xoves, 26 de xuño de 2014

Todos Os Días Sae O Sol.

Todos os días sae o sol. Ás veces está unha migalla escondido detrás do seu manto de nubes, pero el sempre está aí.
E que bonitos son os días en que podemos simplemente respirar, sentir o arrecendo das flores, achegarnos á beira do mar, mollar os pés na auga salgada, escoitar o bater constante das ondas contra as rochas impasibles, canturrear a nosa melodía preferida, e facer competencia co rechouchío dos paxaros, eses que todas as primaveras veñen facer o seu niño preto da miña ventá.
Fermosas son as alboradas, sosegadas son as noites. Antes, no luscofusco, o sol escapa melancólico. O ceo borda a súa capa de estrelas e a lúa, ciumenta, non quere ficar atrás e escacha a rir coa súa cara moi chea a relucir sobre nós.

sábado, 21 de xuño de 2014

O Mellor Está Por Vir

E hai veces en que sentimos que os demais xa non contan connosco.
Veces en que os amigos para os que sempre fomos porto seguro onde eles atracaban o barco das súas dúbidas, fan como se nós non estivésemos xa presentes. Podemos dicir que nos voltamos invisibles aos ollos daqueles nos que tanto confiabamos. E é entón que sentimos que estamos de máis, que alí sobramos.
E tamén hai veces en que nos rexeitamos a crer que sexa así, non queremos acreditar que iso está a pasar. Teimamos en que todo continúe igual. Resistímonos a abandonar esas persoas, que xa non miran para nós, que xa non buscan a nosa axuda, o noso parecer.
É duro, é difícil, pero o mellor é iso, abandonar, claudicar, tomar a iniciativa de buscar novos horizontes, novas amizades, novos camiños, novos destinos por descubrir.
Eles son os que perden, nós non, nós temos todo por gañar.
E para nós, o mellor aínda está por vir.

mércores, 18 de xuño de 2014

Benvido Sexas, SOL!

E...Siii!
Por fin chegaron uns días de sol!
Uns días en que podemos ollar para o ceo e ver o sol, capitán redondo, alí, no alto brillando no seu esplendor!
E é que todos estabamos a precisar de un baño de sol! Un baño que nos trae alegría para o rostro e quecemento para o noso ánimo!
Un sol que é praia, que é agarimo, que é colorido, que é amor, que é vida, que é iso: SOL!
Por iso: Benvido sexas, SOL! 
Fica uns días máis connosco!

sábado, 14 de xuño de 2014

Sol A Brillar No Ceo E Flores No Camiño

Non sempre estamos contentos. Non sempre pasamos a vida a rir...
Hai días en que a nube negra da tristeza invade o noso horizonte e faise presente no noso ceo.
Só queremos ficar illados, non queremos que o mundo colorido saiba da paleta de grises que nós, torpes aprendices de pintores, estamos a manexar.
Non queremos nin sentir o doce sopro do vento e fechamos portas e xanelas para que non entre nin a máis leve brisa.
E é entón que necesitamos unha man amiga que nos repinte de azul o noso ar. Un sorriso doce que alonxe todas as melancolías. Alguén que nos encha o camiño de flores coloridas. Unha persoa que nos faga ver outra vez o sol que está sempre aí a brillar para nós.
 Claro que está!

xoves, 12 de xuño de 2014

45.000 Visitas E 45.000 Grazas!

E así, case sen querer, Camelia Branca do Ar chega ás 45.000 visitas. E todo isto grazas a vós, que estades aí un día sí, e outro tamén. Por iso hoxe só quero dicir: Grazas!
 
Grazas por deixarme compartir convosco a miñas cousas, ideas, pensamentos e divagacións... Grazas por ofrecerme o agasallo da vosa visita día a día. Moitas Grazas!

sábado, 7 de xuño de 2014

O Meu Pensamento: Veleiro Incansable


Chove fóra! E eu continúo acá dentro, prisioneira dos meus achaques.
Chove fóra! Non podo saír. Desde a miña xanela vexo a xente correr debaixo dos paraugas.
Chove fóra! E o meu pensamento non quere ficar prisioneiro comigo.
El, veleiro incansable sobre o mar azul, sóltase das súas amarras e voa libremente cal gaivota no ar.
Chove fóra! Mas a miña imaxinación xa está cos pés mollados a correr na area salgada da praia.
Chove fóra! Pero todo o meu ser está a sentir. Sentir o arrecendo do mar. Escoitar o rouco son do bater incesante das ondas contra as rochas. Música que leva con ela todos os meus pesares, a miña melancolía.