domingo, 29 de maio de 2016

O Tempo, O Mellor Profesor

Todos sabemos que o tempo é o mellor profesor.
El é quen, ao fin e ao cabo, 
pon sempre as cousas no seu sitio.
Deixémonos de presas, 
acouguemos un pouco...
Esquezamos as preguntas, 
aquietemos o corazón 
e deixemos que el fale por nós.
Con claridade e firmeza, 
el daranos as respostas 
e contará as nosas historias 
porque é quen de verdade as coñece.
Así ficarán inesquecibles 
e perdurarán por sempre.

martes, 17 de maio de 2016

A Estrela Sen Nome: Manuel María

A estrela sen nome


Eu sei dunha estrela
perdida nos ceios,
irmá dos meus soños                                               e dos meus anceios.

A estrela rebrila
cando miro pra ela
cos ollos abertos
i ollada sinxela.

Eu sei que esa estrela
perdida na noite
si cecais lle falo,
cecais ela escoite.

Eu sei dunha estrela
cal outra non vin:
¡si eu ollo pra ela,
ela olla pra min!                                                             

¡Eu sei dunha estrela!
¡Coa estrela eu soñei:
si ten nome ou non
é o que eu non sei!
Manuel María

sábado, 7 de maio de 2016

Un Sorriso E Unha Flor

Teño tanta ansia de sentir o calor do sol na miña pel que me parece velo en todas partes.
Porque non hai nada mellor que prestarlle atención a todo o que nos rodea.
Non importa que o sol fique un pouquiño máis a durmir entre as súas sabas de nubes. 
Cun sorriso e unha flor, nós podemos facer brillar o noso día! 
Claro que sí!