xoves, 31 de outubro de 2013

Samaín: Unha Noite Máxica

Hai quen di que hoxe é o día, ou mellor a noite das bruxas, e tamén a noite dos mortos.
Eu prefiro pensar que todas as noites na Terra son máxicas... Prefiro imaxinar a Terra como un lugar máxico, iso si! Cheo de sementes máxicas, de palabras enlazadas que bailan unhas coas outras e que nos falan de Vida!!!

xoves, 24 de outubro de 2013

Lendo "O Andamento Dos Dias"

Tony, gústame moito o teu libro “O Andamento dos Dias”.
Gústame o seu contido e gústame esa túa maneira de escribir. Unha maneira sinxela que pode parecer fácil a quen está a ler, pero que eu sei como é de difícil expresar así todos os sentimentos que viven dentro de nós e que loitan por saír. E ti fas iso: deixar que os sentimentos voen libres, ou tal vez non tan libres, xa que eles foron pousarse nas follas do teu libro... E no teu libro achamos moitas das cousas que nos preocupan: a sociedade, a xuventude, a saúde, a dor, a doenza... Tantas...
     E moitas outras que nos gustan: o Amor, a Familia, a Amizade..., e, claro, a Música...     E os que estamos a ler, sabemos moi ben que son as túas vivencias, mais tal parece que tamén son as nosas, ata o punto de identificármonos coas túas palabras que nos fan moitas veces exclamar: Ah... pero se iso tamén me pasa a min!
Por iso, aconsello vivamente a lectura de “O Andamento dos Dias” a todas as persoas!!!
E a ti, Tony, muitos parabéns!! E também muito obrigada por partilhares assim os teus estados de espírito...
E já sabes: ficamos a aguardar o próximo!

xoves, 17 de outubro de 2013

Música No Chan A Cada Pisada

É outono. As árbores comezan a deixar marchar as follas que as cobren. Elas déixanse levar collidas da man polo vento. Algunhas voan lonxe, moi lonxe... Outras teñen unha viaxe máis curta e póusanse ao pé do mesmo tronco que ata aí as sustentaba... Non queren fuxir, esa é a súa casa... E xuntas unhas coas outras van formando esa sonora alfombra de tantas tonalidades... Ai, como me gusta perder os meus pés na suavidade dese tapete colorido mentres resoa nos meus oídos esa música que vai xurdindo do chan a cada pasada e a cada pisada...

xoves, 10 de outubro de 2013

Amizade Despois Do Neboeiro

Hai veces en que así, sen pensar, chegan á nosa vida cousas boas. Feitos, encontros que non tiñamos pensado e que, por esas pasadas que nos xoga o destino, márcannos para sempre.
Amizades que xorden tras a sinuosa capa do neboeiro que cubre unha cidade, nun día que non tiñamos que estar alí...
Lazos de cariño que continuarán aí con nós e que nos fan lucir o sorriso que levamos sempre no rostro.  

sábado, 5 de outubro de 2013