mércores, 27 de novembro de 2013

Momentos Secretos, Insustituíbles, Inesquecibles

E hoxe para min é un dia de lembranzas. De volver a vista atrás e ollar aqueles instantes únicos, de sentimentos intensos que acontecen só unha vez na vida.
Si, porque ás veces, así, sen telo pensado, aparecen feitos, que descobren dentro de nós facetas que non sabiamos, que nos revolucionan o sentido e fan que novas formas de ollar a vida se mostren ante nós.
Son instantes máxicos, claro que si! Eles lanzan o noso corazón a bater dunha forma apresada e tola, sen control.
Momentos que queremos sentir unha e outra vez e que cando desaparecen, nubes caprichosas, viaxeiras no ceo azul, pesan dolorosamente na distancia... 
Mas a lembranza, caracola de son de mar interior, está aí, infíltrase, descarada no pensamento e fai que saibamos que serán inesquecibles e insustituíbles. 
E sempre serán o noso segredo. 
Aninha-me a sorrir junto ao teu peito,
Arranca-me dos pântanos da vida.

luns, 25 de novembro de 2013

Eliminación da Violencia Contra As mulleres

O 25 de novembro está considerado O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A esta data engadíuselle o chamado Día Laranxa, o 25 de cada mes, a fin de destacar todas as actividades levadas a cabo en relación coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres non só unha vez ao ano.
 
Pois de todos é sabido que a violencia, os malos tratos e o abuso afectan a todas horas as mulleres de todos os lugares e dos máis variados orixes. Hai veces en que o ataque provén de persoas descoñecidas, pero tamén hai mulleres que sofren abusos por parte de persoas próximas a elas.
Esta violencia é frecuentemente física pero non debemos esquecer o maltrato psicolóxico coa terrible carga de dor emocional que iso provoca.

Debemos polo tanto estar atentos aos signos de violencia física, con secuelas máis ou menos visibles, e, sobre todo, vixiar a queixa silenciosa da vítima do acoso moral que vai minando as forzas, poucas o moitas, de quen o sofre.

E actualmente, a pesar das medidas que se toman, e de toda a información que existe ao respecto, parece que en vez de ser menos os casos, o número de vítimas vai en aumento. E o que é paradóxico, ou polo menos a min, así mo parece, é que se producen moitos abusos entre parellas xóvenes onde o mozo crese amo da súa noiva e chega a impoñer unha serie de condicións totalmente autoritarias e desmedidas, que en caso de seren incumpridas, terminan moitas veces en maltrato físico.
E o que a min me parece incrible, é que unha rapaza de hoxe en día acepte unha relación con alguén que impón a súa lei, e que lle di como ha de comportarse, con quen pode ou non saír, a onde pode ir ou non, como debe vestir, etc. E o que aínda é peor, é que a maioría destas mozas consideran que ese comportamento por parte das súas parellas é debido ao amor que senten por elas, e non atenden a razóns cando se lles advirte do que en realidade está a pasar…
E eu pregúntome entón: ¿Será por iso que din que o amor é cego???

xoves, 21 de novembro de 2013

Sorpresa E Paixón Dun Bico

O día era lindo e o sol raiaba no alto do ceo.
A túa presenza enchía a miña alma
E eu xa estaba feliz e non esperaba nada máis...
Pero así, sen pensar,
Nun repente dun instante
Chegou o teu bico.
Un bico de sorpresa,                                      
Un bico apresado,                                                       
Un bico desesperado
Que fixo descompasar o meu corazón.
E eu respondín                               
Un bico nervioso
Mas tamén un bico decidido.
Un bico que fixo desequilibrar 
A túa cautela...
E adorei o gusto dos teus beizos.
E adorei a túa lingua na miña.
E adorei...
E adorei...
E adorei... A túa paixón!

xoves, 14 de novembro de 2013

Na Memoria Para Sempre

Hai momentos na nosa vida que quedan gravados na memoria para sempre.
Hai veces, non sabemos por que, non podemos esquecer datas, feitos, paisaxes, persoas... 
Un instante, unha fervenza, unha música, un sorriso, unha palabra, un ollar, un arrecendo, unha flor...
Que fican aí connosco para sempre!

xoves, 7 de novembro de 2013

Música, Un Bico De Saudade

É Outono.
Leva días a chover e chover.
Ríos de auga sen fin.
Hoxe, a tarde está morriñenta
E eu morriñosa.
Lentamente, a escuridade
Vai tomando conta da cidade.
E eu, na miña xanela,
Ollo a xente correr
Tapada, agochada,
Ao abrigo dos paraugas.
De lonxe chega unha música
Aos meus oídos.
E con ela, un bico de saudade,
Que moi de vagar,
Na miña meixela vense pousar.

sábado, 2 de novembro de 2013

Unha Amizade Fiel Dura Por Sempre

Dicía Antonio Machado:
"A flor máis fermosa perde un día a súa beleza. Pero unha amizade fiel dura por sempre."
Eu tamén penso o mesmo que o noso grande poeta... Pero tamén se me dá por cavilar que amizades así hai moi poucas... 
Infelizmente no mundo materialista de hoxe co que máis nos encontramos é con persoas que o que persiguen é simplemente o propio beneficio. 
Entón búscante, fanse “amigos” teus porque precisan de algo que ti tes, para eles medraren de algunha maneira... Mas cando xa conseguiron o pouco, ou o moito que ti podías ofrecer, ou cando aparece no horizonte outro “amigo” que lles proporciona outras ou mellores posibilidades que contigo non atopan, alá que marchan coa nova adquisición deixándote a ti atrás, tirado coma un trapo que xa non serve para nada. 
E o peor non é ese “abandono”. O peor é a sensación de desprezo que che queda de ter sido “usado” sen ti darte conta. Porque ti por ese amigo dabas todo... Porque ti pensabas que a amizade era de verdade... Pero resulta que non o era...    
E así é a vida...