón só me apetece sair por aí, ir buscar a raiola do sol...

Iso soségame e acouga a miña alma...

Ummm! Que bo é sentir o seu aloumiño!

Mary Carmen

luns, 28 de decembro de 2020

Feliz E Próspero 2021!

 Xa se achega O Ano Novo! E despois das penurias de 2020 non hai dúbida de que temos que facer de 2021 o mellor ano da nosa vida, esforzarnos por ceibarnos de medos e temores e dar o mellor de nós mesmos.

 Non importa o tempo nin a estación...

¿Se chove? Deixa chover... Mollámonos e danzamos baixo a chuva.

¿Con sol? Ou mesmo sen el achergarnos ata a beira do mar e escoitar o seu cantar incesante contra as rochas...

Se erramos, ¿Que máis dá? O importante é non claudicar e seguir o noso camiño, aceptar a nosa debilidade e rexurdir en cada bágoa.

Pois, e este año, sen dúbida que nos afianzamos máis nesta idea, vivir é un verdadeiro privilexio...

¡Disfrutemos do Mundo! ¡Feliz e Próspero 2021!

martes, 22 de decembro de 2020

Xa Está Aquí O Nadal: Feliz Nadal!

¡E de novo está aquí O Nadal! ¡Esa época para difundir amor e semear a esperanza que nestes momentos nos fai tanta falta!

 Clicade na foto seguinte para ver os meus desexos de Nadal para todos vós.

Bo Nadal Amigos Cameleiros!


xoves, 10 de decembro de 2020

A Pedra Quería Ser Fonte

 Cando a pedra era isso:

Simplemente pedra sen xeito,

Nin por asomo soñaba

Que nas áxiles mans do canteiro

Ela chegaría a ser fonte...

Agora velai a está

A sentir a lene caricia da auga

A correr día tras día sobre ela...

Agora sabe que non é só pedra,  

Ela sabe que é tamén meiga e feiticeira

Pois transforma o doce e cantareiro líquido

En espello limpo do ceo azul

Que na mañá e no solpor

nela se mira sen rubor.

 Mary Carmen

luns, 30 de novembro de 2020

O Outono É Un Artista

Gústame esta época cando O Outono fai valer as súas calidades de artista e anda por aí pintando follas e tecendo tapices que ao pisalos aínda nos entreteñen co seu ruxerruxe.

sábado, 21 de novembro de 2020

Portas No Monte

 Hai quen di que non se lle poden poñer portas ao monte… Por que non?

Ás veces é preciso...

E aquí estamos nós...

A abrir portas e a fechar feridas...

sábado, 14 de novembro de 2020

Xa Está Aquí A Camelia!

 Xa está aquí A Camelia, a flor das Rias Baixas!

 De variado colorido e formato,

disfrutemos dela mentres poidamos!

Para que?

Para nada e para todo!

 Para encher a alma de enerxía e ledicia!

sábado, 31 de outubro de 2020

A Espallar Encanto No Samaín

 Hoxe, día de Samaín, tede moito coidado porque... Imos estar por aí...

Se vos atopades con nós poderedes subornarnos con algunha lambetada, coma ovos de chocolate, donus de nubes,...  Ou algún conto... 

 Pero non teñades medo... Só imos sair para espallar o noso encanto e a nosa ledicia de vivir... 

mércores, 21 de outubro de 2020

Xa Chegou O Outono!

 É Outono e as árbores do bosque sábeno...

Coas súas follas movidas polo vento van intercambiando mensaxes escritas no vaivén da caída... Xa chegou!... Xa está aquí...! 

Saben que o outono, paseniño, vai pintando de amarelo a súa vestimenta...

E que pouco a pouco van quedar espidas fronte ao frío...

Non lles importa... porque saben que, grazas a elas, a man artesá da Nai Natureza confecciona lindos tapetes dourados onde pousar os pés, e que co seu ruxerruxe enchen o mundo de música ruxidoira que nos chega á alma... 

Mary Carmen

domingo, 11 de outubro de 2020

Escaleira Ata O Ceo E Máis Alá

 E de súpeto, así, no medio da nada, sen buscala, atopamos aquela escaleira tan ansiada...

 Escaleira que, se a seguimos, vainos levar ata o ceo e máis alá... 

Mar Carmen 

xoves, 1 de outubro de 2020

Palabras De Noa Para Mafalda Na Morte De Quino

 Ola, Mafalda, son Noa!

Xa sei que hoxe estás moi triste! 

Non pasa nada! Sabes que non estás soa! 

Vente comigo para a miña casa. Hoxe non hai sopa!

O que si que hai é iso que a ti che gusta tanto: 

FELICIDADE!

Mary Carmen

Foto: Óscar Touriño 

luns, 14 de setembro de 2020

Deambular Por Recunchos Derruídos

 Adoro deambular por recunchos derruídos que nos enchen a alma coa súa decadente beleza.

Deixarme levar, camiñar devagar e ir pouco a pouco debullando as horas entre pinceladas coloridas e floridas imaxinando a vida de noutrora, activa e dinámica, vestida de pedra e de madeira.                 Mary Carmen 

sábado, 22 de agosto de 2020

Disfrutar Do Tempo Limitado Desta Vida Cambiante

 De todos é sabido que o tempo das cousas e tamén o das persoas é limitado... 

Cada día decatámonos máis desa realidade: 

Ao ollar ao noso redor e mirar a decadencia do que antes foi novo do trinque... 

Ao reparar na perda deste ou daquel amigo...

Só a forza e a beleza da Natureza, aínda que cambiante, permanece ao noso carón... 

Disfrutemos dela!

Mary Carmen 

martes, 30 de xuño de 2020

O Pozo E A Rapaza Tristeira

Camiñaba eu pola parte vella da vila e alí estaba ela, rapaza pequena e tristeira...
- Por que non loces un lindo sorriso?
- Miña nai mandoume por auga ao pozo... Está lonxe, son pequena e case non podo, teño medo de romper o cántaro en cachos e estragar todo...
Ofrecinlle a miña axuda, aceptou sen dúbida algunha, e entón si apareceu o sorriso tan ansiado e que nunca debería borrarse da súa faciana.
Mary Carmen

domingo, 17 de maio de 2020

Ricardo Carbalho Calero Letras Galegas 2020

A lembranza de Camelia Branca do Ar para Ricardo Carbalho Calero autor homenaxeado no Día Das Letras Galegas 2020
Na casa tinhamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o meu pai era novo ainda
e no mar do mundo cada dia ...

mércores, 13 de maio de 2020

Papoulas Para 125.000 Visitas. Moitas Grazas!

Xa están por aí as papoulas
As súas cores a lucir...
Se as ves non podes deixar de sorrir
Pois a ledicia non é pouca...
Vermellas ou alaranxadas...
Como non amalas!
Mary Carmen
Poema que conmemora a chegada ás 125.000 visitas! Moitas grazas por continuar aí!

luns, 20 de abril de 2020

O Espírito Do Bosque Chegou E Faloume

Esta noite cando durmía o espírito do bosque chegou onda min...
Faloume das corredoiras preocupadas porque hai moito que non escoitan o petar dos meus pasos sobre as súas pedras musgosas...
Contoume da tristura dos vellos muíños agora aínda máis silenciosos pois non hai quen se achegue ata eles a espertalos do seu longo sono...
De que as rústicas pontellas teñen saudades de verme remonta-los bulideiros regueiros...
De que as fervenzas e ríos están a perder a súa voz cantariña pois xa non teñen quen cante con eles...
E as árbores, tecedoras de coloridos tapices, ansían o musical ruxerruxe que as miñas botas sabían arrancarlles...
Mesmo as papoulas, margaridas, prímulas, xestas, fiúnchos, fentos e toxos devecen pola miña presenza...
Todos preguntan e queren saber o porqué deste longo afastamento...
Será que xa non queres nada con nós?
Eu sentinme abraiada e non quixen falar dos longos días de dor, agora amainados, mais sempre aí ao axexo, das noites sen durmir, dos momentos de debilidade e fraqueza...
Só puiden prometer que axiña todo pasará e que calquera día destes, co bastón e coas botas, alá me terán de novo a sentir o brío e afouteza que de todos eles emana...
Mary Carmen

martes, 24 de marzo de 2020

Saír Buscar A Raiola Do Sol Polos Camiños

Que saudade de poder saír e buscar a raiola do sol polos camiños...!!!
E alí atoparnos só con quen realmente desexa o noso ben!
Encontros que van compensarnos de todas estas angurias, 
De todos estes encerros sombríos e desacougos...
Mary Carmen

sábado, 18 de xaneiro de 2020

Non Deixes O Monstro Decidir a Túa Felicidade

Temos tantos soños por realizar e estamos tan felices pensando neles, que non reparamos que o monstro, de ollada fulminante e longos cairos, está detrás nosa a querer impedilos...
Por iso... Vixia as túas costas!!! Non lle deixes decidir sobre a túa felicidade!!!
Mary Carmen

luns, 30 de decembro de 2019

Feliz E Venturoso 2020, Cameleiros!

Un ano máis que se vai... Oxalá que no 2020, que está xa aí ás portas, saibamos aproveitar cada instante de felicidade e poidamos ter ollos para todo o encanto que se espalla ao noso arredor.
Que teñamos tempo para pararnos a disfrutar dun por do sol, aló polo luscofusco e da luz máxica das estrelas alá no alto.
Que abramos as fiestras e por elas entre todo o que de bo hai e que permita que amosemos o noso mellor sorriso.
E, sobre todo, que teñamos amor e a saúde necesaria para poder realizar polo menos unha parte de todo o que nos gusta e forma parte da nosa esencia.
¡Feliz Ano Novo, Cameleiros!
 Mary Carmen

xoves, 19 de decembro de 2019

Feliz E Xubiloso Nadal, Cameleiros!

E xa está aquí O Nadal!!! Dende Camelia Branca do Ar envíovos un gran sorriso cos meus mellores desexos para estes días. 
https://942bd8cf-a-62cb3a1a-s-sites.googlegroups.com/site/mcmoledogz3/Nada2019.swf?attachauth=ANoY7coaSZwRh-QGFAHY1t39_JPrxml3_OjpyHxvblqJ6WWQiIitVfpXcmaASCx_-o2JbL5hW7-4XjIxNxMQHw0QilgBmoOrJdQasiU_byPL734ezjVK472Y58AdQELorCutshdEUdwQjPXCj_-z1TrfEjo6LZtzW1M6bXpBno_519x2TggZeEpFc2YyasCjhSx4InCsTVD5OSGBx1gvK-UVH0HlCXhugw%3D%3D&attredirects=0
 Se Clicades Na Imaxe De Arriba Podedes Ler Todo O Bo Que Quero Para Vós.
Feliz E Xubiloso Nadal, Cameleiros!
Mary Carmen

venres, 22 de novembro de 2019

Noa: Meiga Con Feitizo

E aquí estou eu a pensar, coma meiga que son, no seguinte feitizo que vou formular...
Seguramente botarei man da poeira de estrelas que gardo no meu sombreiro, algúns lunares negros das xoaniñas dos meus pendentes, 4 ou 5 peliños de Lumpur, o meu koala, 2 ou 3 lambedelas de Ripley, a miña cadela favorita, a suavidade do lombo da miña rá, lascas dos cornos do “oso vermello” da casa dos meu avós, pétalos de rosa do casamento da miña tía Mary, unha cullerada do ollo fotográfico do meu pai, quilos dos mimos, paciencia, e intelixencia de miña nai, salpementados cun chisco da súa chispa humorística e aderezados co agarimo da miña madriña e doas de cores dos colares da miña avoa,...
Creo que sairá un bo conxuro,... pero aínda non sei para que....
Se me vedes voando coa miña vasoira, ou camiñando pola rúa, decatarédesvos de que me gustan moito os animais, pero... non vos fiedes moito da araña da miña faciana...
En realidade é a miña gata Lilu, é negra, claro, e gústalle viaxar comigo pero camuflada...
Así que...coidadiño!!! Parece unha araña pero se te achegas, ... Rabuña!!! 
Mary Carmen 

AUTOR DA FOTO: ÓSCAR TOURIÑO

martes, 15 de outubro de 2019

Tigre A Ollar Para Min

Creo que vin un lindo gatiño…
Ah, non é tal,
É un tigre!
Sempre me fascinaron os tigres
Coa súa fermosa pel...
E agora aquí está el
A ollar para min!
Será mellor que quieta fique
Sen un dedo mover,
Nin tan sequera pestanexar.
Será que así
Podereino despistar?
Mary Carmen

domingo, 6 de outubro de 2019

Búscote Sempre Coas Flores Aí

Búscote en todas partes
No xardín, no monte, na rúa...
E nesta procura pérdome
Non sei onde...
Pero non estou soa...
Elas están sempre aí...
As flores... tan lindas elas...
Mary Carmen

martes, 1 de outubro de 2019

Unha Barca No Río


A tarde era húmida e fría.
Nas doces augas do río
Unha barca languidecía.

Lonxe do país dos soños estaba
Sen forzas para remar.

Deixádea alá estar!
Non estorbedes o seu descansar!
Mary Carmen

xoves, 26 de setembro de 2019

Chega O Outono Para A Paisaxe Renovar

Chega o outono
E con el un cambio de aires
Para a paisaxe renovar.
Vento, Terra, Sol e Mar.

Nas camiñadas pola nosa terra
Un arrecendo espállase no ar
E acompáñanos silandeiro.

Árbores, pedras e flores
Tínguense de novas cores.

Noces, uvas, castañas,
Cogomelos e cabazas
Convídannos ao seu festín.

Mary Carmen

xoves, 19 de setembro de 2019

Un Hórreo Na Memoria

Daquil perdido Edén soio me queda,
na néboa da memoria, un hórreo.

Un mundo, ¡tan inorme!,
nas tépedas tardiñas do outono.
.....................................................
Brincaba a ser un home sin sabere
que era moi triste aquil meu xogo.
Todo pasóu. A vida
foi polo tempo dando tombos.

De todo me esquecín. Soio me lembro
daquil Edén, na sombra  daquil hórreo.

Celso Emilio Ferreiro

xoves, 5 de setembro de 2019

110.000 Visitas, Flores, Cores E Gargalladas!

Chegadas as 110.000 visitas moitas grazas a todos vós que estades aí e pasades pola vida da xente sementando flores, cores e gargalladas.

sábado, 31 de agosto de 2019

Saír Do Pozo Da Amargura

E aí estaba el a tentar saír do pozo sen fondo da súa amargura.
 A vontade era débil, as forzas poucas, mais as mans eran fortes e teimaban en agarrarse á última esperanza.
Quen?... Eu???
Mary Carmen

sábado, 24 de agosto de 2019

Paciencia Para Non Perderme

Teño que ter paciencia para non perderme dentro de min: vivo perdéndome de vista. 
 Preciso de paciencia porque son varios camiños, inclusive a fatal calella sen saída.
Clarice Lispector

sábado, 17 de agosto de 2019

É Bonito Ser Amigo!

É bonito ser amigo.
                 Mais, confeso,                    
É tan difícil aprender!
É por iso
Eu suplícoche paciencia.
                                  Vou encher este teu rostro                      
De lembranzas!
Dáme tempo
Para nivelar
As nosas distancias!
                                                                        Fernando Pessoa