sábado, 22 de maio de 2021

Gústanme As Cereixas

 De pequena gustábanme moito as cereixas…

E aínda agora me gustan e cando comezan a aparecer nas árbores veñen á miña memoria aquelas corredoiras que eu percorría co meu irmán aló polo mes de maio para chegar até a casa da miña avoa paterna. 

Polo camiño iamos enchendo a boca de frescos amorodos ventureiros que colliamos aquí e alí sen buscar demasiado.

Chegados á casa da avoa o primeiro que faciamos era gabear polas cerdeiras e chegar ata as pólas máis altas para coller as cereixas máis vermellas e redondas.

Con elas iamos enchendo os cestos que levabamos e tamén, claro, engulindo algunhas de vez en cando ata que a nosa cobiza quedaba satisfeita.

Logo voltabamos para a nosa casa co prezado froito e eu con bonitos pendentes nas orellas. A última moda naqueles días de vermello colorido nas cerdeiras do país. Tempos aqueles...!

Ningún comentario:

Publicar un comentario