Unha celebración instituída pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destaquen pola súa creación literaria en lingua galega, ou polos seus actos en defensa do noso idioma... A única condición é que ten que facer 10 anos, polo menos desde o seu pasamento...
A primeira persoa homenaxeada, en maio de 1963 foi a nosa grande poetisa Rosalía de Castro.Precisamente celebramos hoxe o día das Letras Galegas pois foi un 17 de maio cando se imprimiu o seu libro “Poemas Gallegos”.
O ano pasado foi Uxío Novoneyra, e este ano homenaxeamos a Lois Pereiro, de quen a RAG resalta que “cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo"
Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos en 1958 e morreu na Coruña en 1996, vítima da Sida, e despois de sufrir tremendamente por culpa da enfermidade producida polo aceite de “colza” desnaturalizado.
Traballou como tradutor de alemán, francés e inglés de dobraxe de cine e de series de televisión...
Estivo en contacto cun grupo de poetas e participou na creación de varias antoloxías como “De amor e desamor” I e II e colaborou en varias revistas entre elas a revista "Loia".
Mentres viviu, só publicou dous poemarios: “Poemas” e “Poesía última de amor e enfermidade”. Despois da súa morte publicouse “Poemas para unha Loia”.
Aquí deixo unha mostra da súa poesía...
Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.
........................................................................................................................................................................
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que deberia ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.
Día das Letras Galegas...
ResponderEliminarDebía ser todo o ano...
E non só o 17 de maio...