martes, 25 de agosto de 2015

Ofrenda Floral Peregrina 2015

Como tódolos anos, o segundo sábado de agosto, celebrouse a tradicional ofrenda de flores á Virxe Peregrina, Patroa da Provincia de Pontevedra.
Tamén, como vén sendo habitual nos últimos anos, o pregón tivo como escenario a Praza de Mugartegui á que nós sempre nos achegamos a través dos Arcos de San Bartolomé.
A praza por certo, atopábase moi concorrida e animada!
Iso sucede cada ano, pero este ano quizás acudiu máis xente, ávida por escoitar as palabras pronunciadas polo noso campión Javier Gómez Noya.
Despois iníciase o percorrido ata a Capela da Peregrina.
Este ano por certo cambiouse o itinerario.
Pero o importante era chegar alí, á capela.
E poder deixar as flores ante a Virxe.
Non podían faltar os xigantes e cabezudos.
E despois unha visitiña pola nosa bonita cidade. Unha foto na Ferrería.
En San Bartolomé.
Diante do Liceo Casino.
Na rúa Manuel Quiroga.
 Na Praza do Teucro.
No cruceiro das Cinco Calles.
En Santa María.
Coa Virxe dos Praceres.
Dando unha reviravolta.
Fermosa sempre a nosa cidade!
E non nos esquecemos de saudar a Valle Inclán.

 E xa por fin... Un descansiño non vén nada mal...

luns, 17 de agosto de 2015

¡Feliz Cumpleaños, Cris!

Y hoy es tu cumpleaños, Cris. Que sepas que no te olvidamos.
¡Feliz Cumpleaños! Alles Gute zum Geburtstag! Happy Birthday!


sábado, 8 de agosto de 2015

Moitas Grazas, 65.000 Visitas!

Hoxe só quero deixar o meu agradecemento a todas aquelas persoas que por aqui pasades.
A esas 65.000 visitas, Moitas Grazas por continuar ahí e deixarme compartir com vós unha parte, só unha pequena parte das miñas cousas, das miñas ideas, sentimentos e pensamentos!!!

martes, 4 de agosto de 2015

Brisa De Verán


"No atardecer dos dias de Verán, 
ás veces,
Aínda que non haxa brisa ningunha, parece
Que pasa, un momento, unha leve brisa..."

Alberto Caeiro, (F. Pessoa) 
"O Guardador de Rebanhos"

mércores, 29 de xullo de 2015

É Bo Esperar!

Ás veces ficamos á espera... 
Á espera de que??

Se cadra nin sabemos o que esperamos... 
Pero é bo esperar aínda que non se saiba o que... 
E aínda que hai quen di que o que espera, desespera, é mellor iso, ter ilusión por algo, sentir, ter esperanza de que algo vai acontecer... 
Mellor iso que non sentir nada!

martes, 21 de xullo de 2015

Sentir Con Claridade E Vida



Se nós fosemos como debiamos ser
Non habería en nós necesidade de ilusión.
Bastaríanos sentir con claridade e vida.            
Alberto Caeiro (F. Pessoa)                                 

martes, 14 de xullo de 2015

Vivir A Vida En Equilibrio

E hai veces na vida que non sabes como actuar...
E aínda hai quen di que a vida é un equilibrio...
 Por iso o mellor é vivila, facela nosa, sen pausas pero tamén sen presas, sen dramas e sen cousas que veñan a complicarnos...

xoves, 9 de xullo de 2015

Ás Apegadas Á Terra

O vento anda a me procurar. 
Non ten paciencia, non fica na súa casa e sae a buscarme.
Non importa onde eu estea, na casa, no paseo, na praia...
El aparece e quere levarme con el.
Ás veces case consegue facerme voar.                          
As miñas ás coloridas despréganse no ar.
Mais... A súa sombra, escura e medoñenta, aférrase á terra e non me deixa despegar...

mércores, 1 de xullo de 2015

Amor É Todo O Que Fai O Mundo Xirar

Ás veces hai que vestirse de gala e, imitando a Bob Dylan, cantar aquilo de:
“Amor é todo o que hai, o que fai  ao mundo xirar. Amor e só amor, non pode negarse. Non importa o que penses, non serás capaz de facer nada sen el”

mércores, 17 de xuño de 2015

¿Amizade, Conveniencia Ou Aproveitamento?

Cando se fala de amizade pénsase en algo que se comparte con outra ou outras persoas.
E algo que sempre se di é que os amigos vense nos momentos malos, aqueles de dificultade.
 


















Pero eu penso que tamén nos bos momentos é que se ve a amizade.
Porque hai persoas, que en nome desa amizade, son especialistas en conseguir que os outros fagan todo o que elas queren, favores que os amigos fan encantados tamén en aras da amizade. Por un amigo faise todo!

Pero todos sabemos que hai os amigos de conveniencia. Os que se aproveitan da boa fé dos demais.
E así, cando chega o momento de celebrar o que queira que sexa, no momento da verdade, os que ata alí demos todo o mellor que sabemos, todo o noso mellor, e que facemos todo o que nos foi pedido, botando toda a carne no asador, somos deixados a un lado. Somos pagados cun simple ola.
E quen, ese día importa, e leva os mellores recoñecementos, quen sae na foto oficial,  quen ten o honor de poder conversar co protagonista, son as persoas recén chegadas, que ao mellor nunca máis volven a aparecer, e que ás veces nin teñen moitas gañas de estar alí.
E incluso as persoas que non aparecen, as que se desculpan por teléfono ou cunha mensaxe no whatsapp, reciben mellores recoñecementos, mellores palabras, que os que estamos un día e outro día sempre a axudar.
Creo que xa me chegou a experiencia. Que me aconteza o mesmo unha e outra vez.
Porque eu estou sempre aí, no día a día e nos malos momentos, pero  tamén me gustaría poder estar nos momentos felices.
Porque tamén me gustaría poder disfrutar do éxito que axudo a conseguir.
Pero como non é así, a partir de agora vou mirar con lupa todo aquilo que se me pida facer de favor. Dá igual que sexa amigo ou non. Disque o tempo dos parvos acabou! Vou ver se desta escarmento! Creedes que son capaz?

mércores, 10 de xuño de 2015

Vida Estresada Sempre De Fuxida

Ai, que vida máis estresada levamos!
Andamos sempre acelerados a correr de aquí para alí!
Tanto é así que ás veces alguén está ao noso carón e nin ollamos para el, ou se o facemos é de refilón.
Paramos se cadra a dicir un ola!
Pero xa fuximos para outro lado coma se tivésemos medo de que nos dea unha chanchada.
Ás veces de quen máis axiña fuximos é de quen sempre está aí para nós, nos momentos bos e nos menos bos. Persoas incondicionais pero que tamén precisan de un momento de agarimo, unha caricia, unha aperta, un sorriso...
Están á espera con ollos ansiosos, pero non encontran nada diso en nós, que estamos sempre de fuxida ou con tempo só para as novidades, para as flores de un día, para as persoas de paso na nosa vida...
E non nos decatamos que, de tantas veces que estamos a facer iso, vai chegar un momento en que deserten da nosa compañía, e ficaremos entón sen o calor do seu abrigo, inmersos na frialdade da soidade!

mércores, 27 de maio de 2015

Paseo Nos Salóns Do Rio Lérez



E por fin días de calor están aquí!
A xente anda máis contenta
E os sorrisos píntanse nas facianas.
Saímos á rúa con roupas leves
E nos salóns do río Lérez 
A familia cisne   
Pasea moi devagar.
O seu paseo diario
Ilumina toda a contorna
E a ledicia chega ata a nosa alma.

xoves, 21 de maio de 2015

A Camiñada Aínda Non Rematou



A túa camiñada aínda non rematou... A realidade acóllete dicindo que de agora en diante o horizonte da vida necesita das túas palabras e do teu silencio. Se mañá tes pena, lémbrate da fantasía e soña coa túa propia vitoria.
Charlie Chaplin


domingo, 17 de maio de 2015

Día Das Letras Galegas 2015: Xosé F. Filgueira Valverde

Este ano 2015 O Día Das Letras Galegas está adicado á figura de Xosé F. Filgueira Valverde.
Coñecido como “O Vello Profesor” pola súa faceta no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, cidade onde naceu alá polo 1906 e onde tamén faleceu en 1996.

Son variados os campos que el cultivou. Así foi co-fundador do Seminario de Estudos Galegos onde dirixe a sección de Historia da Literatura, tamén foi director do Instituto Padre Sarmiento e do Museo de Pontevedra.
Este erudito pontevedrés, membro da Real Academia Galega, entre outras institucións, ao longo da súa vida mantería unha grande actividade na investigación e promoción de iniciativas culturais.

Tamén é importante a súa faceta literaria. Moitas das súas obras espalladas na prensa diaria serían recollidas en nove volumes co título de "Adral". Tamén terá aportacións teatrais como “Agromar. Farsa pra rapaces”, relatos como “Os Nenos” e “ O Vigairo”, o volume de prosas “Quintana viva” e  as antoloxías de poemas do Medioevo “Cancioneiriño de Compostela “ e “Cancioneiriño novo de Compostela”...

mércores, 13 de maio de 2015

A Vida É Unha Mistura De Soños E Flores

Levanta desa cadeira onde estás sentada! Non fiques a ver a vida pasar! Porque, como alguén ben dixo unha vez: “...A vida é isto: uma mistura de soños e cores, flores e risos...”

mércores, 6 de maio de 2015

sábado, 2 de maio de 2015

Ollando O Mar



Ollando o mar, soño sen ter de que.
Nada no mar, salvo o ser mar, se ve.
Fernando Pessoa

mércores, 29 de abril de 2015

Un Amigo É Un Tesouro

 
"Ter un amigo é un tesouro sen prezo, un gustar sen distancia de alguén presente no noso camiño, nas horas de dúbida, de alegría...
Demais para ser perdido, importante para ser esquecido..."
Antoine de Saint-Exupéry

xoves, 23 de abril de 2015

Un Libro Muda A Vida Do Lector

Un libro debe atinguirnos como un puño, deixar unha marca profunda, mudar, aínda que imperceptiblemente, a vida do lector.
Franz Kafka

domingo, 12 de abril de 2015

Todo A Florecer Na Primavera

A Primavera chega a todas partes. Deixa florecer a flor que hai en ti! Ela brillará máis que ningunha!

luns, 6 de abril de 2015

Artista De Pensamentos Confusos

Ás veces non vemos todo claro e de súpeto aparecen pensamentos confusos escorregando na nosa imaxinación.
Mas como a maioría dos mortais, tamén erramos. E a vida tórnase nun continuo acertar errando ou se cadra nun errar acertando.
E o reloxo da vida, coas súas imparables agullas, continúa a sinalar o noso tempo. E case ninguén se decata de que canto máis tempo pasa menos tempo nos queda.
Por iso temos que sacar o artista que todos nós levamos dentro e aproveitar as ideas agochadas alá na ucha dos nosos soños. En cada momento da vida escóndese un debuxo, un gravado, unha escultura. Están alí, á nosa espera para saíren á luz.
Non o dubides máis, imita á Natureza: saca o artista que hai en ti! Realiza a túa propia obra de arte!

xoves, 26 de marzo de 2015

Á Busca de Inspiración

Este é o Meu Primeiro Prezi... Un experimento! Clica en Start Prezi para comezar a ver e escoitar! En Autoplay podes escoller ti o tempo para que as diapositivas se sucedan automaticamente ou podes ir clicando nas frechiñas para continuar.

sábado, 21 de marzo de 2015

Cada Un Fai O Propio Camiño

Os camiños non están feitos.
É andando, que cada un de nós, fai o seu propio camiño.
José Saramago

sábado, 14 de marzo de 2015

A Vida É Música, Escóitaa!

A música está no ar...
E é que todo na natureza é música...
Hai música no mar...
No ir e vir incesante das súas ondas
Unhas veces estrondoso a bater contra as rochas,
Outras veces silandeiro na súa superficie calma e chá...
Hai música na fraga 
Co vento a sacar notas 
Dos violíns acastañados das pólas...
Hai música nas leiras 
Coa brisa a arrolar as herbas 
Con arrorrós antigos de berce...
Hai música en...
E tamén en...
En todos lados e... Sempre...
Porque a música é vida
E a vida é música... Escóitaa!

domingo, 8 de marzo de 2015

8 De Marzo, Día Internacional Da Muller

E hoxe 8 de marzo din que é o día da muller!
Con esta data preténdese facer unha homenaxe á muller e, sobretodo, a todas aquelas que hai uns anos loitaron por conseguir uns dereitos que non tiñamos.
Primeiro foron as mulleres rusas que un 8 de marzo, cansas de pasar fame, fartas da guerra e das inxustizas, saíron á rúa co lema “Paz e Pan”.  Este acontecemento marcou o comezo da Revolución Rusa, xa que días despois da súa protesta, o Zar, abdicou e elas puideron votar.
Nesta data tamén se lembra a traxedia ocorrida en 1908 na fábrica Cotton Textile Factory, en Washington Square, cando as obreiras se declararon en folga esixindo melloras nas condicións laborais.  As súas demandas non foron atendidas, elas foron encerradas  e o amo da fábrica prendeulle lume con elas dentro, morrendo queimadas 129 traballadoras.
Din que este feito deu lugar ao que anos máis tarde se chamaría Día Internacional da Muller.
Non cabe dúbida de que moito temos avanzado dende aquela... Pero non é menos certo que aínda nos queda moito por conseguir e moito camiño por andar. A luita continúa! Agora non é momento de tirar a toalla.

martes, 3 de marzo de 2015

martes, 24 de febreiro de 2015

Chove En Santiago Meu Doce Amor

Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar                
brila entebrecida ao sol...                    
Federico García Lorca

xoves, 19 de febreiro de 2015

Lembranza E Saudade Do Teu Bico Xunto Ao Mar

Lembranza... Lembranza dun día 
De inverno.

De mañá chovía fortemente 
Na miña cidade                  
E saín vestida acorde co tempo.

Lembranza... Lembranza dun outro Lugar.
Ao chegar alí  o escenario era outro.
O sol estaba a lucir
Cómplice da miña aventura.

Lembranza... Lembranza daquel café.
Eu inqueda e nervosa á túa espera.
Tu tardabas e eu pensei que xa non chegabas.

Lembranza... Lembranza do móbil 
A sonar.
O teu rostro detrás do cristal
E a túa voz a me falar.
 
Lembranza... Lembranza dun agradable Paseo.
Ti protexes o meu corpo nun abrazo
E buscas o primeiro bico roubado.

 Saudade... Saudade da terraza 
Fronte ao río.
Os barcos a pasar debaixo da ponte
E nós nun amigable parolar.

Saudade... Saudade daquela viaxe no teu coche.
A ermida solitaria mirando cara ao mar,
As ondas contra as rochas fortemente a chocar
E ti agora sí o bico conseguiches roubar.
 
Ai aquel bico... O teu primeiro bico...
Ese mesmo que agora estando tan lonxe
No tempo e na distancia
Gardo comigo, o seu sabor doce,
Agardando calado na miña memoria.
 
Un día fantástico,
Que sempre ficará aquí comigo.
Un día, como xa che dixen 
Moitas veces,      
Por tantos motivos inesquecible.

 O teu primeiro bico e o mar...
Sempre o Mar.

xoves, 12 de febreiro de 2015

Días Con Capa De Neboeiro

Hai días en que todo é sol nas nosas vidas. Todo é luz, hai ledicia nos corazóns. 
Mais ás veces aparece diante de nós a branca capa do neboeiro.
     Pero non temos que ficar asustados nin paralizados. 
Sí, a néboa está aí, o ceo xa non é azul. A súa capa luminosa tornouse cincenta e gris.
Pero todo ten o seu encanto. E todos sabemos que é un simple cobertor para os días menos cálidos. Pouco a pouco o calor irá aparecendo e fará desaparecer a tristura morriñenta do noso horizonte.

sábado, 7 de febreiro de 2015

Praia Con Saudades Do Verán

Días de inverno,
Algodón frío a caer do ceo.
Tremor teimoso 
Que chega ata os ósos...
Chove, neva e tamén venta,
E alá, na praia,
Que soas están as areas!
Ninguén as quenta 
Co seu calor.                            
Ninguén as perturba co seu falar...
Apenas o sal do mar,
Ao chegar con estrondo onda elas,
Dálles algún sabor
Aos seus días tristeiros
E con saudade do verán.