mércores, 17 de xuño de 2015

¿Amizade, Conveniencia Ou Aproveitamento?

Cando se fala de amizade pénsase en algo que se comparte con outra ou outras persoas.
E algo que sempre se di é que os amigos vense nos momentos malos, aqueles de dificultade.
 


















Pero eu penso que tamén nos bos momentos é que se ve a amizade.
Porque hai persoas, que en nome desa amizade, son especialistas en conseguir que os outros fagan todo o que elas queren, favores que os amigos fan encantados tamén en aras da amizade. Por un amigo faise todo!

Pero todos sabemos que hai os amigos de conveniencia. Os que se aproveitan da boa fé dos demais.
E así, cando chega o momento de celebrar o que queira que sexa, no momento da verdade, os que ata alí demos todo o mellor que sabemos, todo o noso mellor, e que facemos todo o que nos foi pedido, botando toda a carne no asador, somos deixados a un lado. Somos pagados cun simple ola.
E quen, ese día importa, e leva os mellores recoñecementos, quen sae na foto oficial,  quen ten o honor de poder conversar co protagonista, son as persoas recén chegadas, que ao mellor nunca máis volven a aparecer, e que ás veces nin teñen moitas gañas de estar alí.
E incluso as persoas que non aparecen, as que se desculpan por teléfono ou cunha mensaxe no whatsapp, reciben mellores recoñecementos, mellores palabras, que os que estamos un día e outro día sempre a axudar.
Creo que xa me chegou a experiencia. Que me aconteza o mesmo unha e outra vez.
Porque eu estou sempre aí, no día a día e nos malos momentos, pero  tamén me gustaría poder estar nos momentos felices.
Porque tamén me gustaría poder disfrutar do éxito que axudo a conseguir.
Pero como non é así, a partir de agora vou mirar con lupa todo aquilo que se me pida facer de favor. Dá igual que sexa amigo ou non. Disque o tempo dos parvos acabou! Vou ver se desta escarmento! Creedes que son capaz?

mércores, 10 de xuño de 2015

Vida Estresada Sempre De Fuxida

Ai, que vida máis estresada levamos!
Andamos sempre acelerados a correr de aquí para alí!
Tanto é así que ás veces alguén está ao noso carón e nin ollamos para el, ou se o facemos é de refilón.
Paramos se cadra a dicir un ola!
Pero xa fuximos para outro lado coma se tivésemos medo de que nos dea unha chanchada.
Ás veces de quen máis axiña fuximos é de quen sempre está aí para nós, nos momentos bos e nos menos bos. Persoas incondicionais pero que tamén precisan de un momento de agarimo, unha caricia, unha aperta, un sorriso...
Están á espera con ollos ansiosos, pero non encontran nada diso en nós, que estamos sempre de fuxida ou con tempo só para as novidades, para as flores de un día, para as persoas de paso na nosa vida...
E non nos decatamos que, de tantas veces que estamos a facer iso, vai chegar un momento en que deserten da nosa compañía, e ficaremos entón sen o calor do seu abrigo, inmersos na frialdade da soidade!