sábado, 9 de abril de 2016

Na Arrandeeira Co Aloumiño Do Vento Na Cara

Cando era pequena, nena inqueda e soñadora, gustábame moito columpiarme. Unhas cordas e unha táboa eran abondo para chegar ata a Lúa.
Pasaba horas e horas alí a arrandearme de diante para atrás nun ir e vir infinito.
Impulsábame e impulsábame con todas as forzas ata que xa non se podía ir máis alá.
Non había quen chegara máis alto ca min.
Non había ninguén máis feliz que aquela nena de sorriso sincero, que aproveitaba todos os instantes da vida.
¡E que liberdade chegaba ata o corazón naqueles instantes en que voaba e voaba, só co aloumiño do vento na cara, espallados polo aire os longos remuíños do meu pelo!
E ti, ¿xa sentiches a vertixe de soltarte e lanzarte en pleno voo ata o chan, lonxe, moi lonxe das ataduras, para caer de pe, así sen mais, cal acróbata de circo?
¡Ese era o mellor e inigualable final!

Ningún comentario:

Publicar un comentario