luns, 30 de xullo de 2012

Descalza Pola Beira Do Mar

Como moita xente, eu adoro ir á praia! Polo sol... Pero non só polo sol...
Tanto é así, que eu non paro nin un minuto, estarricada na toalla a apañar os raios do noso astro rei... Nunca fico sentada nin deitada... Non, non... Nada diso... Eu na praia estou sempre en contacto coa auga...
E o que máis me gusta é poder camiñar descalza pola beira do mar, coa auga salgada a rozar os meus pés, mollando as miñas pernas e salpicando todo o meu corpo... 
Non podo dicir que non guste do sol... Sí... Gústame o sol, a acariciar e a broncear a miña pel, mas sempre a pasear  pola orilla. Penso que  non hai nada mellor que eses paseos pola beira do mar e ao mesmo tempo estar a ouvir o rumor das ondas antes de chegar á area, ou o bater da auga contra as rochas, sentir a brisa mariña ondular o meu cabelo e a refrescar a miña pel ardente, ver as gaivotas no ceo voar e os cormoráns coas súas ás estendidas, postas a secar...
 E que dicir da sensación de sosego e de descanso que eu sinto alí!!!!!!
 E con música a soar nos meus ouvidos e no meu corazón, a miña mente libérase de toda preocupación e esquece todos os problemas...
En definitiva, na praia: Agradable e pracenteira sensación... Moitas emocións!

venres, 27 de xullo de 2012

De Ben Nacidos É Ser Agradecidos

Hoxe só deixo flores cuns versos de Fernando Pessoa e vinte mil gracias a todos os lectores e seguidores de Camelia Branca Do Ar que estades sempre aí e conseguistes que o blogue acadara as 20.000 visitas!!!!!!!
E o jardim tinha flores
De que não me sei lembrar…
Flores de tantas cores…
Penso e fico a chorar…

luns, 23 de xullo de 2012

Cousas Sinxelas

A min gústanme as cousas sinxelas, e as persoas sen dobrez. Adoro escoitar todo tipo de música pero ao mesmo tempo encántame que as palabras que se debullan ao son da melodía estean impregnadas de significado, de sabor e de color para a miña alma saudosa ..... E que delicia a miña ao sentir o rechouchío dos paxaros, cantándome na miña ventá, alá pola mañá ben cediño, cando aínda os meus ollos non están ben abertos ao día e aínda permanece en min a lembranza dos soños vividos na noite... Esa noite que aínda non quere marchar, que me ata ao meu leito,  pero que se ve obrigada a escapar pola présa da alborada, impaciente, e  xa presente no ceo, nas árbores, no río.....

mércores, 18 de xullo de 2012

Sempre A Camiñar


 Na vida, ás veces, as cousas andan moi de vagar... E a nosa rutina parece ir a un ritmo máis lento do que a nós nos gustaría...  Mais é importante non  parar... O que importa é seguir a estrada, ver a senda pola que temos que pisar e continuar o noso camiñar... Sempre a camiñar... Un paso detrás de outro e a nosa meta ficará un pouquiño máis cerca de nós... E o triunfo final estará ao noso alcance!

sábado, 14 de xullo de 2012

Teño Saudade Do Verán


Pois polo visto parece que este ano o verán non quere chegar ata estas paraxes galegas... E eu que estou de vacacións só teño un desexo: quero disfrutar do sol e do calor... Quero ir á praia... Quero camiñar descalza póla area e ir deixando as miñas pegadas detrás de min... Quero deixar que a auga salgada e fresca do noso Atlántico me molle os pés e incluso me conxele os tornecelos... Quero poder mergullar neste noso mar ata que me falte o ar!!!!!!
Teño saudade de ti... Saudade do verán!!!!!!

martes, 10 de xullo de 2012

Unha Luz Na Escuridade Do Noso Desespero

Que tristeza é pensar que, cando estamos cansados, cando sentimos a dor, ou mesmo un grande oco no noso interior... Cando pensamos que estamos derrotados e fuximos da nosa batalla na vida e, escondidos, só queremos gritar ... Que tristeza atoparse con que  o mundo é xordo... E non hai ninguén para nos oír!!!

Mais... Que o desespero non chegue ata nós... É bo acreditar que, cando todo parece xa estar perdido, felizmente, haberá alguén que escoite o noso berro... Unha man amiga, unha luz na escuridade que nos libere da nosa soidade...

martes, 3 de xullo de 2012

O Tempo Non Corre... Voa!!!


E continuando con Shakespeare, el tamén dicía que o tempo é moi lento para os que esperan, moi rápido para os que teñen medo, moi corto para os que festexan, mas  para os que aman, o tempo é eterno...
Eu non sei se Sir William estaba certo ou equivocado en algunhas de estas afirmacións, pero o que eu penso é que o tempo voa...
Aínda onte eramos nós, uns rapaces que ían á escola e tiñan os ollos moi abertos diante de todo o que a realidade nos ofrecía, e agora, case sen disfrutar da vida algúns de nós, dos que xogabamos sempre xuntos, alí no camiño polo que só pasaban os carros co seu cantar de eixe non ben mollado, algúns xa non están aquí a seguir compartindo experiencias neste camiño que é a vida...
Por iso eu penso, cada día mais claramente, que o mellor é disfrutar de todo o que a vida nos poña por diante no momento en que iso aconteza. Nada de pensar que mañá será o gran día... Temos que gozar do hoxe, porque se cadra, o mañá xa non chega... 
Porque a vida son dous días e o tempo non corre... Voa!!!!!