martes, 28 de xaneiro de 2014

A Fortuna De Ser Feliz

Hai quen di que para ser feliz basta con querer ser feliz.
Non vou ser eu quen diga que isto non é verdade… Antes de nada está a vontade de cada un, e despois todo o demais...
Pero ás veces non somos nós sós a decidir a nosa vida.
Non somos nós sós a levar as rendas do noso destino.
Si, ti fas todo o posible para ser feliz, pero chega a deusa fortuna e decide o contrario… Ás veces disfrazada de falsos amigos que din que queren axudar, que por diante ofrécenche a súa axuda,  pero que á  mínima déixante na estacada e incluso veñen e por detrás danche a puñalada… 
E sintes pena... Pena desas personas que non saben valorar unha amizade verdadeira e que estragan anos de partillar confidencias e ledicias, así, polas boas... 
Entón a túa decisión de ser feliz fica aprazada … 
Xa serás feliz outro día …

xoves, 23 de xaneiro de 2014

Melancolía E Soidade


E hai días así...  
Días tristes, aburridos
en que non nos apetece facer nada...
Días en que só lembramos cousas 
Que non nos fan ben...
Nada nos alegra,                 
Nada nos levanta o ánimo...
Só nos queda esperar
A que todo pase
E esta melancolía desapareza...
E con seguridade
Que días mellores virán... 
Días en que unha palabra amable,
Un xesto, 
Tal vez un sorriso,
Leven con eles as teas de araña
Da nosa soidade...

sábado, 18 de xaneiro de 2014

O Bico Da Chuva

E, xa sabedes,
Nestes días só temos
Chuva, chuva
E máis chuva...
A miña alma, saudosa
Dos paseos pola beira do río,
Non quere ficar                  
Máis tempo encerrada...                  
Loita titanicamente
Contra a miña razón...
E, vitoriosa,
Faime saír,
Lonxe do abrigo
Destas catro paredes
En que me atopo.
E así, nada máis pisar a rúa, 
Sinto o bico húmido e frío
Desta compañeira,
Que así me recibe,
E que continúa,
Imperturbable, 
Sempre ao meu carón.

martes, 14 de xaneiro de 2014

Pingar De Chuva No Inverno

Inverno.
Auga a caír do ceo.
Chuva con arte 
Para pintar marabillas na nosa paisaxe.
Eu, solitaria detrás do cristal da miña ventá,
Lembro o son das follas molladas,
O seu ruxerruxe,
compañeiro do meu camiñar.
Ollo para a rúa.
Miro a xente correr 
Debaixo dos paraugas,
As nubes empurradas polo vento...
Sinto o pingar incesante da auga,
Que así, moi devagar,
Vai formando as pozas
Que fan as ledicias dos rapaces.
Ai, quen aínda puidera 
Coma eles alegremente brincar...!

xoves, 9 de xaneiro de 2014

Los Suspiros Son Aire Y Van Al Aire

E así, pouquiño a pouquiño, chegamos ás 35.000 visitas!
Los suspiros son aire y van al aire.
Las lágrimas son agua y van al mar.
Dime, mujer: cuando el amor se olvida,
¿sabes tú adónde va?
Gustavo Adolfo Bécquer

domingo, 5 de xaneiro de 2014

Noite Máxica, Noite De Ilusión!

E din por aí que hoxe é a noite da ilusión... A noite da maxia... A noite na que Os Reis Magos De Oriente visitan os fogares... Mais iso só sucede se durante todo o ano fixeches os méritos para que iso poida acontecer! 
Eu, polo si ou polo non, creo que xa vou  durmir, para que as Súas Maxestades, Os Reis Magos me deixen algún agasallo no zapato! ¡Porque si, amigos e lectores de Camelia Branca do Ar! Na miña casa, continuamos con esa tradición que aprendín cando era pequena na casa de miña avoa, e todos deixamos o noso zapato debaixo da árbore de Natal... 
E sabedes unha cousa??? Parece que iso da maxia funciona... Si!!! No dia 6 de xaneiro os zapatos, polo menos ate o de agora, aparecen acugulados de regalos! Cheos a rebentar...
O dito... Xa vos deixo... Vou durmir!!! Me parece que os camelos xa andan aquí pola miña rúa...
 
Ah! Non! Aínda non podo!
Primeiro teño que deixar as galletas... Ben, non, mellor rosca e... un bo viño, para os Reis, e auga para os camelos!!! Despois de traballar arreo penso que ben o merecen!
Ah! Non me esquezo! Moitos agasallos para todos!!!Mañá xa me contaredes!!!