luns, 25 de novembro de 2013

Eliminación da Violencia Contra As mulleres

O 25 de novembro está considerado O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A esta data engadíuselle o chamado Día Laranxa, o 25 de cada mes, a fin de destacar todas as actividades levadas a cabo en relación coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres non só unha vez ao ano.
 
Pois de todos é sabido que a violencia, os malos tratos e o abuso afectan a todas horas as mulleres de todos os lugares e dos máis variados orixes. Hai veces en que o ataque provén de persoas descoñecidas, pero tamén hai mulleres que sofren abusos por parte de persoas próximas a elas.
Esta violencia é frecuentemente física pero non debemos esquecer o maltrato psicolóxico coa terrible carga de dor emocional que iso provoca.

Debemos polo tanto estar atentos aos signos de violencia física, con secuelas máis ou menos visibles, e, sobre todo, vixiar a queixa silenciosa da vítima do acoso moral que vai minando as forzas, poucas o moitas, de quen o sofre.

E actualmente, a pesar das medidas que se toman, e de toda a información que existe ao respecto, parece que en vez de ser menos os casos, o número de vítimas vai en aumento. E o que é paradóxico, ou polo menos a min, así mo parece, é que se producen moitos abusos entre parellas xóvenes onde o mozo crese amo da súa noiva e chega a impoñer unha serie de condicións totalmente autoritarias e desmedidas, que en caso de seren incumpridas, terminan moitas veces en maltrato físico.
E o que a min me parece incrible, é que unha rapaza de hoxe en día acepte unha relación con alguén que impón a súa lei, e que lle di como ha de comportarse, con quen pode ou non saír, a onde pode ir ou non, como debe vestir, etc. E o que aínda é peor, é que a maioría destas mozas consideran que ese comportamento por parte das súas parellas é debido ao amor que senten por elas, e non atenden a razóns cando se lles advirte do que en realidade está a pasar…
E eu pregúntome entón: ¿Será por iso que din que o amor é cego???

Ningún comentario:

Publicar un comentario