domingo, 29 de maio de 2016

O Tempo, O Mellor Profesor

Todos sabemos que o tempo é o mellor profesor.
El é quen, ao fin e ao cabo, 
pon sempre as cousas no seu sitio.
Deixémonos de presas, 
acouguemos un pouco...
Esquezamos as preguntas, 
aquietemos o corazón 
e deixemos que el fale por nós.
Con claridade e firmeza, 
el daranos as respostas 
e contará as nosas historias 
porque é quen de verdade as coñece.
Así ficarán inesquecibles 
e perdurarán por sempre.

martes, 17 de maio de 2016

A Estrela Sen Nome: Manuel María

A estrela sen nome


Eu sei dunha estrela
perdida nos ceios,
irmá dos meus soños                                               e dos meus anceios.

A estrela rebrila
cando miro pra ela
cos ollos abertos
i ollada sinxela.

Eu sei que esa estrela
perdida na noite
si cecais lle falo,
cecais ela escoite.

Eu sei dunha estrela
cal outra non vin:
¡si eu ollo pra ela,
ela olla pra min!                                                             

¡Eu sei dunha estrela!
¡Coa estrela eu soñei:
si ten nome ou non
é o que eu non sei!
Manuel María

sábado, 7 de maio de 2016

Un Sorriso E Unha Flor

Teño tanta ansia de sentir o calor do sol na miña pel que me parece velo en todas partes.
Porque non hai nada mellor que prestarlle atención a todo o que nos rodea.
Non importa que o sol fique un pouquiño máis a durmir entre as súas sabas de nubes. 
Cun sorriso e unha flor, nós podemos facer brillar o noso día! 
Claro que sí!

sábado, 30 de abril de 2016

Sempre Hai Unha Persoa Que Espera A Outra

Sempre existe no mundo unha persoa que espera a outra, xa sexa no medio do deserto ou no medio dunha gran cidade.
E aquí estou eu... Ás portas do castelo, á espera do meu príncipe azul... Seguro que non ha de tardar... 

sábado, 16 de abril de 2016

Aquí Estou A Esperar O Encanto Dun Solpor

E aquí estou eu a esperar
Que chegue o bo tempo 
E traia con el unha raiola de sol.
Aquí estou eu a esperar 
Poder ver as estrelas 
Dun ceo estrelado 
Ao tempo que escoito os grilos 
Lanzar ao aire a súa leda cantinela.
Aquí estou eu 
No meu recanto,                        
Ansiosa de contemplar 
O encanto dun solpor, 
Ese momento máxico 
No que o sol pinta de tantas cores 
A liña do infinito.
Aquí estou eu a abrir 
As xanelas do futuro, 
Sempre confiando no mellor.

sábado, 9 de abril de 2016

Na Arrandeeira Co Aloumiño Do Vento Na Cara

Cando era pequena, nena inqueda e soñadora, gustábame moito columpiarme. Unhas cordas e unha táboa eran abondo para chegar ata a Lúa.
Pasaba horas e horas alí a arrandearme de diante para atrás nun ir e vir infinito.
Impulsábame e impulsábame con todas as forzas ata que xa non se podía ir máis alá.
Non había quen chegara máis alto ca min.
Non había ninguén máis feliz que aquela nena de sorriso sincero, que aproveitaba todos os instantes da vida.
¡E que liberdade chegaba ata o corazón naqueles instantes en que voaba e voaba, só co aloumiño do vento na cara, espallados polo aire os longos remuíños do meu pelo!
E ti, ¿xa sentiches a vertixe de soltarte e lanzarte en pleno voo ata o chan, lonxe, moi lonxe das ataduras, para caer de pe, así sen mais, cal acróbata de circo?
¡Ese era o mellor e inigualable final!

sábado, 2 de abril de 2016

A Relaxante Tranquilidade Do Mar, Xardín Segredo

Como relaxa e fai ben á alma poder parar un instantiño e ficar simplemente a ollar a tranquilidade do mar!
E é que ás veces na nosa vida preséntansenos momentos únicos, momentos sinxelos pero tan marcantes, que só por eles merece a pena estar alí, diante da inmensidade azul, coa solitaria compañía dunha gaivota a voar.
Alí, en tardes soalleiras, parece que nos atopamos no noso espazo segredo, o noso refuxio, o noso xardín máis recendente, onde nada nos incomoda e onde podemos sentar devagar a lembrar os feitos do pasado, a adiviñar o noso porvir, ou a mirar apenas para a vida pasar.

mércores, 23 de marzo de 2016

Soño Polo Ceo Poder Voar

Que bo é estar aquí ó fresco,
Deixar a pel respirar sen roupa
E sentir directamente a caricia do aire,
Esa sutil caricia arredor do meu corpo.

Deixo os meus pensamentos vagar
En tanto a miña mente se aclara.

Sinto cóxegas nas costas.
E imaxino que aínda son
Aquela nena chea de soños.

Que non ficaba sentada,
Que insistía e persistía con tesón.
E, aínda que cal estatua, calada
Agarraba con forza a variña da ilusión.

Ás veces desexaba ter ás
E polo ceo poder voar.
E, sabedes unha cousa?

Teño a certeza total
Que foi outro soño
Que logrou acadar.
Por que será?

luns, 14 de marzo de 2016

Cabalos, Raios De Ledicia E Luz


Galopando monte arriba,
cheos de forza e de sol
non sentían ningunha dor.

Os seus corpos galanos
relucían destacados 
contra o arboredo.

O vento, capitán xoguetón,
lanzaba as longas crinas
lonxe dos brillantes lombos.

E eu, alí, estática,
estatua muda e admirada,
simplemente a velos pasar...

Cabalos...
raios de ledicia e luz!

martes, 9 de febreiro de 2016

A Vida É Un Carnaval!?

Hai quen pensa que a vida é un carnaval e levan sempre unha máscara posta.
A máscara da hipocresía...
Esa máscara dálles poder e fai que os demais os vexan como persoas encantadoras, envexables e cunha vida a imitar...
Pero un día a máscara cae... 
E detrás dela vai todo o demais... 
E din que o tombo é moi duro...
Por iso, aproveita o Entroido!
                                            pero vive a vida sen máscaras!

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Tediosa Espera, Triste Quimera



A noite xa está a caer
E ti non das chegado.
Sinto saudades da túa presenza,
Daquela túa ansia urxente de min.
Agora aquí estou
Simplemente  
A deixar caer
As pétalas da margarida...
Unha... Dúas... Tres...
Si... Non... Si...
Pero ti onda min aínda non estás.
Ai que tediosa
É esta longa espera...
Que non pasa de ser
Unha triste quimera!

mércores, 20 de xaneiro de 2016

A Noite Caía Mansiña


A noite caía mansiña e sosegada,
A presenza da chuva facíase notar.
As últimas follas,                                   Das súas pólas escapadas,
Eran levadas     
E empurradas 
De acá para alá.
Só o noso banco, 
Triste e solitario,                 
Sabía da túa ausencia.
Só a miña alma, 
Ciumenta e saudosa,
Precisaba da túa presencia
Sempre tenra e amorosa.

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Chove Lá Fóra Saudade De Ti



E como chove lá fóra!!!
E chove... E chove...
E  non deixa de chover...
E así está o meu corazón
Porque ti non queres aparecer
Meu lindo e lonxano amor!
O meu paraugas vermello
Enchóupase de saudade
E, mentres, o mar
Brúa e berra o teu nome
Que nunca a min
Como entón há de tornar!

domingo, 10 de xaneiro de 2016

Misterio E Maixa: Deixarse Levar

Hai veces que hai que deixarse levar polo misterio e a maxia.
Entrar sen medo e con ilusión nas intrincadas veredas do noso camiño!
O Sol sempre estará aí a iluminar o noso paso.                                         

mércores, 6 de xaneiro de 2016

O Mundo Nas Túas Mans!

Todos temos un mundo de soños no noso interior.
Ilusións que un día pensamos que imos alcanzar.
E iso é bo. Os soños mantéñennos cos polos cargados de positividade.
E agora que este ano acaba de comezar é un bo momento para tentar acadalos.
Así que , non o dubides! Ponte mans á obra!
Tes O Mundo Nas túas Mans!                                                

xoves, 31 de decembro de 2015

¡Un Excelente Ano 2016 Para Todos Nós!

¡Chinchín! Un Excelente Ano 2016 Para Todos Nós, Amigos, Lectores E Familiares!
 ¡Que o novo ano traia o sosego da paz, e a receita da felicidade!

domingo, 27 de decembro de 2015

Tornado Meniño Brinca Cos Meus Soños

Nun medio día de fin de primavera
Tiven un soño como unha fotografía
Vi Xesús Cristo descer á Terra,
Chegou pola costa dun monte
Tornado outra vez meniño,                    
A correr e a rolar  pola herba                                  

E a arrancar flores para deitalas fóra
E a rir de modo que se ouvise de lonxe.

...........................................................
El dorme dentro da miña alma
E ás veces esperta de noite
E brinca cos meus soños,
Vira uns de pernas para o ar,
Pon uns enriba dos outros
E bate as palmas soíño
Sorrindo para o meu sono.
Alberto Caeiro (F. Pessoa)

mércores, 23 de decembro de 2015

Xa Está Aquí O Nadal!

E un ano máis... Así de repente... Xa está aquí O Nadal!!!
Desde o blogue Camelia Branca do Ar os meus mellores desexos para todos vós nestas festas tan familiares!
CLICADE NA FOTO PARA VER UNHA PRESENTACIÓN DE BOS DESEXOS
nb

xoves, 17 de decembro de 2015

No Silencio Dun Abrazo

A miña amiga ten unha mágoa... 
Eu quixera dicirlle palabras de consolo...
Mas o don da palabra non é o meu...
Verdade que xa nos pasou algunha vez?
E que facer entón?
Pois estar aí.... Iso é o que importa!                                
Ás veces non precisamos de palabras para axudar e animar a un amigo!
Saber escoitar tamén é importante!
Cando non sabemos o que dicir, e a tristeza é profunda, un simple abrazo, unha mirada de complicidade, de partillar a pena, chega ata a alma!
Poder acoller un amigo no noso ombreiro e no silencio de un abrazo iso fai moito ben!
Os nosos ombreiros sempre están aí para acoller os amigos! É francamente fantástico poder dicir a un amigo: Se precisas de un ombreiro, eu teño dous! Se precisas de alguén que te escoite, esa persoa son eu! Non o penses dúas veces...!

mércores, 9 de decembro de 2015

O Mar E As Túas Pegadas Na Area

Vou camiñando a través do tempo
E co debullar dos anos, 
Dos meses e dos días,
Miro en fite os acontecementos 
Pasar e deambular.
A paisaxe é fermosa ao meu redor,
Pero, o camiño polo que piso,
Non ten chan para facer resoar 
O meu cansado paso.
Por iso, todo é silencio ao meu carón.
E é entón que a imaxe do mar aparece,
Coas túas pegadas na area.
Para encher de saudade 
                                                                                        O meu corazón.

martes, 24 de novembro de 2015

Tempo De Outono E Magostos


Tempo de Outono,
Tempo de magostos,
Tempo de comer castañas.
Tempo de tisnar a cara.
Tempo de brincar 
Por riba da fogueira.   
Tempo de voltar para tras
E revivir a infancia... Sempre!

mércores, 28 de outubro de 2015

Especiais Tardes De Outono

As tardes de outono non cabe dúbida de que teñen un aquel especial...
E que bo é cando nos deixamos levar e sacamos os nosos ollos e o corpo todo a pasear e empaparse de todas as fermosuras do noso arredor.
A nosa alma fica chea e encántase con todo!
Deixémola disfrutar!

sábado, 17 de outubro de 2015

Folla, Poeira, Invisible



Cando eu for, un día deses,
Poeira ou folla levada
No vento da madrugada,
Serei un pouco do nada
                   Invisible, delicioso...
Mario Quintana

sábado, 3 de outubro de 2015

Cara A Un Mar De Aventuras

E case sen pensar 
O tempo está a pasar.
Gran a gran, o reloxo de area da vida,
Está a se baleirar.

Pero eu, 
Neste meu camiñar,                             
Non quero ollar para atrás.

De aí é de onde veño,
A paisaxe xa a coñezo.
Os meus pasos levaranme
Sempre cara adiante.
Os carreiros preséntanse ante min
E convídanme a entrar 
Naquelas adustas paraxes.
Eu sei que para min 
Un mundo novo se abre.
Un mar infinito de aventuras,
Soños novos polos que loitar
E tormentas en noites escuras.      
A miña alma susúrrame:
Adiante!

mércores, 30 de setembro de 2015

Entre Barcos De Papel


"Direiche como naceu a ledicia,
como nace o vento entre barcos de papel,
Como nace a auga ou o amor..."
Eugénio de Andrade

martes, 15 de setembro de 2015

Color Contra Melancolía

E hoxe estou pesimista...
Será que a miña alma contáxiase deste atmosfera gris que nos envolve...
Mais non vou deixar que a melancolía tome conta de min...
Eu son máis forte! Podo loitar e sei que vou vencer!
Deixo esta visión colorida, sen dúbida pode axudar a mellorar e impedirme caír no pozo da tristura!

domingo, 6 de setembro de 2015

Pontevedra Feira Franca 2015

E aquí estamos outra vez... Ves fillo como estas persoas están contentas de vernos?

Xa cho dicía eu! Todos os anos pasa o mesmo.
E é que estamos tan ben aquí neste fermoso xardín! E mira que fermoso é todo o que nos rodea!
Creo que non quero fuxir de aquí!
Para o ano volveremos a acudir á nosa cita coa Feira Franca de Pontevedra!

martes, 25 de agosto de 2015

Ofrenda Floral Peregrina 2015

Como tódolos anos, o segundo sábado de agosto, celebrouse a tradicional ofrenda de flores á Virxe Peregrina, Patroa da Provincia de Pontevedra.
Tamén, como vén sendo habitual nos últimos anos, o pregón tivo como escenario a Praza de Mugartegui á que nós sempre nos achegamos a través dos Arcos de San Bartolomé.
A praza por certo, atopábase moi concorrida e animada!
Iso sucede cada ano, pero este ano quizás acudiu máis xente, ávida por escoitar as palabras pronunciadas polo noso campión Javier Gómez Noya.
Despois iníciase o percorrido ata a Capela da Peregrina.
Este ano por certo cambiouse o itinerario.
Pero o importante era chegar alí, á capela.
E poder deixar as flores ante a Virxe.
Non podían faltar os xigantes e cabezudos.
E despois unha visitiña pola nosa bonita cidade. Unha foto na Ferrería.
En San Bartolomé.
Diante do Liceo Casino.
Na rúa Manuel Quiroga.
 Na Praza do Teucro.
No cruceiro das Cinco Calles.
En Santa María.
Coa Virxe dos Praceres.
Dando unha reviravolta.
Fermosa sempre a nosa cidade!
E non nos esquecemos de saudar a Valle Inclán.

 E xa por fin... Un descansiño non vén nada mal...