martes, 30 de xuño de 2020

O Pozo E A Rapaza Tristeira

Camiñaba eu pola parte vella da vila e alí estaba ela, rapaza pequena e tristeira...
- Por que non loces un lindo sorriso?
- Miña nai mandoume por auga ao pozo... Está lonxe, son pequena e case non podo, teño medo de romper o cántaro en cachos e estragar todo...
Ofrecinlle a miña axuda, aceptou sen dúbida algunha, e entón si apareceu o sorriso tan ansiado e que nunca debería borrarse da súa faciana.
Mary Carmen

domingo, 17 de maio de 2020

Ricardo Carbalho Calero Letras Galegas 2020

A lembranza de Camelia Branca do Ar para Ricardo Carbalho Calero autor homenaxeado no Día Das Letras Galegas 2020
Na casa tinhamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o meu pai era novo ainda
e no mar do mundo cada dia ...

mércores, 13 de maio de 2020

Papoulas Para 125.000 Visitas. Moitas Grazas!

Xa están por aí as papoulas
As súas cores a lucir...
Se as ves non podes deixar de sorrir
Pois a ledicia non é pouca...
Vermellas ou alaranxadas...
Como non amalas!
Mary Carmen
Poema que conmemora a chegada ás 125.000 visitas! Moitas grazas por continuar aí!

luns, 20 de abril de 2020

O Espírito Do Bosque Chegou E Faloume

Esta noite cando durmía o espírito do bosque chegou onda min...
Faloume das corredoiras preocupadas porque hai moito que non escoitan o petar dos meus pasos sobre as súas pedras musgosas...
Contoume da tristura dos vellos muíños agora aínda máis silenciosos pois non hai quen se achegue ata eles a espertalos do seu longo sono...
De que as rústicas pontellas teñen saudades de verme remonta-los bulideiros regueiros...
De que as fervenzas e ríos están a perder a súa voz cantariña pois xa non teñen quen cante con eles...
E as árbores, tecedoras de coloridos tapices, ansían o musical ruxerruxe que as miñas botas sabían arrancarlles...
Mesmo as papoulas, margaridas, prímulas, xestas, fiúnchos, fentos e toxos devecen pola miña presenza...
Todos preguntan e queren saber o porqué deste longo afastamento...
Será que xa non queres nada con nós?
Eu sentinme abraiada e non quixen falar dos longos días de dor, agora amainados, mais sempre aí ao axexo, das noites sen durmir, dos momentos de debilidade e fraqueza...
Só puiden prometer que axiña todo pasará e que calquera día destes, co bastón e coas botas, alá me terán de novo a sentir o brío e afouteza que de todos eles emana...
Mary Carmen

martes, 24 de marzo de 2020

Saír Buscar A Raiola Do Sol Polos Camiños

Que saudade de poder saír e buscar a raiola do sol polos camiños...!!!
E alí atoparnos só con quen realmente desexa o noso ben!
Encontros que van compensarnos de todas estas angurias, 
De todos estes encerros sombríos e desacougos...
Mary Carmen

sábado, 18 de xaneiro de 2020

Non Deixes O Monstro Decidir a Túa Felicidade

Temos tantos soños por realizar e estamos tan felices pensando neles, que non reparamos que o monstro, de ollada fulminante e longos cairos, está detrás nosa a querer impedilos...
Por iso... Vixia as túas costas!!! Non lle deixes decidir sobre a túa felicidade!!!
Mary Carmen

luns, 30 de decembro de 2019

Feliz E Venturoso 2020, Cameleiros!

Un ano máis que se vai... Oxalá que no 2020, que está xa aí ás portas, saibamos aproveitar cada instante de felicidade e poidamos ter ollos para todo o encanto que se espalla ao noso arredor.
Que teñamos tempo para pararnos a disfrutar dun por do sol, aló polo luscofusco e da luz máxica das estrelas alá no alto.
Que abramos as fiestras e por elas entre todo o que de bo hai e que permita que amosemos o noso mellor sorriso.
E, sobre todo, que teñamos amor e a saúde necesaria para poder realizar polo menos unha parte de todo o que nos gusta e forma parte da nosa esencia.
¡Feliz Ano Novo, Cameleiros!
 Mary Carmen

xoves, 19 de decembro de 2019

Feliz E Xubiloso Nadal, Cameleiros!

E xa está aquí O Nadal!!! Dende Camelia Branca do Ar envíovos un gran sorriso cos meus mellores desexos para estes días. 
https://942bd8cf-a-62cb3a1a-s-sites.googlegroups.com/site/mcmoledogz3/Nada2019.swf?attachauth=ANoY7coaSZwRh-QGFAHY1t39_JPrxml3_OjpyHxvblqJ6WWQiIitVfpXcmaASCx_-o2JbL5hW7-4XjIxNxMQHw0QilgBmoOrJdQasiU_byPL734ezjVK472Y58AdQELorCutshdEUdwQjPXCj_-z1TrfEjo6LZtzW1M6bXpBno_519x2TggZeEpFc2YyasCjhSx4InCsTVD5OSGBx1gvK-UVH0HlCXhugw%3D%3D&attredirects=0
 Se Clicades Na Imaxe De Arriba Podedes Ler Todo O Bo Que Quero Para Vós.
Feliz E Xubiloso Nadal, Cameleiros!
Mary Carmen

venres, 22 de novembro de 2019

Noa: Meiga Con Feitizo

E aquí estou eu a pensar, coma meiga que son, no seguinte feitizo que vou formular...
Seguramente botarei man da poeira de estrelas que gardo no meu sombreiro, algúns lunares negros das xoaniñas dos meus pendentes, 4 ou 5 peliños de Lumpur, o meu koala, 2 ou 3 lambedelas de Ripley, a miña cadela favorita, a suavidade do lombo da miña rá, lascas dos cornos do “oso vermello” da casa dos meu avós, pétalos de rosa do casamento da miña tía Mary, unha cullerada do ollo fotográfico do meu pai, quilos dos mimos, paciencia, e intelixencia de miña nai, salpementados cun chisco da súa chispa humorística e aderezados co agarimo da miña madriña e doas de cores dos colares da miña avoa,...
Creo que sairá un bo conxuro,... pero aínda non sei para que....
Se me vedes voando coa miña vasoira, ou camiñando pola rúa, decatarédesvos de que me gustan moito os animais, pero... non vos fiedes moito da araña da miña faciana...
En realidade é a miña gata Lilu, é negra, claro, e gústalle viaxar comigo pero camuflada...
Así que...coidadiño!!! Parece unha araña pero se te achegas, ... Rabuña!!! 
Mary Carmen 

AUTOR DA FOTO: ÓSCAR TOURIÑO

martes, 15 de outubro de 2019

Tigre A Ollar Para Min

Creo que vin un lindo gatiño…
Ah, non é tal,
É un tigre!
Sempre me fascinaron os tigres
Coa súa fermosa pel...
E agora aquí está el
A ollar para min!
Será mellor que quieta fique
Sen un dedo mover,
Nin tan sequera pestanexar.
Será que así
Podereino despistar?
Mary Carmen

domingo, 6 de outubro de 2019

Búscote Sempre Coas Flores Aí

Búscote en todas partes
No xardín, no monte, na rúa...
E nesta procura pérdome
Non sei onde...
Pero non estou soa...
Elas están sempre aí...
As flores... tan lindas elas...
Mary Carmen

martes, 1 de outubro de 2019

Unha Barca No Río


A tarde era húmida e fría.
Nas doces augas do río
Unha barca languidecía.

Lonxe do país dos soños estaba
Sen forzas para remar.

Deixádea alá estar!
Non estorbedes o seu descansar!
Mary Carmen

xoves, 26 de setembro de 2019

Chega O Outono Para A Paisaxe Renovar

Chega o outono
E con el un cambio de aires
Para a paisaxe renovar.
Vento, Terra, Sol e Mar.

Nas camiñadas pola nosa terra
Un arrecendo espállase no ar
E acompáñanos silandeiro.

Árbores, pedras e flores
Tínguense de novas cores.

Noces, uvas, castañas,
Cogomelos e cabazas
Convídannos ao seu festín.

Mary Carmen

xoves, 19 de setembro de 2019

Un Hórreo Na Memoria

Daquil perdido Edén soio me queda,
na néboa da memoria, un hórreo.

Un mundo, ¡tan inorme!,
nas tépedas tardiñas do outono.
.....................................................
Brincaba a ser un home sin sabere
que era moi triste aquil meu xogo.
Todo pasóu. A vida
foi polo tempo dando tombos.

De todo me esquecín. Soio me lembro
daquil Edén, na sombra  daquil hórreo.

Celso Emilio Ferreiro

xoves, 5 de setembro de 2019

110.000 Visitas, Flores, Cores E Gargalladas!

Chegadas as 110.000 visitas moitas grazas a todos vós que estades aí e pasades pola vida da xente sementando flores, cores e gargalladas.

sábado, 31 de agosto de 2019

Saír Do Pozo Da Amargura

E aí estaba el a tentar saír do pozo sen fondo da súa amargura.
 A vontade era débil, as forzas poucas, mais as mans eran fortes e teimaban en agarrarse á última esperanza.
Quen?... Eu???
Mary Carmen

sábado, 24 de agosto de 2019

Paciencia Para Non Perderme

Teño que ter paciencia para non perderme dentro de min: vivo perdéndome de vista. 
 Preciso de paciencia porque son varios camiños, inclusive a fatal calella sen saída.
Clarice Lispector

sábado, 17 de agosto de 2019

É Bonito Ser Amigo!

É bonito ser amigo.
                 Mais, confeso,                    
É tan difícil aprender!
É por iso
Eu suplícoche paciencia.
                                  Vou encher este teu rostro                      
De lembranzas!
Dáme tempo
Para nivelar
As nosas distancias!
                                                                        Fernando Pessoa

mércores, 31 de xullo de 2019

Disfrutar Do Fresco Azul E Da Paisaxe

De cando en vez xorde unha inquedanza en nós que reforza a idea de que a vida é un instante, cinza no ar...
Por iso non dubidemos: xa que estamos de paso, peiteemos o vento, cabalguemos por riba das ondas, disfrutemos do fresco azul e da paisaxe... 
Mary Carmen

domingo, 21 de xullo de 2019

Calma Na Mañá

A mañá estaba calma,
No ar transparente
Só o rechouchío
Dos paxaros nos niños...
Ela permanecía alí,
En quietude total
Allea á lene caricia
Da brisa nas follas verdes 
Das árbores do amor...
Mary Carmen

venres, 12 de xullo de 2019

Encontrar O verso Puro

"...Quen me dera encontrar o verso puro,
O verso altivo e forte, estraño e duro,
Que dixese, a chorar, isto que sinto!"
Florbela Espanca

domingo, 30 de xuño de 2019

Sentir A Raiola Do Sol, Camiñar Sen Rumbo

Hai días en que o único que me apetece é saír aos camiños, sen rumbo, recibir o agarimo dunha raiola de sol, sentirme arrolada polo vento e o rechouchío dos paxaros, ... 
 Ese toque, ese son, chegan ata a miña alma, fican alí e fana vibrar...
Mary Carmen

sábado, 8 de xuño de 2019

Achégome Ao Precipicio Para Voar

Ás veces, atrevida,
Achégome ao precipicio!
Alí pousada, en nada penso,
Simplemente tomo alento
E respiro sen máis...

Pingas de auga sonoras
Divirten e mollan
A sequidade da rocha.

É tanta a beleza ao meu redor
Que moitas emocións
Afloran no meu interior.

Realidade e ficción
Xúntanse e, aliadas,
Nun tris tras
Lévanme da man
E fanme voar.
Mary Carmen

sábado, 25 de maio de 2019

Deslizar Sobre As Ondas E As Augas Do Mar

Hai veces que soño
Que me deslizo
Sobre as ondas branquiazuis do mar.
Dese mar que é a vida. 
Desde sempre a visión
Das súas augas, calmas ou non,
Batendo contra as rochas
Ou achegándose mansiñas
A bicar a area da praia
Serenan a miña mente
E danme calma.
Mary Carmen
                                                         

venres, 17 de maio de 2019

Letras Galegas 2019: Antón Fraguas Fraguas

A festa na aldea ten sempre algo de misterio. 
Hai que aguantar a noite, fuxir das encrucilladas e camiñar ás escuras polos fondos camiños e carreiros que a ilusión fai longos e tristes ou curtos e ledos. 
Antonio Fraguas Fraguas

domingo, 5 de maio de 2019

domingo, 28 de abril de 2019

Voucho Dicir: 100. 000 Visitas Superadas, Grazas!


E así como quen non quere a cousa, pasiño a pasiño, pétalo a pétalo, flor a flor, xa temos superadas as 100. 000 visitas! Por iso, voucho dicir: Moitas grazas por estar aí!!! Bicos de Camelia Branca do Ar.

xoves, 25 de abril de 2019

Sempre Soñando Corredoiras E Vieiros

Aquí estou...
Sempre a percorrer camiños...
Soñando corredoiras e vieiros...
É primavera e as flores
Perfuman os carreiros.
Os outeiros, lá, na cima
Óllanme pasar...
Falan entre eles e murmuran...
A onde raios ela irá?
Mary Carmen

domingo, 21 de abril de 2019

Flores Para Ver E Cheirar

Flores... A quen non lle gustan as flores? 
 
Tan naturais co seu arrecendo e o seu lindo ollar...
Flores para ver e cheirar...
Mary Carmen 

sábado, 13 de abril de 2019

A Vida Non É Un Pasadizo

A vida non é un pasadizo no que o camiño está marcado e definido...
Por iso hai veces en que camiñamos cheos de dúbidas. Non sabemos que camiño tomar e quereriamos estar en mil e un sitios á vez... Pero só podemos ficar onde estamos e voar nas ás da imaxinación... 
Mary Carmen

domingo, 7 de abril de 2019

A Primavera Xa Trouxo As Flores

 A primavera xa nos trouxo as flores...
E aí están elas a florear e colorar
O camiño, o val, o mundo,...
E a invadir todo co seu recendo!
Mary Carmen

martes, 2 de abril de 2019

Xa Están As Cerdeiras En Flor


As flores se enguedellan.
O Sol perdeu vergoña.
O vento só é un bico
no abalo das corolas.
Antón Cortizas Amado "Nos páramos da Lúa"

sábado, 23 de marzo de 2019

Unha Cabana Na Fraga

E que tal unha cabana na fraga?
Estar alí, no medio daquel verdor
Sentindo os nosos pasos resoar
Na alfombra de folla seca...
E, se cadra...
Albiscar un niño de paxaros...
Abrir a xanela e ver o orballo do amencer
Pousar nos pétalos dos mosaicos de cores
Que ante nós se mostran.
Que bo é!!!
Mary Carmen

luns, 18 de marzo de 2019

Sutiles Pinceladas De Primavera

E parece que xa está aí: a incipiente primavera vai deixando sutiles pinceladas da súa presenza por aquí e por alí...
 Mary Carmen

martes, 12 de marzo de 2019

Raiola De Sol No Inverno

Hai días de inverno que espertan coa faciana risoña tal que se fose primavera.
Eses días nos que nos apetece deixarnos acariñar pola lene claridade da raiola do sol axexando detrás das pólas semiespidas das árbores. Mentres, nós, deslizámonos sobre os tapetes que as mans artesás da Natureza tecen para nós.
Mary Carmen