mércores, 10 de xuño de 2015

Vida Estresada Sempre De Fuxida

Ai, que vida máis estresada levamos!
Andamos sempre acelerados a correr de aquí para alí!
Tanto é así que ás veces alguén está ao noso carón e nin ollamos para el, ou se o facemos é de refilón.
Paramos se cadra a dicir un ola!
Pero xa fuximos para outro lado coma se tivésemos medo de que nos dea unha chanchada.
Ás veces de quen máis axiña fuximos é de quen sempre está aí para nós, nos momentos bos e nos menos bos. Persoas incondicionais pero que tamén precisan de un momento de agarimo, unha caricia, unha aperta, un sorriso...
Están á espera con ollos ansiosos, pero non encontran nada diso en nós, que estamos sempre de fuxida ou con tempo só para as novidades, para as flores de un día, para as persoas de paso na nosa vida...
E non nos decatamos que, de tantas veces que estamos a facer iso, vai chegar un momento en que deserten da nosa compañía, e ficaremos entón sen o calor do seu abrigo, inmersos na frialdade da soidade!

Ningún comentario:

Publicar un comentario