sábado, 30 de abril de 2016

Sempre Hai Unha Persoa Que Espera A Outra

Sempre existe no mundo unha persoa que espera a outra, xa sexa no medio do deserto ou no medio dunha gran cidade.
E aquí estou eu... Ás portas do castelo, á espera do meu príncipe azul... Seguro que non ha de tardar... 

sábado, 16 de abril de 2016

Aquí Estou A Esperar O Encanto Dun Solpor

E aquí estou eu a esperar
Que chegue o bo tempo 
E traia con el unha raiola de sol.
Aquí estou eu a esperar 
Poder ver as estrelas 
Dun ceo estrelado 
Ao tempo que escoito os grilos 
Lanzar ao aire a súa leda cantinela.
Aquí estou eu 
No meu recanto,                        
Ansiosa de contemplar 
O encanto dun solpor, 
Ese momento máxico 
No que o sol pinta de tantas cores 
A liña do infinito.
Aquí estou eu a abrir 
As xanelas do futuro, 
Sempre confiando no mellor.

sábado, 9 de abril de 2016

Na Arrandeeira Co Aloumiño Do Vento Na Cara

Cando era pequena, nena inqueda e soñadora, gustábame moito columpiarme. Unhas cordas e unha táboa eran abondo para chegar ata a Lúa.
Pasaba horas e horas alí a arrandearme de diante para atrás nun ir e vir infinito.
Impulsábame e impulsábame con todas as forzas ata que xa non se podía ir máis alá.
Non había quen chegara máis alto ca min.
Non había ninguén máis feliz que aquela nena de sorriso sincero, que aproveitaba todos os instantes da vida.
¡E que liberdade chegaba ata o corazón naqueles instantes en que voaba e voaba, só co aloumiño do vento na cara, espallados polo aire os longos remuíños do meu pelo!
E ti, ¿xa sentiches a vertixe de soltarte e lanzarte en pleno voo ata o chan, lonxe, moi lonxe das ataduras, para caer de pe, así sen mais, cal acróbata de circo?
¡Ese era o mellor e inigualable final!

sábado, 2 de abril de 2016

A Relaxante Tranquilidade Do Mar, Xardín Segredo

Como relaxa e fai ben á alma poder parar un instantiño e ficar simplemente a ollar a tranquilidade do mar!
E é que ás veces na nosa vida preséntansenos momentos únicos, momentos sinxelos pero tan marcantes, que só por eles merece a pena estar alí, diante da inmensidade azul, coa solitaria compañía dunha gaivota a voar.
Alí, en tardes soalleiras, parece que nos atopamos no noso espazo segredo, o noso refuxio, o noso xardín máis recendente, onde nada nos incomoda e onde podemos sentar devagar a lembrar os feitos do pasado, a adiviñar o noso porvir, ou a mirar apenas para a vida pasar.