mércores, 29 de febreiro de 2012

Follas Ao Vento Sen Rumbo

Pois... Sí... Ás veces pasa... Camiñamos polo simple feito de camiñar...
Somos como follas ao vento... Sem rumbo... Mais... tanto ten... O que importa é non ficar inmóbil... Continuar sempre a camiñar... E sen dúbida... Un día... O destino será noso!!

domingo, 26 de febreiro de 2012

A Música É Vida

A min, desde ben pequena, gústame moito a música... 
Lembro aqueles cantares con que miña avoa amenizaba o tempo que ela pasaba a coser, que era moito, pois era costureira, e que eu primeiro escoitaba, pasmada, e logo intentaba reproducir...
Lembro aqueles sons e aquelas letras que Lola, a tía de miña nai traía das súas longas estadías lonxe de nós, e que falaban de covas, de meigas, de serpes, de mouras a se peitear nunha rocha, de amores... E que me amosaban un mundo rico en aventuras e cheo de harmonía...
E como non lembrar aquelas cantigas dos nosos xogos de infancia tantas e tantas veces repetidas ao longo desa bonita etapa na miña vida...
E que dicir dos bailes da nosa adolescencia... E aqueles discos de vinilo de cantantes, bandas e grupos, galegos, españois e internacionais que escoitabamos a todas horas.....
 E non podo deixar de mencionar á “Madre Eguilior” e á “Madre Tablado” que me introduciron no mundo da música clásica, e descubriron en min unha voz, que segundo elas había que “cultivar”, cando eu cheguei ás súas mans, e que certamente deu os seus froitos, pois aínda hoxe adoro cantar e os que me escoitan, despois da sorpresa inicial, e de dar cerrado a boca, falan que é unha voz moi doce e bonita... 
Entón, como digo, eu paso a vida a cantar...   
Por iso, eu sería incapaz de vivir sen música... A música está sempre aí, en calquera momento e situación... Cando eu estou alegre, cando eu estou triste, cando río, cando eu choro... Ou cando eu fico sen palabras...
Aí está sempre a música e esas persoas importantísimas: Os músicos, para expresar todas as miñas emocións... O que se pasa pola miña na cabeza e, tamén, e máis importante, o que acontece no meu corazón... Por iso moitas grazas por estar aí!

martes, 21 de febreiro de 2012

A Vida É Un Carnaval

Ás veces danme gañas de ser outra persoa...
Poder poñer um simple anteface ou unha máscara e que ninguén me recoñeza nin saiba quen eu son...
Se cadra podería realmente actuar diferente...
Como esas persoas que levan unha máscara sempre posta... Para elas todo o ano é carnaval... Son capaces de aparentar unha personalidade diferente dependendo con quen se atopen ou con quen teñan que interaccionar...
Mais... Eu... Coñézome ben e sei que sería incapaz de ser outra persoa distinta de quen eu son realmente... Non teño dobre sentido nunca... E um simple anteface non mudaría os meus costumes... 
Ou si??? 

mércores, 15 de febreiro de 2012

Nós: Máis Alá Do Horizonte

Penso que na vida non temos que conformarnos con permanecer só naquel espazo onde nacemos e vivimos...
Creo que non debemos, para nada ser coma a lagoa, que fica contenta cos seus límites... Nós temos que ollar máis lonxe e ir alén do que temos ao noso arredor...
Eu prefiro ser coma o mar, ou, se cadra, coma o océano, que nunca está conforme e sempre está a buscar novos límites, novos desafíos, novos lugares polos que transcorrer... 
Non temos que ter medo a voar lonxe, o máis alto que poidamos... Temos que soñar, fantasear, seguir os mandados do noso corazón... Non encasillarnos, abrir o corazón para a alegría e pechar o paso á indiferenza...
Temos que poder ollar para o infinito e, ao mesmo tempo, tratar de atopar o mellor que hai dentro de nós, no noso interior... 
E nada mellor que abrirmos os ollos, sermos únicos, sermos nós mesmos...

sábado, 11 de febreiro de 2012

Perseguir E Alcanzar Os Soños

É seguro que todos nós albergamos algún soño no noso interior... Eu, por exemplo, sempre estou chea de soños... 
Mais sempre hai quen diga que na vida é mellor vivir a realidade antes que estar a pensar en algo, quizáis imposible de realizar... 
Pero eu creo que soñar é necesario... A realidade tornaríase moi insípida sen un ideal que buscar e alcanzar...
Tambén creo que se perseguimos con afán o acadar os nosos soños... Máis tarde ou máis cedo ímolo conseguir...
O segredo é olhar para o noso soño e correr detrás del sen medo dos obstáculos que atopemos no camiño... Sen medo a saír ao ar, baixo a luz do sol ou camiñar na escuridade... Sen temor a marchar por lugares sen fin ou por ruelas estreitas...
Pois o que é bonito está aí, no seu lugar secreto e seguro a existir para sempre... E fica á nosa espera... Se continuamos a busca, con certeza que o temos que encontrar... 
Por iso...Non desistas...Continúa a camiñar ... Non deixes o teu soño esperar unha eternidade...

mércores, 8 de febreiro de 2012

Vivir Momentos Únicos

No noso paso por esta vida é certo que podemos vivir momentos únicos... Momentos que temos que desfrutar e aproveitar para sentirmos todas as emocións posibles... 
Para iso debemos dar sempre todo o noso mellor e depositar o noso cariño, a nosa ilusión e a nosa meirande alegría en todo aquilo que facemos... Tamén temos que deixar a présa na casa e ir devagariño polos camiños a ollar todo o que sae ao noso encontro...
Se cadra, ás veces mesmo temos que arriscar o estarmos tranquilos ao calor do lar, sen alteracións no noso día a día e saír ao sol, á chuva, sentir o frío do ar na nosa faciana...
Sabemos que a vida é só unha e as oportunidades poden pasar só unha vez pola nosa porta...
Entón, sen dubidar... A aproveitar a vida!!!

sábado, 4 de febreiro de 2012

Días Fríos De Inverno

Días de Inverno,
noites de xiada,
mañás  de frío...                                           
E, eu, aquí, soliña,
tremendo no campo cuberto
co seu manto branco
de armiño...
Sinto na cara o vento conxelado
que ha levar lonxe
as nubes negras
dos meus pensamentos
escuros e tristeiros...
Luvas, cachecol,
e gorra de lá na cabeza...
Non sei se estou preparada
para a longa travesía...Da vida...

Mais, o sol, o sol do teu cariño,
xa ven chegando paseniño,
xa ven chegando mansiño...
E con el traerá a lareira para quecer
a miña alma cansa e sen carraxe para mudar...

E unha voz ao meu lado besbexa:
"Segue na luita... Segue camiñando!"
E, eu, escoito... E, sumisa, fago....
Comezo a camiñar... Xa non ficarei aquí, ao frío...
Novas rutas, novos desafíos, novas metas
Están a me esperar... Sempre a camiñar!!!

mércores, 1 de febreiro de 2012

Moitas Grazas Por estar aí

E... Ben!!... Paseniño, paseniño xa temos chegado ás 12.000 visitas...
     A verdade que aínda non o creo...  
Cando comecei a publicar no blogue era case máis un experimento, un querer saber como era este mundo dos blogs... A miña intención non era ficar por moito tempo... Pero, grazas a vós queridos lectores, lectoras, amigas  e amigos todos que visitades Camelia Branca Do Ar aquí estou eu... Aínda non marchei...
Que canto tempo máis estarei?? ... Ui...Iso é difícil de dicir... En principio seguirei por este mundo virtual un pouquiño máis... Tanto como vós sigades gustando do que aquí escribo!!
Por iso a todos os que por aquí pasades moitas grazas por estar aí!!! E continuade así!!! Xa sabedes que sodes sempre benvidos!!! Un bico e 12.000  sorrisos...  :-))
Mary Carmen