sábado, 23 de xuño de 2012

Na Noite De San Xoán


E mañá é San Xoán o que quere dicir que esta noite milleiros de fogueiras estarán acesas por toda Galicia. É unha tradición antiga e que gusta a moita xente... 

Agora hai o costume de aproveitar o remate da fogueira para asar sardiñas, sobre todo, ou calquera outro peixe da nosa ría, e convidar a xantar a todos os presentes...
Pero iso é unha “moda” relativamente recente... De hai uns anos para acá...

Eu aínda teño moi fresca na miña memoria aquelas tardes de xuño en que os nenos e nenas do lugar onde ei me criei, nos reuniamos e alá iamos ao monte, que estaba perto, a buscar leña para facer a fogueira... Con que entusiasmo empezabamos e buscabamos as pólas máis longas para que así a cacharela fose máis alta e durase máis tempo ardendo...  Si, porque daquela eramos os rapaces os encargados de xuntar “o material” ao que se lle prendería lume despois de cear... Si, primeiro ceabamos na casa e logo iamos para “A Carballeira” e alí, xa en compaña dos nosos pais, nais, avós... Entón prendíase lume a todo alí “almacenado” e disposto en forma máis ou menos cónica... e cando xa o lume estaba baixo, entón saltabamos por riba para “purificarnos” ou para espantar as meigas, que... Seica... Habelas, hainas...
 
Mentres buscabamos a leña, tamén aproveitabamos para recoller as herbas que deixabamos toda a noite nun balde de auga, ao serán, para lavarnos ao día seguinte con aquela auga que arrecendía marabillosamente con toda aquela mestura... Había algunhas destas herbas verdadeiramente difíciles de conseguir , sobre todo se o tempo non tiña sido moi húmido...  Que sorriso de triunfo se pintaba nas nosas facianas cando dabamos con algunha delas...

Agora aqueles tempos de apañar leña e de buscar herbas xa pasaron...

Pero hoxe a noite... Hai que ir saltar por riba da fogueira!!! Hai que botar fóra a tristura do inverno e o pesadelo este da crise... 

Meigas fóra!!!!!!

1 comentario:

  1. Yo pasé la noche de san Juan en la playa de Lourido. ¡Qué ricas estaban las sardinas! ¡Ya podían estar ricas, con lo caras que estaban en la plaza!

    ResponderEliminar