sábado, 31 de marzo de 2012

Atopar A Maxia Para Vivir A Vida

Ás veces estamos tan atarefados, vivimos a un ritmo tan trepidante que semella que deixamos escapar a vida! Igual que se nos escapa na praia a area debaixo dos pés...
Que bonito sería poder ir de vagar ... Admirar a paisaxe do caminho que atravesamos ... E atopar a maxia necesaria para disfrutar da vida!!.. 
E é  que é tan bonito Vivir... Só con unha razón a vida xa merecería a pena de  ser vivida... Mais hai tantas... O solpor, a alborada, o mar , um abrazo, unha lembranza, unha criatura, un encontro, un sorriso, unha saudade... Tantas... Non as deixes fuxir... Átate!!!! Amárrate a elas!!!!

martes, 27 de marzo de 2012

A Verdade No Ollar

Hai veces en que quixeramos gritar ao mundo mais de catro verdades que levamos dentro, máis de un sentimento que pulula no noso interior...
Mais os impedimentos sociais, as normas, ou incluso a nosa cobardía non nos deixan sacalos afóra... 
Pero hai algo que non podemos ocultar: A verdade está escondida detrás da nosa mirada... 
Eu sempre pensei que os olhos din a verdade...No olhar de unha persoa podemos ver, e inclusive ouvir, todo aquilo que as palabras non consiguen expresar... 
Por iso, a min gústanme os ollares, son transparentes, non esconden nada...
E aínda que estou de acordo coa xente que pensa que é necesario ocultar verdades, que necesitan seren dixeridas antes de poderen ser reveladas, para min é moi difícil ocultar a verdade...
 O meu rostro, e o meu ollar, din todo, transmiten os meus sentimentos, por mais que eu non queira...

venres, 23 de marzo de 2012

Xa Alcanzamos 15.000 Visitas... Moitas Grazas!!!

E en Camelia Branca Do Ar continuamos de celebración... Se o outro día celebrabamos o primeiro aniversario do blogue, agora celebramos que xa alcanzamos as 15.000 visitas...
 Moitas grazas a todos por estar sempre aí a nos ler!!! E hoxe só deixo um poema de Alberto Caeiro, un dos seudónimos de Fernando Pessoa:
   Se falo na Natureza não é porque saiba o que ela é.
   Mas porque a amo, e amo-a por isso,
   Porque quem ama nunca sabe o que ama
   Nem por que ama, nem o que é amar...

mércores, 21 de marzo de 2012

Ser Poeta

Eu quixera ser poeta...
Quem me dera ser poeta...
Saber coas palabras xogar
e así todos eses sentimentos
que acubillo no meu interior
poder expresar.

Mais as palabras non chegan,
e as emocións
quedan arredadas nun recuncho,
alá no fondo, moi fondo...
Quedan sempre desexando ver
a raiola do sol,
o orballo nas flores
e as cores do arco da vella no ceo...
Quixera que aínda que fose 
só por un día, 
as letras, as palabras,
entrasen pola porta 
da miña alma
e chegasen alá, 
tímidas ou atrevidas,
se fixesen donas de min 
e construíran 
o poema máis fermoso 
para eu poder ofrecer...

Non sei se elas 
serían ordenadas, ou non,
tristes ou alegres e riseiras, 
impulsivas ou mixiricas...
Eu só quero palabras...
Só palabras...
Claro que, se é por pedir...
O mellor é que trouxeran
con elas un agasallo:
un sorriso para debuxar
na miña face hoxe tan cansa,
hoxe tan... 

venres, 16 de marzo de 2012

Camelia Branca Do Ar: Un Ano De Vida

E así como quen non quere a cousa este blogue Camelia Branca do Ar xa ten un ano de vida...
Empezamos case “por obrigación”,  pois crear un blogue, era unha das tarefas de un curso de informática que eu estaba a realizar daquela...
Lembro que enseguida souben o nome que eu lle ía poñer: Camelia Branca do Ar, porque sempre  me gustou moito esta expresión, que como xa expliquei no seu día é un dos versos do poema: “Madrigal á cibdá de Santiago”, un dos poemas en galego de Federico García Lorca...
García Lorca... Precisamente él, un dos meus poetas preferidos, foi o protagonista do primeiro post... Un post, case de proba, moi sinxelo, sobre a vida e obra do gran Federico.
Lembro que, como era un blog de prácticas, eu non tiña falado del con ninguén... Só sabían da súa existencia as persoas encargadas do curso, e Ramón, que me axudaba cos meus problemas cibernéticos...
Pero un bo dia o meu amigo Tony Madureira “descubriu” a súa existencia... Él, Tony, foi o primeiro seguidor, e tamén a primeira persoa en deixar o seu comentario... E así, eu era a única persoa do curso cuxo blogue tiña seguidores e persoas a comentar...
Isto animoume a querer facer cousas mellores e diferentes... E tamén me animou a seguir publicando despois do curso, algo que non estaba na miña mente en un principio, nin por asomo...
E así pouquiño a pouco fóronse agregando outros seguidores, novos lectores... E chegamos ao día de hoxe con máis de 14.630 visitas... Algo que non podo máis que agradecer a todos: Moitas grazas polas vosas visitas...

 E unha mención destacada para os meus amigos portugueses que deixan case sempre os seus comentarios, a todos muito obrigada, e unha mención especial para o meu amigo Tony Madureira, polas súas visitas, as súas palabras, e en definitiva por ter chegado ata aquí: o noso primeiro aniversario!!!
MOITAS GRAZAS A TODOS!!!!!!!!!!!!!

mércores, 14 de marzo de 2012

Expresar Os Sons Do Silencio Do Noso Corazón

Moitas veces temos medo de dicir o que sentimos... Danos vergonza expresar os nosos sentimentos... Pero eu penso que non debería ser así...
Deberiamos ser libres para falar o que realmente está no noso interior...
Creo que dicir a alguén: "eu ámote" é moi bo... Moi bo para o que o escoita, e moi bo tamén para quen o di... Por iso non debemos enterrar as emocións nin deixar que unha palabra de cariño morra nos nosos beizos... Hai que facela saír... Non hai que ter medo... Non temos nada que perder, e sí,  moito que gañar...

Por iso hai quen di que a coraxe é aliada do amor... E así, quen ama, con coraxe, ten que perder o medo, buscar, se fai falta, algunha axuda, bombóns, poesías, música... E facer acontecer...
E mesmo hai veces en que nos apetece gritar os nosos sentimentos... Mais ás veces, ese son non sae ao exterior e o noso corazón libera un berro silencioso que só nós oímos... Por iso tamén, sen dúbida, debemos estar atentos aos sons do silencio.

sábado, 10 de marzo de 2012

Usar máscara ou ser un mesmo?

 

No tempo do Entroido falaba eu aquí no blogue sobre as persoas que son capaces de andar pola vida sempre cunha máscara posta… 
Pois agora, pouco tempo despois, volveu  xurdir o tema cunha pregunta feita polo meu amigo Tony Madureira: Quantas máscaras usas? Quando consegues ser realmente tu?
E eu aí xa sabía que respostar, non tiña ningunha dúbida:
Pois eu, non teño ningunha máscara.... O que se ve é todo o que hai en min... Pódevos gustar ou non...
 Mais  eu non son capaz de presentar agora, e para unhas persoas, unha cara, e despois, para outras, outra diferente... 
Ás veces eu desexaría que a miña expresión, o meu xesto non expresara os meus sentimentos, mais é algo que eu non podo controlar...
Todo o que eu estou a sentir está refrexado na imaxe que  estades  a ver... Se eu estou contenta  podédelo ver... O sorriso no meu rostro é totalmente sincero...
E se eu fico triste, tamén o  podedes ollar en min... As bágoas que escapan dos meus ollos, non son bágoas de crocodilo... A miña mágoa é totalmente sincera... Podedes acreditar... Non hai duplicidade en min... Son incapaz...  
E non pensedes que non tentei cambiar... Eu ás veces admiro esas persoas que son capaces de mostrar unha imaxe totalmente diferente nunha ou noutra situación... Elas están sempre coa máscara posta... Mais xá digo, é só ás vezes... Pois eu sei que eu non sería “eu” se eu actuase doutra maneira... Se cadra xa é hora de que eu compre unha máscara... Ou não??

xoves, 8 de marzo de 2012

Homenaxe Á Muller Traballadora

Un pouco de historia: Por que o día internacional da muller?
No 8 de marzo de 1857, as operarias de unha fábrica textil de Nova Iorque declaráronse en folga, ocupando a fábrica, para reinvindicaren a redución dun horario de mais de 16 horas diarias e cambiar para traballar "só" 10 horas.
 Elas, aínda traballando o mesmo, ou máis, recibían menos de un tercio do salario que se lles pagaba aos homes, e a súa petición non foi atendida.
Elas entón, decidiron encerrarse na fábrica, como medida de presión. Mentres elas están dentro, prodúcese un incendio, suponse que intencionado, e cerca de 130 traballadoras morreron queimadas.
Como homenaxe a estas mullleres, en 1910, en unha conferencia internacional de mulleres, celebrada en Dinamarca, decidiuse conmemorar o 8 de marzo como día internacional da Muller.
Por iso estas flores son a miña homenaxe a todas as mulleres que loitamos por un mundo mellor para todos.
E tamén vos deixo esta canción de John Lennon con unha bonita música e lindas palabras para "a muller"... PARABÉNS A TODAS!!!!!!

sábado, 3 de marzo de 2012

Disfrutar do camiño

Acontece que estamos sempre a tomar decisións... Mais non hai decisións que duren toda a vida...
O que importa é a vida do día a día... 
Por iso na vida é mellor ir de vagar, paseniño,  pasiño a pasiño, un enfrente de outro e sempre, sempre desfrutando do que o camiño nos ofrece.