martes, 13 de agosto de 2013

Ofrenda Floral Peregrina 2013

E como todos os anos no segundo sábado de Agosto dan comezo as festas de verán da cidade de Pontevedra, as Festas Da Peregrina.
E a primeira actividade, despois do pregón é o traslado da carroza da Virxe ata o Santuario da Nosa Señora Do Santo Refuxio, como tamén se coñece a igrexa onde se venera a Virxen Peregrina. E, como non podía ser menos, aquí estamos nós a cumplir a tradición de participar na ofrenda de flores á Virxen Peregrina.
Xa vos contei outros anos que a miña filla máis vella, que por razóns de traballo vive en Sevilla, chega estes días a propósito a Pontevedra para cumprir esta tradición na que leva participando desde os dous anos de idade.
Xa no día anterior toca preparar a roupa, pasar o ferro a enaguas e camisas, dispoñer zapatos, medias e adobíos... Deixando para o mesmo sábado a recollida das flores que imos ofrecer. 
E xa na mañá do sábado, resultou que o sol, que en toda a semana non visitara Pontevedra, pois presentouse en todo o seu explendor, coa súa dourada capa de raios extendida sobre a cidade.
Aínda así o desfile levouse sen moitos agobios de calor e despois de escoitar o pregón, e coa algarabía do público asistente e a música das comparsas e agrupacións folklóricas, a comitiva iniciou a súa marcha desde a Praza de Mugartegui recorrendo lugares tan espectaculares para o visitante como a Praza da Verdura, a Praza da Leña, A Ferrería...
Un dos momentos máis emocionantes é cando chegamos diante do Santuario, coa praza chea de persoas espectantes, e presenciamos con elas, a difícil subida da carroza ao Santuario.
E unha vez cumprida a nosa misión de deixar a nosa ofrenda, aos pés da nosa Padroeira, unímonos á alegría reinante na cidade do Lérez polo comezo da semana grande das festas. 
E, desde o blogue Camelia Branca Do Ar quero invitarvos a que visitedes Pontevedra, sempre paga a pena... E como xa dicía unha antiga cantiga galega:
Eu si vou a Pontevedra,
non vou por ver os soldados,
vou por ver A Peregrina
a dos pendentes dourados

2 comentarios: