xoves, 11 de agosto de 2016

Arrandearme Co Canto Das Ondas

Cando era pequena gustábame moito arrandearme durante horas e horas…
Era só sentarme e comezar a dar impulso co meu corpo, adiante e atrás, atrás e adiante...
E axiña estaba a voar alto, moi alto...
Era a campeona! Ninguén conseguía acadar o punto que eu tocaba cos meus pés...
E mentres estaba alí, dálle que dálle, que eufórica sensación corría polas miñas veas!
Era sensacional!
E a parte final non lle quedaba atrás...
Pois eu, para acabar, non deixaba que a arrandeeira perdera as forzas e, mentres estaba no máis alto, collía e soltábame, e dando un pincho coa lixeireza do meu gato negro, saltaba moi alto e caía de pé, lonxe do alcance da que ata alí tiña sido a miña compañeira de voo...
Agora, que xa pasou un tempiño, lembro con saudade aqueles tempos felices e despreocupados da miña nenez, mentres me deixo levar polo doce bambán arrolada co canto das ondas...

Ningún comentario:

Publicar un comentario