sábado, 27 de setembro de 2014

Soños Por Acadar

Todos temos soños...
Ás veces algúns deses soños chegan a cumplirse
Pero todos temos algún soño aínda por acadar.
Entón é cando xorden ao noso lado
Voces que queren facernos desistir.
Insisten en que abandonemos,
Que tiremos a toalla
Pois xa chegamos tarde.
A vida é curta, repiten,
E xa perdíche-lo tren...
Mas nós, xordos a esa música,
Continuaremos o noso sendero
A cantar os nosos propios sons.
Non importa o que nos griten,
Os soños están intactos
A esperar ser alcanzados!

martes, 23 de setembro de 2014

Grazas Por Estar Aí!

E hoxe o blogue Camelia Branca do Ar acadou as 50.000 visitas. Moitas Grazas a todos por estar aí!

sábado, 20 de setembro de 2014

Luscofusco De Verán

O sol xa vai indo
Neste suave luscofusco de hoxe,
O último do verán.
Atardece e eu estou aquí
Na ventá, a ver 
a lembranza pasar.
Estou soa,
Sen compañía.                                      
Pero estou ben,
Gústame estar así.                     
A alma chea 
de sentimentos alegres
E eu reencontrándome
Co interior de min mesma.
Esa parte, oculta, lonxana
Pero non esquecida.
É nestes momentos
Apacibles e calmos,
Cando ata ela podo viaxar.

domingo, 14 de setembro de 2014

O Mar Cautiva E Fascina

O Mar... Sempre o mar...
E que será que ten o mar que tanto me atrae??
Será o acompasado son do ir e vir das ondas?
Será o embravecido chocar da auga
Contra as rochas dos cantís?
Que é o que hai nel que atrapa 
Todos os meus sentidos?  
Será o azul que inunda todo?
Será o seu salgado sabor?
Ou será por acaso o seu peculiar arrecendo?
Ou se cadra é a suavidade do seu manto
Que me envolve docemente?
Non... Saber non sei o que é...
Só sei que con vento,
Con chuva ou con sol
El sempre me cautiva e me fascina!!!

sábado, 6 de setembro de 2014

Trasnos E Dragóns Na Pontevedra Medieval

Alá estaba eu toda tranquila paseando pola Pontevedra de comezos de setembro, esa Pontevedra que da noite para a mañá dá un salto no tempo e atópase mergullada en plena Idade Media, a celebrar a Feira Franca.
Mas de repente pareceume escoitar un son, algo así como Tchisss...
Parecíame raro pois a carón de min non estaba ninguén... Pero ao pouco volveu o son: Tchisss...
Curiosa, decidín averiguar o que o producía. Pero por moito que miraba non daba coa solución...
E xa estaba a piques de pedir papas, cando do oco dunha das árbores da alameda, vin saír unha pequena cabeza cuberta cun chapeu amarelo, deses rematados en punta. E detrás do sombreiro viñan unhas orellas tamén puntiagudas, desas coma as dos trasnos...
¿Trasnos?? Si, si, trasnos... E é que, para a miña sorpresa, era un trasno o que estaba a chamar a miña atención!!!
El quería falar comigo e así o fixo... Pero... Se queredes saber o que me contou, teredes que esperar unha mellor ocasión. E é que agora vai dar comezo o Torneo Medieval e non o podo perder!!!
Ah! E coidado cos dragóns que andan soltos pola vila... Algúns, son un encanto... Pero outros están que botan lume!!!