domingo, 25 de novembro de 2012

Outono Na Miña Rúa

O outono, na miña rúa,
diante da miña xanela  
ten música de follas caíndo
ao ritmo do vento e da chuva...
E eu, tralos cristais, leda,
miro e escoito sorrindo... 

sábado, 24 de novembro de 2012

Ás Para Voar Lonxe No Ceo

Todos temos ás... 
Que sí, amigos, aínda que hai quen non o cree, todos temos ás para voar polo ceo da vida... O único que temos que facer é aprender como usalas para voar lonxe, moi lonxe. Tamén debemos saber compartir voos cando cumpra... Ás veces estamos tristes ou desalentados e non temos vontade de voar... E partillar axuda a dar impulso ás nosas ás para poder levantar o voo, afastarnos de rente o chan  e poder así continuar esta nosa viaxe un pouquiño máis felices.

xoves, 22 de novembro de 2012

Visitantes Molestos

E eu, estes días estou así: 
E é que ainda ben non chega o virus do resfriado, da gripe, do constipado ou calquera da familia polo Noroeste da Península parece que todos queren vir facerme unha visitiña... Máis tarde ou máis cedo todos aparecen por aquí, por esta humilde morada que é o meu corpo... Por moito que fago... Nada... Que non encontro ningunha maneira de escorrentar estes visitantes, hóspedes tan verdadeiramente molestos... 

martes, 20 de novembro de 2012

sábado, 17 de novembro de 2012

Todos Precisamos De Amor

Todos parecen concordar en que cada persoa é única e como tal tamén temos unha única maneira de amar ... 

Pero todos coincidimos en que sempre necesitamos amar ... Todos precisamos do amor nas nosas vidas, sexa o amor de ou por unha nai ou un pai, de ou por un irmán ou irmá, de ou por un fillo, de ou por os amigos, de ou por a parella... 
Amor, simplemente amor en calquera das súas manifestacións... Ninguén pode dicir que non precisa!

martes, 13 de novembro de 2012

A Vida Está Enrevesada, Difícil E Complicada

E mañá... Un día difícil que se nos presenta...
 Unha situación complicada coa que lidar... E é que a vida parece estar a se enrevesar cada día máis e máis... Pero os noso plans, os nosos soños, están aí... Á nosa espera... E ten que chegar o tempo, un día, para os poder realizar... 

mércores, 7 de novembro de 2012

Valorizar Aos Amigos De Sempre

Hai días en que non temos claras as nosas ideas. Hai días en que os nosos sentimentos están encontrados... E non sabemos se continuar o noso camiñar ou desistir ...

E a cada día que pasa reafírmome mais na idea de aquel antigo dito: mais vale caer en graza que ser gracioso...
Hai persoas que se esforzan, que se preocupan polos demais e que pasan a vida sendo amables, tratando de agradar e facendo cousas polos outros... Ben, esas persoas están aí, e parece que son aceptadas...Mas entón, de repente, chega outra persoa e sen case facer nada consegue ser o centro de atención e levar todos os parabéns, os agradecementos, os bicos, os abrazos...
Aínda que quen os da sabe que é un ave de paso, que é alguén pasaxeiro e que non perdurará na súa vida... E é que ás veces somos inxustos coas persoas que nos mostran o seu cariño día a día e preferimos alguén momentáneo, preferimos a ilusión da novidade e consideramos aburridos aos de sempre, aos que darían todo e farían calquera cousa por nós ...
Pero con esa nosa actitude estamos a magoar eses amigos que ata aí estaban a carón de nós, que camiñaron sempre ombro con ombro ao pé de nós e que se senten feridos nos seus sentimentos e chegan a pensar que simplemente os queriamos ao noso lado mentres non había ninguén máis, pero que son descartados en canto aparece un novo compañeiro de xogos... E con esa forma de actuar pode chegar un momento en que as aves de paso xa non estean porque voaron a outros lares, a outros niños, e nós fiquemos sen a compañía de quen sí sempre estivo aí pero que nós espantamos e deixamos de lado apenas porque queriamos novidades nas nosas vidas...
Por iso temos que valorizar ás persoas do noso día a día e facer que se sintan estimados e apreciados, que non teñan sentimentos encontrados e que non queiran tamén eles escapar de arredor de nós...
Aínda que na verdade ninguén pode mandar nos sentimentos dos demais, cada un é dono de si...
Como ben di Adele: I Can´t Make You Love Me  

xoves, 1 de novembro de 2012

A Vida É Difícil E Complicada

Penso que non estou equivocada ao sinalar que todos nos preguntamos algunha vez: Por que todo é tan complicado?

E é verdade que, agora, todo na vida está a virar cada vez máis difícil... E eu non sei a resposta a esta pregunta, pero tamén opino que se todo nos fose fácil na vida, non saberiamos a diferenza, porque todo sería monótono, sempre igual, sen altos nin baixos... Entón seríamos persoas pasivas, sen iniciativa e sen metas polas que loitar.
O que é certo é que a vida continúa e, a pesar de todas as dificultades, temos que ser fortes e seguir sempre en frente a loitar polos nosos soños. E temos que loitar duro, pois en esta vida, infelizmente, nada é de balde... 

martes, 30 de outubro de 2012

Disfrutar Momentos Únicos


Hai momentos na vida que non nos damos moita conta de que o que estamos a vivir non vai volver a suceder... E, realmente, cada momento é único, non vai acontecer outra vez. 
É como a auga de un río que non pasa dúas veces polo mesmo sitio. Entón, sería bo disfrutar o máximo posible de cada momento. E de cada minuto vivido gardaremos  o mellor para lembrar máis tarde... Ás veces serán momentos para lembrar en compañía...Outras estando sós, en soidade, naqueles instantes que non queremos compartir con ninguén... Apenas connosco...
Mais, todo é lindo: o momento no instante en que se está a vivir e o momento en que lembramos o que xa ten acontecido... O que importa é que estamos vivos e estamos a vivir a vida. 

sábado, 27 de outubro de 2012

A Mirada Confiada Posta No Futuro

Ás veces, na nosa vida, existen momentos en que non temos moito tempo para pensar e asimilar os cambios que están a suceder ao noso redor e incluso no noso interior...

Entón, ficamos inseguros e cheos de dúbidas... Non sabemos o que nos espera, non sabemos o que nos vai saír ao camiño, diante nosa, non sabemos o que está por vir, nin sabemos que vai acontecer connosco...
Pero non debemos de permanecer estáticos. Temos que deixar de pensar no que xa foi, no que xa marchou... Temos que ser fortes e deixar atrás o pasado coas súas lembranzas, moitas delas lindas, e mirar para diante...
Enfrontar a nova situación... Unha nova etapa está  a piques de comezar... Non olles  para trás... Continúa a  camiñar, sempre coa mirada posta no futuro... Sempre en frente... 

mércores, 24 de outubro de 2012

Cando Veñas ó Norte, Amigo


Cando veñas ó norte, vello amigo,
Non preguntes ás brétemas que furtan
Os segredos das cousas;
Non interrogues fondas baixamares
-E menos nun agosto de altas lúas-,
Nin os bosques de antano,
Onde soñan as faias e as carballeiras nobres.


Cando chegues ó norte, non preguntes.
Dirache o teu desexo que eu estaba agardando.
Ramiro Fonte

sábado, 20 de outubro de 2012

O Amor É Lindo!


E neste noso ir e vir pola vida todos nós necesitamos do amor...
O amor... Sempre fai que todo sexa lindo... O amor está mais alá das mágoas... E fai máis leves as penas e a dor... 

O amor non deixa que cheguemos ao fondo do pozo da soidade... Mais se xa estamos alí, no escuro... O amor envíanos un cabo, unha corda que nos leva á luminosidade da compañía... Pois o amor fai que todo sexa mais lindo!!!
 

sábado, 13 de outubro de 2012

Saber Que Non Estamos Sós

Cando estamos tristes ou desanimados... Cando estamos pasando eses momentos duros e difíciles con que a veces a vida nos sorprende...
Fainos moito ben oír unhas palabras de cariño... Fainos moito ben sentir o abrazo de un amigo, de un irmán… Fainos moito ben na alma, e no físico… O noso espírito cálmase, soségase... E na nosa face loce un sorriso... Fainos moito ben saber que alguén está aí connosco... Fainos moito ben saber que non estamos sós...

sábado, 6 de outubro de 2012

Medo de Vogar

Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.
María Mariño

xoves, 27 de setembro de 2012

Detrás Da Porta

A miña vida está no camiño que eu fago cada día. 

E a cada paso que eu vou dando ando encontrando cousas lindas, unha nova alegría, un amigo, unha sorpresa, unha paisaxe aínda non vista...
Ou simplemente unha porta por abrir... 
E que será o que me espera aí... Detrás da porta??? 
Se cadra alí fican os meus soños, as miñas quimeras...
Si... Detrás desa porta un segredo está a me esperar... Un segredo que espera a se revelar para min...
Entón... Xa non vou esperar máis... Agora mesmo vou entrar... 

venres, 21 de setembro de 2012

Vive A Vida Sen Medo

A Vida é linda. A vida é un paseo. A pé, en bici, dacabalo, en coche, en avión, en barco... Por terra, mar e aire...Disfruta da vida, atrévete a vivila a tope, sen medos, sen límites.

luns, 10 de setembro de 2012

Espallar Amor

E neste noso camiñar que é a vida, non podemos gardar os sentimentos para nós...

Non podemos gardar o noso amor, aí ben fechadiño nun frasco e que ninguén poida chegar ata el... Simplemente temos que abrir e deixar que el se espalle, tal que burbullas de xabón polo mundo... E deixalo atinxir o seu blanco na diana... O corazón das pessoas  boas ... O corazón de quen merece... 

sábado, 1 de setembro de 2012

Feira Franca: Pontevedra Medieval

E hoxe Pontevedra non é a Pontevedra de todos os días, non... 

E é que durante a noite Pontevedra viaxou varios séculos no tempo ata o pasado e hoxe atopámonos en plena Idade Media... Sí, sí, concretamente estamos a vivir a nosa Feira Franca:
A Feira Franca, é unha festa que celebramos no primeiro sábado de setembro, e  baséase no  privilexio concedido polo rei Enrique IV alá polo 1.467 autorizando a celebración dun mercado libre de impostos de un mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomé.
E por arte da Feira Franca toda Pontevedra, lucindo as galas propias do Medioevo,  se bota á rúa participando activamente no senfin de actividades organizadas para este evento: recreación do transporte do viño desde o Ribeiro, en carros conducidos por arrieiros e labregos, escoltados por un exército a  cabalo, torneos caballerescos,
exhibicións de cetrería, cantigas, tiro con arco, bufóns, mostra de oficios artesanais, cantos de cego,e sobre todo dando conta dos máis diversos manxares que se cociñan incluso a pé da rúa. 
Pontevedra Medieval: todo un espectáculo de colores e sabores. 

martes, 28 de agosto de 2012

Vivencias Do Camiño

E nesta nosa pasaxe viaxeira pola vida algo de nós queda no camiño e moito do camiño permanece tamén en nós: os sentimentos, as emocións, as vivencias...



sábado, 18 de agosto de 2012

Ofrenda Floral Á Virxe Peregrina 2012

E un ano máis estamos aquí a cumprir a tradición de participar na Ofrenda Floral á Virxe Peregrina
A miña filla Mary Carmen que agora vive en Sevilla debido ao seu traballo, chegou a propósito a Pontevedra, para non faltar a esta nosa cita de tódolos anos...
Xa no venres pola tarde, despois de disfrutar de un día ao sol na praia da Lanzada, comezamos a pasar o ferro e preparar a roupa, os pendentes, zapatos... Só deixamos para o último momento a recollida das flores, pois así teñen unha mellor presenza, recén cortadas.
E menos mal que o sábado presentouse con unha mañá fresquiña que nos deixou participar sen gobios do calor, no desfile ata a Igrexa da Peregrina.
Despois de escoitar o pregón, e coa algarabía das comparsas e agrupacións folklóricas, a comitiva iniciou a súa marcha desde a praza de Mugartegui e pasando lugares tan bonitos como a Praza da Verdura, a Praza da Leña, a Ferrería... Chegamos diante da Igrexa da nosa Virxe peregrina.

Alí, o sol tamén se queixo unir á ofrenda e participou connosco na subida espectacular da carroza ao santuario. 

E unha vez cumprida a nosa misión, unímonos á alegría reinante na cidade do Lérez polo comezo da semana grande das festas. 

E ti, sí, ti que estás a ler... Anímate, ven, e participa ti tamén, non quedes fóra... Pontevedra paga a pena de ser visitada!!!!
 Pontevedra é boa vila Dá de beber a quen pasa!!!!

martes, 14 de agosto de 2012

Mensaxe Escrita Nas Estrelas


Moitos de nós temos persoas que queremos pero que por un motivo ou por outro non se encontran sempre ao noso lado.
Persoas amigas, familiares e/ou amores que quereriamos ter moi preto de nós pero que se atopan alá na lonxanía da distancia...
Seguramente haberá quen pense que cos novos métodos de comunicación ese afastamento agora xa non é tanto coma noutrora...
Hoxe temos medios para falar e mesmo ver  a quen non temos connosco...
Mais hai ocasións en que só ver non chega... Quereriamos sentir o seu calor, notar o seu alento no noso colo, perdernos nun abrazo apertado e que non teña fin... 

A distancia é a nosa inimiga... E entón chegamos até a pensar en querer meternos polo cable do teléfono e poder dar un agarimo... Outras veces lanzamos os nosos suspiros, os nosos anhelos, os nosos desexos para o ar ... Como nun brinde solitario ... E simplemente esperamos que as estrelas sexan as nosas mensaxeiras... Sabemos que a mensaxe será ben recollida e entregada!

luns, 6 de agosto de 2012

Volver A Disfrutar Dos Doces Dezaseis Anos

Un amigo meu contoume que cando tiña 16 anos quería ter 30, mais que agora, preto da cincuentena, el soña cos tempos aqueles en que tiña 16... 
Seguramente hai moitas máis persoas ás que lles pasa o mesmo...
Seguramente hai moita xente a querer regresar a aquela época...
Cando un ten 16 anos a vida está aí, case toda enteira por vivir... Todos os horizontes están abertos e pensamos que podemos poñer o mundo por monteira e comer todo o que se nos poña por diante...
Cando un ten 16 anos o corazón está rebosante de soños e de ilusións, de utopías enfiadas noite tras noite no lento pasar das horas de inverno aquecidas ao lume agarimoso da lareira...  
Claro que  non contabamos coa tecnoloxía de hoxe, mas viviamos en un mundo, para min mais libre de ataduras, moi diferente a estes momentos en que a xuventude non vive sen estar pegada a unha maquiniña e non sabe disfrutar dos praceres auténticos da vida.
Cando temos 16 anos parece que non nos dá chegada a hora de poder acadar todo aquilo que anhelamos, e pensamos que a vida camiña moi devagar...
Sen embargo, co paso dos anos decatámonos de que a vida é un momento moi curto e que pasa en un plis plas... Por iso, se aínda estás nese momento da vida, eu anímote a que vivas intensamente todo o que acontece ao teu redor, para que nunca chegues a pensar en que calquera tempo pasado foi mellor, ou que deixaches moito por facer... O tempo pasado nunca volve... Cada idade ten o seu encanto:
Desfruta a vida, pois... A vida... Son dous días... 

luns, 30 de xullo de 2012

Descalza Pola Beira Do Mar

Como moita xente, eu adoro ir á praia! Polo sol... Pero non só polo sol...
Tanto é así, que eu non paro nin un minuto, estarricada na toalla a apañar os raios do noso astro rei... Nunca fico sentada nin deitada... Non, non... Nada diso... Eu na praia estou sempre en contacto coa auga...
E o que máis me gusta é poder camiñar descalza pola beira do mar, coa auga salgada a rozar os meus pés, mollando as miñas pernas e salpicando todo o meu corpo... 
Non podo dicir que non guste do sol... Sí... Gústame o sol, a acariciar e a broncear a miña pel, mas sempre a pasear  pola orilla. Penso que  non hai nada mellor que eses paseos pola beira do mar e ao mesmo tempo estar a ouvir o rumor das ondas antes de chegar á area, ou o bater da auga contra as rochas, sentir a brisa mariña ondular o meu cabelo e a refrescar a miña pel ardente, ver as gaivotas no ceo voar e os cormoráns coas súas ás estendidas, postas a secar...
 E que dicir da sensación de sosego e de descanso que eu sinto alí!!!!!!
 E con música a soar nos meus ouvidos e no meu corazón, a miña mente libérase de toda preocupación e esquece todos os problemas...
En definitiva, na praia: Agradable e pracenteira sensación... Moitas emocións!

venres, 27 de xullo de 2012

De Ben Nacidos É Ser Agradecidos

Hoxe só deixo flores cuns versos de Fernando Pessoa e vinte mil gracias a todos os lectores e seguidores de Camelia Branca Do Ar que estades sempre aí e conseguistes que o blogue acadara as 20.000 visitas!!!!!!!
E o jardim tinha flores
De que não me sei lembrar…
Flores de tantas cores…
Penso e fico a chorar…

luns, 23 de xullo de 2012

Cousas Sinxelas

A min gústanme as cousas sinxelas, e as persoas sen dobrez. Adoro escoitar todo tipo de música pero ao mesmo tempo encántame que as palabras que se debullan ao son da melodía estean impregnadas de significado, de sabor e de color para a miña alma saudosa ..... E que delicia a miña ao sentir o rechouchío dos paxaros, cantándome na miña ventá, alá pola mañá ben cediño, cando aínda os meus ollos non están ben abertos ao día e aínda permanece en min a lembranza dos soños vividos na noite... Esa noite que aínda non quere marchar, que me ata ao meu leito,  pero que se ve obrigada a escapar pola présa da alborada, impaciente, e  xa presente no ceo, nas árbores, no río.....

mércores, 18 de xullo de 2012

Sempre A Camiñar


 Na vida, ás veces, as cousas andan moi de vagar... E a nosa rutina parece ir a un ritmo máis lento do que a nós nos gustaría...  Mais é importante non  parar... O que importa é seguir a estrada, ver a senda pola que temos que pisar e continuar o noso camiñar... Sempre a camiñar... Un paso detrás de outro e a nosa meta ficará un pouquiño máis cerca de nós... E o triunfo final estará ao noso alcance!

sábado, 14 de xullo de 2012

Teño Saudade Do Verán


Pois polo visto parece que este ano o verán non quere chegar ata estas paraxes galegas... E eu que estou de vacacións só teño un desexo: quero disfrutar do sol e do calor... Quero ir á praia... Quero camiñar descalza póla area e ir deixando as miñas pegadas detrás de min... Quero deixar que a auga salgada e fresca do noso Atlántico me molle os pés e incluso me conxele os tornecelos... Quero poder mergullar neste noso mar ata que me falte o ar!!!!!!
Teño saudade de ti... Saudade do verán!!!!!!

martes, 10 de xullo de 2012

Unha Luz Na Escuridade Do Noso Desespero

Que tristeza é pensar que, cando estamos cansados, cando sentimos a dor, ou mesmo un grande oco no noso interior... Cando pensamos que estamos derrotados e fuximos da nosa batalla na vida e, escondidos, só queremos gritar ... Que tristeza atoparse con que  o mundo é xordo... E non hai ninguén para nos oír!!!

Mais... Que o desespero non chegue ata nós... É bo acreditar que, cando todo parece xa estar perdido, felizmente, haberá alguén que escoite o noso berro... Unha man amiga, unha luz na escuridade que nos libere da nosa soidade...

martes, 3 de xullo de 2012

O Tempo Non Corre... Voa!!!


E continuando con Shakespeare, el tamén dicía que o tempo é moi lento para os que esperan, moi rápido para os que teñen medo, moi corto para os que festexan, mas  para os que aman, o tempo é eterno...
Eu non sei se Sir William estaba certo ou equivocado en algunhas de estas afirmacións, pero o que eu penso é que o tempo voa...
Aínda onte eramos nós, uns rapaces que ían á escola e tiñan os ollos moi abertos diante de todo o que a realidade nos ofrecía, e agora, case sen disfrutar da vida algúns de nós, dos que xogabamos sempre xuntos, alí no camiño polo que só pasaban os carros co seu cantar de eixe non ben mollado, algúns xa non están aquí a seguir compartindo experiencias neste camiño que é a vida...
Por iso eu penso, cada día mais claramente, que o mellor é disfrutar de todo o que a vida nos poña por diante no momento en que iso aconteza. Nada de pensar que mañá será o gran día... Temos que gozar do hoxe, porque se cadra, o mañá xa non chega... 
Porque a vida son dous días e o tempo non corre... Voa!!!!!