sábado, 23 de xaneiro de 2021

Canta, Chuvia! Quero Aprender A Túa Sinfonía!

 Ás veces nas miñas correrías por montes e vales a chuvia únese a min…

Gústame cando aparece paseniño… Primeiro unha poalla, como un manto de néboa fina que se vai espallando diante de min e amósame un escenario de peli de misterio ou de terror onde as pantasmas van desfilando coas súas vestimentas esgazadas...

Adoro as diferentes tonalidades de colores que van xurdindo aquí e acolá, ás veces mesturadas para confundir a miña mente e mergullarme na melancolía do pasado, Traendo así ata min lembranzas xa perdidas no esquecemento pero que teiman en rexurdir.

A chuvia trae tamén con ela aloumiños do ar... E ata o arrecendo que se espalla no ambiente é totalmente diferente, a terra mollada e a frescura...

Gústame o seu repenicar nas follas das árbores e nos tellados das casas...

Canta, chuvia! Non pares! Quero aprender a túa sinfonía!

Mary Carmen

Ningún comentario:

Publicar un comentario