E mañá é San Xoán o que quere dicir que esta
noite milleiros de fogueiras estarán acesas por toda Galicia. É unha tradición
antiga e que gusta a moita xente...
Agora hai o costume de aproveitar o remate da
fogueira para asar sardiñas, sobre todo, ou calquera outro peixe da nosa ría, e
convidar a xantar a todos os presentes...
Pero iso é unha “moda” relativamente
recente... De hai uns anos para acá...
Eu aínda teño moi fresca na miña memoria
aquelas tardes de xuño en que os nenos e nenas do lugar onde ei me criei, nos
reuniamos e alá iamos ao monte, que estaba perto, a buscar leña para facer a
fogueira... Con que entusiasmo empezabamos e buscabamos as pólas máis longas
para que así a cacharela fose máis alta e durase máis tempo ardendo... Si, porque daquela eramos os rapaces os encargados
de xuntar “o material” ao que se lle prendería lume despois de cear... Si,
primeiro ceabamos na casa e logo iamos para “A Carballeira” e alí, xa en
compaña dos nosos pais, nais, avós... Entón prendíase lume a todo alí “almacenado”
e disposto en forma máis ou menos cónica... e cando xa o lume estaba baixo, entón
saltabamos por riba para “purificarnos” ou para espantar as meigas, que... Seica... Habelas, hainas...
Mentres buscabamos a leña, tamén aproveitabamos
para recoller as herbas que deixabamos toda a noite nun balde de auga, ao serán,
para lavarnos ao día seguinte con aquela auga que arrecendía marabillosamente
con toda aquela mestura... Había algunhas destas herbas verdadeiramente difíciles de
conseguir , sobre todo se o tempo non tiña sido moi húmido... Que sorriso de triunfo se pintaba nas nosas
facianas cando dabamos con algunha delas...
Agora aqueles tempos de apañar leña e de
buscar herbas xa pasaron...
Pero hoxe a noite... Hai que ir saltar por
riba da fogueira!!! Hai que botar fóra a tristura do inverno e o pesadelo este
da crise...
Meigas fóra!!!!!!