martes, 29 de maio de 2012

Seres Incompletos Buscan A Perfección


Neste mundo hai xente para todo... E hai quen pasa a vida a buscar a perfección, mais non en si mesmos... Pasan a vida a buscar unha persoa perfecta...
Mais logo fican desilusionados porque nunca atopan esa chamada perfección...
E eu pregunto: Entón... Existe ou non existe a perfección como tal??
E eu mesma me respondo: Todos nós somos seres incompletos e non podemos buscar ou querer a perfección noutra persoa, que tamén é incompleta...
O que temos que intentar é facer ben as nosas escollas... Elixir para nós alguén, non perfecto, que non existe... Mais sí elixir alguén que sexa coma nós... Alguén que estea sempre disposto a nos axudar cando precisamos e a quen lle gusten as mesmas cousas que nos gustan a nós... Ou a quen lle gusten outras cousas totalmente diferentes e entón ven a completar a parte incompleta de nós...
Entón pode ser que consigamos a unidade perfecta!!!

martes, 22 de maio de 2012

Dáme Un Abrazo, Unha Aperta!


En algunhas redes sociais celébrase hoxe o día do abrazo... 
Eu penso que o día do abrazo é todos os días... A min, persoalmente gústame dar abrazos e que me abracen todos os días...
Que mellor que empezar o día con un abrazo!... Un abrazo protector, un abrazo que é tamén refuxio! ... Así xa vas preparado para enfrontar todas as situacións que poidan acontecer neste noso camiñar pola vida...
Porque cando abrazamos ou somos abrazados o noso corazón aquece, e o seu calor fainos sentir mellor, como flotando leves nesas nubes que estes días tanto cobren o noso ceo... Ao mesmo tempo un abrazo fai que poidamos recuperar as nosas forzas para así poder continuar a camiñar a nosa senda.
Por iso ... Se hoxe aínda non deches unha aperta... A que esperas?? Sal correndo e bótate aos brazos da primeira persoa querida... De seguro que vas  disfrutar!

E ninguén mellor que Julio Iglesias para cantar o abrazo... Aínda que sexa de despedida! 

xoves, 17 de maio de 2012

Dous Poemas No Día Das Letras Galegas

E hoxe 17 de maio, Día Das Letras Galegas, deixo un poema do autor homenaxeado, nesta ocasión: Valentín Paz Andrade

TRIADAS DO VENTO NO MAR
 
Verde vento polas leiras
e vento azul polo mar,
panos da mesma bandeira.
Quen fora vento, meu mar
e sobre o teu lombo brando
puidera o corpo deitar!


Quen fora o vento poboado
de polen e de cantigas
e malvises namorados!
Quen fora o vento que rube
a refrescar as estrelas
despois de folgar coa nube!
Quen fora xinete alado
de ardor e de vidro feito
 sobre das olas montado!

E Outro Poema, agora feito canción: Pranto Matricial

sábado, 12 de maio de 2012

Paixón É Amar Sen Medida


Un día preguntáronnos que era a paixón...
E, isto foi o que dixo unha amiga miña, sen pararse  moito a pensar...

Paixón é ter unha persoa o tempo todo metida na túa cabeza... Paixón é non parar de pensar nela, desde que te levantas ata que te deitas... Paixón é querer ir durmir só para ver se así os teus pensamentos varían... Mas ao acordar... Aí está a túa mente outra vez chea só coa súa imaxe... Paixón é amar á outra persoa e querer estar sempre ao seu lado aínda que estea lonxe e sabes que é igual de feliz sen ti... Paixón é amar aínda que non sexas correspondido...
Paixón é saber que non es a súa escolla, senón unha opción de última hora, de cando alguén falla ou de cando non hai ninguén máis ... E aínda así ... Para ti o outro si é escolla, para ti non existe ninguén máis!!!
Paixón é ousar querer cometer loucuras, ou chegar mesmo a cometelas, aínda que non poidas... Aínda que non debas... 

Paixón é unha viaxe a escondidas, un famoso café, un paseo en coche,  unha ermida perto do mar, uns bicos roubados, uns bicos entregados, as ondas a bater contra as rochas... Dous corpos unidos en un abrazo sen fin... Sen nada mais...... Paixón!!!
Paixón... É amar sen medida... Aínda que doia!!!

xoves, 10 de maio de 2012

Día Mundial do Lupus

O día 10 de maio está adicado internacionalmente ao Lupus, unha enfermidade crónica e autoinmune que pode afectar a calquera parte do noso organismo.
É un mal moi extendido, sobretodo en países asiáticos e africanos e cunha incidencia nove veces maior nas mulleres que nos homes.

O seu nome ven dado por certas manchas que aparecen nalgunhas persoas coa doenza e que se parecen a algunhas manchas presentes en persoas trabadas por lobos... LUPUS, en latín: Lobo...

Ademais do lobo, e da color púrpura, o seu símbolo, a nivel mundial é unha bolboreta, un animal moi lindo, pero a enfermidade non o é...

Máis de cinco millóns de persoas en todo o mundo,  a maioría mulleres, loitan cun futuro incerto pola presenza do Lupus na súa vida. E non só eles, xa que a enfermidade altera de certa maneira tamén a vida dos seus familiares, amigos...

Con esta celebración a nivel mundial, preténdese aumentar a sensibilidade social para con os doentes, mellorar os servizos de saúde para os pacientes, fomentar a investigación das súas causas e  buscar unha cura definitiva, mellorar o diagnóstico, xa que ás veces algúns enfermos sofren un auténtico calvario ata que son diagnosticados, e polo tanto mellorar os tratamentos, e promover estudios do impacto global desta enfermidade.
 
Particularmente penso que días como estes son moi necesarios porque a xente necesita saber máis, hai que aumentar a sensibilidade sobre a doenza LUPUS, para evitar a discriminación e moitos preconceitos con respecto a esta enfermidade e aos que a padecen... Isto sen dúbida contribuiría a salvar moitas vidas e a mellorar a situación dos doentes.

domingo, 6 de maio de 2012

Homenaxe No Día Das Nais


O primeiro domingo de maio é o dia escollido para homenaxear as nais...
E eu penso que está ben... 
Unha nai merece, máis que ninguén, ser homenaxeada...
Unha nai está sempre aí cando somos cativos... Nai... Toda ternura, toda coidado, toda atención...
Nai coraxosa que loita sen fin para ver os seus fillos felices, sen medir esforzos, sen escatimar, e sempre a se dar... 
E continúa aí ao medrarmos... Nunca deixa de ser nai... 
E todo iso ás veces, nós,  non sabemos retribuir, ou non o exteriorizamos na medida en que debiamos... Por iso estou de acordo co día das nais... Elas merecen a nosa homenaxe todo o ano... E nese dia sacamos todo o que levamos dentro e, con todo amor,  ofrecémosllelo... 
Pero todo, todo o que podamos ofrecer, sempre será pouco ao lado de todo o que ao longo da vida estamos a recibir!... Nai... Fica sempre aí!!

mércores, 2 de maio de 2012

O Solpor, Momento Melancólico E Lindo


O solpor, ese momento do día en que o sol parece querer escapar das nosas vidas,  pode parecernos triste porque significa a fin de algo, a fin do día... 

Sin embargo eu penso que hai  unha grande beleza nese momento... A min gústame o lusco-fusco desde que era unha cativa e contemplaba o sol, alá, lonxe no horizonte, perto do mar ... Para min sempre o solpor está ligado ao mar...
 Ese momento máxico en que o sol se tapa  co cobertor de escuma de mar...  Melancólico? Si... Mais tamén lindísimo...

venres, 27 de abril de 2012

Ás veces queremos berrar alto!


Hai veces, moitas, en que só temos gañas de berrar… 
E tamén moitas veces, descoñecemos o motivo…

Mas, o berro está aí, no noso interior, loitando por saír a fóra... Con todo,  non podemos poñernos a soltar á toa, todo o que nos fire e nos magoa...

Nen todo o que nos fai felices... A xente podería non entendelo... E podería chamarnos de tolos... 
Entón? Qué facer?

Moi simple: O mellor para gritar e que non nos chamen toliños é poñernos a escoitar música a todo volume, e finxir que cantamos... Nós, só gritamos e ceibamos a fera de dentro da nosa alma...
Ou tamén podemos achegarnos ata a beira do mar, nós que o temos tan perto, e nunha noite de treboada... Alá co bramar das ondas contra as rochas, e o ruxido dos tronos, deitar para fóra tódolos nosos sentimentos... Os bos e os malos, sen deixar un atrás...
Nós sos... Alí chantados na area, e na escuridade... Apenas iluminados pola luz dos lóstregos a estourar por riba de nós!!!

domingo, 22 de abril de 2012

Día Do Planeta Terra

O Día da Terra foi ideado polo senador americano Gaylord Nelson, no día 22 de Abril coa finalidade de crear unha consciencia común aos problemas da contaminación, de conservación da biodiversidade e outras preocupacións ambientais para protexer a Terra.
Disto xa hai máis de 40 anos, e desde entón o Día da Terra, no 22 de abril, ten inspirado e mobilizado moitas persoas e organizacións en todo o mundo para demostrar o seu compromiso coa protección ambiental e asustentabilidade...Coidar da  Terra é tarefa de todos!!

E agora deixo uns versos dun  poema de F. Pessoa, un dos meus poetas predilectos... Ninguén como el para cantar a beleza que está ao noso arredor!

Deus quer, o homem sonha, a obra nasce.
Deus quis que a Terra fosse toda uma,
Que o mar unisse, já não separasse. 
....................................................
E viu-se a Terra inteira, de repente,
Surgir, redonda, do azul profundo.

E para os que vos gusta a música unha canción de Michael Jackson: Heal The World

xoves, 19 de abril de 2012

Vencer No Xogo Da Vida


A vida é un xogo e nel todos queremos gañar... Ninguém quere perder... Mais para ser bos xogadores, para ser vencedores,  ás veces hai que arriscar, aceptar os desafíos e apostar por nós  mesmos... Só así conseguiremos mostrar o que podemos ser e a onde podemos chegar...
Mais aínda así hai quen ten medo a errar... E se erramos e nada resulta o que nós pensabamos ou o que nós queriamos? Pois... Nada... O xogo continúa, e nós con el... E, aquí, eu, teño que dicir que eu sempre, sempre, xogo mellor em compañía... Non sei, nin quero, xogar soliña...
 

martes, 17 de abril de 2012

Escapar A Correr Da Realidade

Nesta nosa sociedade actual, se ollamos a forma en como vivimos, podemos dicir que somos fuxitivos... Non estás de acordo?
Sempre nos encontramos a correr de un lugar para outro... Sempre con présa... Parece que somos como aquel personaxe dunha serie de televisión de cando eramos pequenos: “El Fugitivo”...
Semella que temos alguén que anda detrás de nós... E nós como reacionamos? Pois andamos sempre de fuxida, para non deixar que ese alguén nos apañe...

Somos escravos fuxitivos... E de que fuximos? Hai quen di que fuximos da nosa realidade...
E eu concordo... Somos escravos da nosa realidade e queremos fuxir dela...
Mais por veces non podemos... E entón que facemos? Pois correr... Continuamos a correr... Sen paraxe... Sempre a correr...

mércores, 11 de abril de 2012

Deixar sair a criatura que hai en nós

É moi bo conservar a parte infantil que hai em nós... 

E de vez em cando fainos moito ben deixar sair esa criatura e brincar, rir, esquecer os problemas por un intre, dar todo de nós, botalo para fóra...

 E así poder ollar para o futuro como elas fan, de unha maneira inxenua, mais con enerxía e confianza!

mércores, 4 de abril de 2012

Un Abrazo Para Continuar O Camiño

Nesta vida temos que tentar ser sempre fortes... Todo o fortes que poidamos ser para non nos deixar derrubar polos golpes que a vida nos pode dar...

 Mais ás veces, nos momentos máis tensos, cando parece que todo nos supera, un abrazo, unha palabra de unha persoa amiga, de un irmán ou de unha nai fan  moito ben e axudan para continuar o noso camiño!!

sábado, 31 de marzo de 2012

Atopar A Maxia Para Vivir A Vida

Ás veces estamos tan atarefados, vivimos a un ritmo tan trepidante que semella que deixamos escapar a vida! Igual que se nos escapa na praia a area debaixo dos pés...
Que bonito sería poder ir de vagar ... Admirar a paisaxe do caminho que atravesamos ... E atopar a maxia necesaria para disfrutar da vida!!.. 
E é  que é tan bonito Vivir... Só con unha razón a vida xa merecería a pena de  ser vivida... Mais hai tantas... O solpor, a alborada, o mar , um abrazo, unha lembranza, unha criatura, un encontro, un sorriso, unha saudade... Tantas... Non as deixes fuxir... Átate!!!! Amárrate a elas!!!!

martes, 27 de marzo de 2012

A Verdade No Ollar

Hai veces en que quixeramos gritar ao mundo mais de catro verdades que levamos dentro, máis de un sentimento que pulula no noso interior...
Mais os impedimentos sociais, as normas, ou incluso a nosa cobardía non nos deixan sacalos afóra... 
Pero hai algo que non podemos ocultar: A verdade está escondida detrás da nosa mirada... 
Eu sempre pensei que os olhos din a verdade...No olhar de unha persoa podemos ver, e inclusive ouvir, todo aquilo que as palabras non consiguen expresar... 
Por iso, a min gústanme os ollares, son transparentes, non esconden nada...
E aínda que estou de acordo coa xente que pensa que é necesario ocultar verdades, que necesitan seren dixeridas antes de poderen ser reveladas, para min é moi difícil ocultar a verdade...
 O meu rostro, e o meu ollar, din todo, transmiten os meus sentimentos, por mais que eu non queira...

venres, 23 de marzo de 2012

Xa Alcanzamos 15.000 Visitas... Moitas Grazas!!!

E en Camelia Branca Do Ar continuamos de celebración... Se o outro día celebrabamos o primeiro aniversario do blogue, agora celebramos que xa alcanzamos as 15.000 visitas...
 Moitas grazas a todos por estar sempre aí a nos ler!!! E hoxe só deixo um poema de Alberto Caeiro, un dos seudónimos de Fernando Pessoa:
   Se falo na Natureza não é porque saiba o que ela é.
   Mas porque a amo, e amo-a por isso,
   Porque quem ama nunca sabe o que ama
   Nem por que ama, nem o que é amar...

mércores, 21 de marzo de 2012

Ser Poeta

Eu quixera ser poeta...
Quem me dera ser poeta...
Saber coas palabras xogar
e así todos eses sentimentos
que acubillo no meu interior
poder expresar.

Mais as palabras non chegan,
e as emocións
quedan arredadas nun recuncho,
alá no fondo, moi fondo...
Quedan sempre desexando ver
a raiola do sol,
o orballo nas flores
e as cores do arco da vella no ceo...
Quixera que aínda que fose 
só por un día, 
as letras, as palabras,
entrasen pola porta 
da miña alma
e chegasen alá, 
tímidas ou atrevidas,
se fixesen donas de min 
e construíran 
o poema máis fermoso 
para eu poder ofrecer...

Non sei se elas 
serían ordenadas, ou non,
tristes ou alegres e riseiras, 
impulsivas ou mixiricas...
Eu só quero palabras...
Só palabras...
Claro que, se é por pedir...
O mellor é que trouxeran
con elas un agasallo:
un sorriso para debuxar
na miña face hoxe tan cansa,
hoxe tan... 

venres, 16 de marzo de 2012

Camelia Branca Do Ar: Un Ano De Vida

E así como quen non quere a cousa este blogue Camelia Branca do Ar xa ten un ano de vida...
Empezamos case “por obrigación”,  pois crear un blogue, era unha das tarefas de un curso de informática que eu estaba a realizar daquela...
Lembro que enseguida souben o nome que eu lle ía poñer: Camelia Branca do Ar, porque sempre  me gustou moito esta expresión, que como xa expliquei no seu día é un dos versos do poema: “Madrigal á cibdá de Santiago”, un dos poemas en galego de Federico García Lorca...
García Lorca... Precisamente él, un dos meus poetas preferidos, foi o protagonista do primeiro post... Un post, case de proba, moi sinxelo, sobre a vida e obra do gran Federico.
Lembro que, como era un blog de prácticas, eu non tiña falado del con ninguén... Só sabían da súa existencia as persoas encargadas do curso, e Ramón, que me axudaba cos meus problemas cibernéticos...
Pero un bo dia o meu amigo Tony Madureira “descubriu” a súa existencia... Él, Tony, foi o primeiro seguidor, e tamén a primeira persoa en deixar o seu comentario... E así, eu era a única persoa do curso cuxo blogue tiña seguidores e persoas a comentar...
Isto animoume a querer facer cousas mellores e diferentes... E tamén me animou a seguir publicando despois do curso, algo que non estaba na miña mente en un principio, nin por asomo...
E así pouquiño a pouco fóronse agregando outros seguidores, novos lectores... E chegamos ao día de hoxe con máis de 14.630 visitas... Algo que non podo máis que agradecer a todos: Moitas grazas polas vosas visitas...

 E unha mención destacada para os meus amigos portugueses que deixan case sempre os seus comentarios, a todos muito obrigada, e unha mención especial para o meu amigo Tony Madureira, polas súas visitas, as súas palabras, e en definitiva por ter chegado ata aquí: o noso primeiro aniversario!!!
MOITAS GRAZAS A TODOS!!!!!!!!!!!!!

mércores, 14 de marzo de 2012

Expresar Os Sons Do Silencio Do Noso Corazón

Moitas veces temos medo de dicir o que sentimos... Danos vergonza expresar os nosos sentimentos... Pero eu penso que non debería ser así...
Deberiamos ser libres para falar o que realmente está no noso interior...
Creo que dicir a alguén: "eu ámote" é moi bo... Moi bo para o que o escoita, e moi bo tamén para quen o di... Por iso non debemos enterrar as emocións nin deixar que unha palabra de cariño morra nos nosos beizos... Hai que facela saír... Non hai que ter medo... Non temos nada que perder, e sí,  moito que gañar...

Por iso hai quen di que a coraxe é aliada do amor... E así, quen ama, con coraxe, ten que perder o medo, buscar, se fai falta, algunha axuda, bombóns, poesías, música... E facer acontecer...
E mesmo hai veces en que nos apetece gritar os nosos sentimentos... Mais ás veces, ese son non sae ao exterior e o noso corazón libera un berro silencioso que só nós oímos... Por iso tamén, sen dúbida, debemos estar atentos aos sons do silencio.

sábado, 10 de marzo de 2012

Usar máscara ou ser un mesmo?

 

No tempo do Entroido falaba eu aquí no blogue sobre as persoas que son capaces de andar pola vida sempre cunha máscara posta… 
Pois agora, pouco tempo despois, volveu  xurdir o tema cunha pregunta feita polo meu amigo Tony Madureira: Quantas máscaras usas? Quando consegues ser realmente tu?
E eu aí xa sabía que respostar, non tiña ningunha dúbida:
Pois eu, non teño ningunha máscara.... O que se ve é todo o que hai en min... Pódevos gustar ou non...
 Mais  eu non son capaz de presentar agora, e para unhas persoas, unha cara, e despois, para outras, outra diferente... 
Ás veces eu desexaría que a miña expresión, o meu xesto non expresara os meus sentimentos, mais é algo que eu non podo controlar...
Todo o que eu estou a sentir está refrexado na imaxe que  estades  a ver... Se eu estou contenta  podédelo ver... O sorriso no meu rostro é totalmente sincero...
E se eu fico triste, tamén o  podedes ollar en min... As bágoas que escapan dos meus ollos, non son bágoas de crocodilo... A miña mágoa é totalmente sincera... Podedes acreditar... Non hai duplicidade en min... Son incapaz...  
E non pensedes que non tentei cambiar... Eu ás veces admiro esas persoas que son capaces de mostrar unha imaxe totalmente diferente nunha ou noutra situación... Elas están sempre coa máscara posta... Mais xá digo, é só ás vezes... Pois eu sei que eu non sería “eu” se eu actuase doutra maneira... Se cadra xa é hora de que eu compre unha máscara... Ou não??

xoves, 8 de marzo de 2012

Homenaxe Á Muller Traballadora

Un pouco de historia: Por que o día internacional da muller?
No 8 de marzo de 1857, as operarias de unha fábrica textil de Nova Iorque declaráronse en folga, ocupando a fábrica, para reinvindicaren a redución dun horario de mais de 16 horas diarias e cambiar para traballar "só" 10 horas.
 Elas, aínda traballando o mesmo, ou máis, recibían menos de un tercio do salario que se lles pagaba aos homes, e a súa petición non foi atendida.
Elas entón, decidiron encerrarse na fábrica, como medida de presión. Mentres elas están dentro, prodúcese un incendio, suponse que intencionado, e cerca de 130 traballadoras morreron queimadas.
Como homenaxe a estas mullleres, en 1910, en unha conferencia internacional de mulleres, celebrada en Dinamarca, decidiuse conmemorar o 8 de marzo como día internacional da Muller.
Por iso estas flores son a miña homenaxe a todas as mulleres que loitamos por un mundo mellor para todos.
E tamén vos deixo esta canción de John Lennon con unha bonita música e lindas palabras para "a muller"... PARABÉNS A TODAS!!!!!!

sábado, 3 de marzo de 2012

Disfrutar do camiño

Acontece que estamos sempre a tomar decisións... Mais non hai decisións que duren toda a vida...
O que importa é a vida do día a día... 
Por iso na vida é mellor ir de vagar, paseniño,  pasiño a pasiño, un enfrente de outro e sempre, sempre desfrutando do que o camiño nos ofrece.

mércores, 29 de febreiro de 2012

Follas Ao Vento Sen Rumbo

Pois... Sí... Ás veces pasa... Camiñamos polo simple feito de camiñar...
Somos como follas ao vento... Sem rumbo... Mais... tanto ten... O que importa é non ficar inmóbil... Continuar sempre a camiñar... E sen dúbida... Un día... O destino será noso!!

domingo, 26 de febreiro de 2012

A Música É Vida

A min, desde ben pequena, gústame moito a música... 
Lembro aqueles cantares con que miña avoa amenizaba o tempo que ela pasaba a coser, que era moito, pois era costureira, e que eu primeiro escoitaba, pasmada, e logo intentaba reproducir...
Lembro aqueles sons e aquelas letras que Lola, a tía de miña nai traía das súas longas estadías lonxe de nós, e que falaban de covas, de meigas, de serpes, de mouras a se peitear nunha rocha, de amores... E que me amosaban un mundo rico en aventuras e cheo de harmonía...
E como non lembrar aquelas cantigas dos nosos xogos de infancia tantas e tantas veces repetidas ao longo desa bonita etapa na miña vida...
E que dicir dos bailes da nosa adolescencia... E aqueles discos de vinilo de cantantes, bandas e grupos, galegos, españois e internacionais que escoitabamos a todas horas.....
 E non podo deixar de mencionar á “Madre Eguilior” e á “Madre Tablado” que me introduciron no mundo da música clásica, e descubriron en min unha voz, que segundo elas había que “cultivar”, cando eu cheguei ás súas mans, e que certamente deu os seus froitos, pois aínda hoxe adoro cantar e os que me escoitan, despois da sorpresa inicial, e de dar cerrado a boca, falan que é unha voz moi doce e bonita... 
Entón, como digo, eu paso a vida a cantar...   
Por iso, eu sería incapaz de vivir sen música... A música está sempre aí, en calquera momento e situación... Cando eu estou alegre, cando eu estou triste, cando río, cando eu choro... Ou cando eu fico sen palabras...
Aí está sempre a música e esas persoas importantísimas: Os músicos, para expresar todas as miñas emocións... O que se pasa pola miña na cabeza e, tamén, e máis importante, o que acontece no meu corazón... Por iso moitas grazas por estar aí!

martes, 21 de febreiro de 2012

A Vida É Un Carnaval

Ás veces danme gañas de ser outra persoa...
Poder poñer um simple anteface ou unha máscara e que ninguén me recoñeza nin saiba quen eu son...
Se cadra podería realmente actuar diferente...
Como esas persoas que levan unha máscara sempre posta... Para elas todo o ano é carnaval... Son capaces de aparentar unha personalidade diferente dependendo con quen se atopen ou con quen teñan que interaccionar...
Mais... Eu... Coñézome ben e sei que sería incapaz de ser outra persoa distinta de quen eu son realmente... Non teño dobre sentido nunca... E um simple anteface non mudaría os meus costumes... 
Ou si??? 

mércores, 15 de febreiro de 2012

Nós: Máis Alá Do Horizonte

Penso que na vida non temos que conformarnos con permanecer só naquel espazo onde nacemos e vivimos...
Creo que non debemos, para nada ser coma a lagoa, que fica contenta cos seus límites... Nós temos que ollar máis lonxe e ir alén do que temos ao noso arredor...
Eu prefiro ser coma o mar, ou, se cadra, coma o océano, que nunca está conforme e sempre está a buscar novos límites, novos desafíos, novos lugares polos que transcorrer... 
Non temos que ter medo a voar lonxe, o máis alto que poidamos... Temos que soñar, fantasear, seguir os mandados do noso corazón... Non encasillarnos, abrir o corazón para a alegría e pechar o paso á indiferenza...
Temos que poder ollar para o infinito e, ao mesmo tempo, tratar de atopar o mellor que hai dentro de nós, no noso interior... 
E nada mellor que abrirmos os ollos, sermos únicos, sermos nós mesmos...